Actualidade / ArtigoVolver


Santiago, 28 de abril de 2004

O Informe Petras
Pais-fillos: dúas xeracións de traballadores no Estado español (1995)
 

James Petras-

Actualidade GalizaCIG


 Clic para aumentar
O noso ensaio céntrase no impacto da estratexia de modernización en dúas dimensions especificas da estrutura social: a calidade da vida social e da organización social de dúas xeracións de traballadores. Ambas as dimensións brindan unha comprensión básica do aumento da equidade social e da forza da sociedade civil. Fixámonos non só nos resultados materiais da política de modernización, senón na maneira en que a sociedade se organiza.
 
Nota introdutoria

A comezos de 1995, o sociólogo norteamericano James Petras empezou a desenvolver unha investigación sobre o impacto das políticas do PSOE no poder sobre a sociedade do Estado español, en concreto sobre as relacións entre a estratexia de modernización dese Goberno e o seu impacto sobre a estrutura social. No transcurso da devandita investigación, o propio estudoso decidiu corrixir a súa estratexia investigadora e centrarse nos custos humanos e os destrutivos efectos sociais da modernización a través da estratexia de liberalización, con atención na clase traballadora.

O estudo, que fora encargado no seu día polo CSIC, non puido ver a luz, até que finalmente saíu publicado na revista 'Ajoblanco' no verán de 1996.

Parece oportuno rescatar o chamado "Informe Petras", nun momento en que, pasados case 20 anos, persisten moitas das situacións que se relatan neste informe (precariedade laboral, etc) e no que outra volta o PSOE asume o Goberno do Estado.


A estratexia da modernización

A modernización da economía española entre 1982 e 1995 (o período de goberno do partido socialista) involucrou fundamentalmente tres estratexias interrelacionadas: liberalizar a economía, afondar a inserción do Estado español na división internacional do traballo (integración na CE) e configurar un novo "réxime regulador".

A liberalización tivo lugar ao longo dun marco prolongado de tempo e foi de natureza global. Abrangueu todo o período que consideramos e afectou profundamente a todos os sectores, rexións e clases da poboación. As medidas chave incluían a liberalización dos mercados, privatización de empresas públicas e bancos, libre convertibilidade e a flexibilización do mercado laboral. A aplicación de cada unha das medidas diferiu no tempo: algunhas producíronse a metade dos 80 (privatizacións). Outras, dun xeito pouco sistemático, comezaron na última parte da década e prolongáronse até metade dos 90.

Á estratexia de liberalización acompañouna (sendo causa tanto como consecuencia) a crecente inserción do Estado español na división internacional do traballo, en particular como membro para todos os efectos da CE. A integración implicaba fundamentalmente especialización, desde o momento que o Estado español só era capaz de competir con éxito nun número limitado de áreas. En particular, a inserción de Estado español na división europea do traballo tivo por resultado a expansión dos servizos, especialmente do turismo, e un declive relativo da industria.

Inserción e integración implicaron basicamente dous procesos asimétricos interrelacionados: unha transferencia desproporcionada de fondos de investimento da CE ao Estado español (en relación cos pagamentos) e unha balanza comercial moi desfavorábel para o país. A entrada crecente de Estado español no mercado internacional conduciu tamén a fluxos desproporcionados de empréstimos, investimentos e beneficios: máis empréstimos e investimentos cara ao Estado español que viceversa; como consecuencia houbo maior saída de beneficios e intereses devengados a investidores estranxeiros que afluencias derivadas dos investidores estranxeiros no Estado español.

As relacións asimétricas caracterizaron tamén a "internacionalización do capital". A práctica común do capital foráneo (europeo, na maioría dos casos) foi adquirir empresas españolas, mentres non houbo apenas participación española en compañías estranxeiras. O resultado en moitos casos foi a conversión do Estado español nunha plataforma de exportación de man de obra a compañías multinacionais de capital estranxeiro.

Esta inserción crecente do Estado español na división internacional do traballo veu acompañada da emerxencia dun novo "réxime regulador". O post-1982 foi un período de transición desde unha industria nacional cara a un réxime internacional baseado nos servizos. O "réxime regulador" son as regras e os actores sociais que dan forma ao proceso de acumulación. En esencia, as "regras" refirense ao campo de acción e ao método da intervención estatal na economía, as fronteiras entre actividade económica pública e privada, capital nacional e estranxeiro, a distribución dos ingresos do Estado entre o capital privado e o benestar social, a promoción de "mercados nacionais" e as exportacións. Os actores sociais son os principais decisores (estatais e privados) que establecen as regras e dirixen o proceso de acumulación.

Durante o réxime regulador "industrial-nacional", os principais actores sociais eran funcionarios públicos nacionais (electos e non electos) e líderes empresariais, sindicais e cívicos. Baixo o novo réxime regulador, os actores principais son prestamistas estranxeiros, directores de bancos multinacionais, altos funcionarios da CE e funcionarios públicos (elixidos ou non) vinculados ás redes internacionais.

O novo réxime regulador e o proceso de acumulación que este dirixe tivo dous impactos principais: 1) facilitou a desindustrialización da economía e a ascendencia da "economía de servizos"; 2) fomentou a desnacionalización da economía e a ascendencia do capital de propiedade estranxeira.

No contexto español, "liberalización" non significa "desregulación" ou ausencia de "regras" que gobernen a economía, nin significa tampouco a eliminación da intervención estatal. O que implica máis ben é un cambio nas regulamentacións, que facilita a expansión do capital estranxeiro, o crecemento dos servizos e maiores prerrogativas do persoal directivo no posto de traballo.

Paradoxalmente, a intervención estatal aumenta; pero mudan tanto a natureza dos actores sociais que dirixen o Estado como a dirección da intervención estatal. O novo réxime regulador amplía o papel do Estado á hora de financiar, subvencionar e sacar de apuros ao capital privado, multinacionais estranxeiras incluídas. Baixo o novo réxime regulador, o predominio dos servizos e dos actores sociais de orientación internacional substitúe os anteriores "tecnócratas nacionais", empresarios e actores sociais con vocación local.

Hai unha lóxica coherente na estratexia de modernización que adoptou o goberno socialista. A liberalización da economía nos primeiros 80 era unha condición necesaria para aprofundar a inserción na división internacional do traballo. A inserción en Europa, á súa vez, deu como resultado a consolidación dun novo réxime regulador baseado nos "actores internacionais". A ascendencia do novo réxime regulador prolongou o proceso de liberalización nos 90 e abriu as portas a ulteriores tomas de poder estranxeiras da economía (internacionalización asimétrica e maior especialización nos servizos).

O carácter mutuamente reforzador dos compoñentes da estratexia de modernización fai difícil cambiar ou reformar algunha parte por separado. A consolidación da inserción en Europa dificulta os cambios nas políticas de liberalización, a causa das novas regras e decisores. A estratexia de modernización mantense en pé ou derrúbase como un todo.

Unha advertencia é de rigor. Calquera análise da historia económica asiática ou euroamericana deixa claro que a liberalización non é o único método para aumentar ou afondar na participación no mercado mundial. O proteccionismo estatal selectivo e as estratexias de exportación foron prácticas moi estendidas e de éxito. En segundo lugar, os réximes industriais nacionais tiveron éxito ao formular estratexias económicas globais e fomentar estratexias económicas liberais, especialmente para as súas dependencias de ultramar.

En resumo, mentres que hai unha "lóxica interna" na estratexia española de modernización, os seus compoñentes particulares non son nin os únicos, nin os máis comúns, nin os de máis éxito.

Este ensaio ten en conta a coherencia e a lóxica da estratexia de modernización, mais a nosa preocupación de base é o seu impacto na estrutura social e política. Nos seus termos máis amplos, a cuestión principal é se a estratexia de modernización conduciu a unhas maiores equidade social e liberdade política ou a unhas máis fondas desigualdades e a un debilitamento da democracia política. Neste sentido, a "modernización" e os seus compoñentes interrelacionados son medios, non fins en si mesmos. É útil tomar nota do grao de éxito que tivo o réxime socialista ao liberalizar a economía, integrar máis Estado español no mercado europeo e desenvolver un novo réxime regulador, pero o test definitivo destas medidas radica en como afectan á vida das persoas. As cifras económicas globais, xa sexa en termos de aumento da produtividade, volume e ingresos das exportacións, número de turistas ou transferencias da CE en ecus, son pertinentes ante todo en termos de como afectan á vida da xente.

Neste sentido, desbotamos o suposto de moitos economistas liberais de que un funcionamento favorábel do mercado se traduce necesariamente en maiores niveis de vida e en máis liberdade política. Para nós, as consecuencias socio-políticas da modernización son tema de análise empírica. Non algo comprensíbel por lóxica deducitiva a partir dos supostos a priori da teoría neoliberal.


O impacto na estrutura social

O noso ensaio céntrase no impacto da estratexia de modernización en dúas dimensions especificas da estrutura social: a calidade da vida social e da organización social de dúas xeracións de traballadores. Ambas as dimensións brindan unha comprensión básica do aumento da equidade social e da forza da sociedade civil. Fixámonos non só nos resultados materiais da política de modernización, senón na maneira en que a sociedade se organiza.

Ao examinar o impacto da modernización na calidade de vida da clase traballadora, consideramos vás arcas xerais: ingresos, emprego, vivenda e lecer. Para comprender o impacto da estratexia da modernización era fundamental determinar se causara un efecto "homoxeneizador" ou "diferenciador" sobre dúas xeracións de traballadores.

Noutras palabras, se a distribución de bens e servizos aumentaba ou diminuía, e como se distribuíran. Un modelo, que chamaremos "tecnocrático", concentraríase na produción global de bens sociais. O outro, o "optimizador social", examinaría a distribución de bens e servizos entre diferentes segmentos da clase traballadora. Noutras palabras, un aumento dos gastos sociais en educación pode ter diferentes consecuencias para diferentes grupos sociais: maiores gastos na educación superior, nun sistema onde predomina a clase media, e gastos relativamente máis baixos na formación profesional, os cales afectan á clase traballadora, poderían incrementar as desigualdades, mellorar a calidade da educación da clase media, e ter un efecto contrario sobre a clase traballadora.

Neste ensaio, a análise céntrase nos efectos específicos da estratexia de modernización en dúas xeracións de traballadores.

Ao examinar os niveis de vida interxeracionais da clase traballadora, revisamos a estabilidade dos niveis de renda, salarios sociais e ingresos en metálico, e se estes medraron ou diminuíron ao longo do tempo. Sometemos a exame as diferenzas de ingresos entre xeracións para determinar se as diferenzas entre os grupos de máis idade e os máis novos aumentan ou diminúen.

Ao falar de emprego na clase traballadora, centrámonos en varias dimensiós: emprego versus paro, emprego eventual versus emprego estábel, e emprego en traballos ben remunerados versus emprego en traballos mal pagos. O estudo amosa que a estratexia de modernización incrementou o emprego nos traballos inestábeis e mal pagos para a xente nova e emprega os traballadores por baixo dos seus niveis educativos.

Un segundo tema da nosa análise é o impacto da modernización na organización social.

A modernización modera o discurso e debilita a organización da sociedade civil. As organizacións do lugar de traballo, cívicas e comunitarias decaeron en número de membros, autonomía e capacidade para formular e aplicar políticas, especialmente entre os traballadores novos. A modernización debilitou o sentido de compromiso comunitario nos asuntos sociais e creou maior atomización social e desarticulación das organizacións sociais, especialmente entre a xente nova. A formación e articulación de organizacións sociais, así como a súa influencia política e social, eran máis fortes entre a xeración maior de traballadores, que entrou no mercado laboral antes de que o réxime socialista dese comezo á "modernización". O noso estudo amosa que unha maior dependencia do "mercado" se acompaña dun papel crecente do Estado versus a sociedade civil, de modo que esta última se debilita. A "sociedade civil" está dividida por clases e por xeracións. O proceso de modernización ten un efecto diferenciador sobre a organización social das xeracións de traballadores mozos/maiores.

En resumo, o estudo céntrase na natureza cambiante da clase traballadora e nos efectos a longo prazo e a gran escala da modernización nos niveis de vida, na política e na cultura de diferentes segmentos xeracionais da clase traballadora.

A estratexia de modernización, coa súa énfase no sector privado, unha máis fonda integración no mercado europeo e un réxime regulador baseado en actores internacionais, ten un efecto profundo sobre un certo estilo de toma de decisións políticas e sobre o concepto de cidadanía, das que á súa vez depende. A rama executiva do goberno determinou cada vez máis o proceso de toma de decisións; o decreto lei usouse moito no proceso de modernización.

Debido á ruptura radical co anterior réxime regulador e ao custo social que implican a liberalización e a integración, a énfase no poder executivo convértese nun acompañamento "natural" da modernización.

Distinguimos tres tipos de lideranza: a) concentrada no executivo, b) con reparto do poder, e c) consultivo.

A lideranza concentrada no executivo implica en esencia a restrición a un número limitado de confidentes próximos, cun poder discrecional que é estreitamente supervisado polo Presidente, baixo a dirección do cal actúan. O fluxo de influencia e poder combina as vinculacións "horizontais" (entre xefes de Estado, funcionarios da CE, as principais institucións de empréstimo, e grupos empresariais e financeiros de orientación internacional) e os vínculos "verticais" (entre os parlamentarios, o partido e as organizacións cívicas e sociais).

A lideranza con reparto do poder céntrase na difusión do poder entre distintas ramas do goberno (Parlamento-Presidente), o partido e o Estado, e organizacións sociais. Aínda que non todos os grupos comparten o poder equitativamente, hai un proceso de releo e negociación sobre diversas áreas temáticas. A fragmentación do poder e a necesidade de formar coalicións facilita a defensa de intereses sectoriais, ao tempo que limita a capacidade do Executivo de impor mudanzas estruturais básicas.

A lideranza consultiva conta en gran medida cos fluxos de influencia, ideas e propostas, que van de abaixo arriba. Está estreitamente ligada a unha sociedade civil forte, na que as organizacións sociais autónomas xogan un papel determinante na formación e articulación das cuestións. A capacidade do Executivo para aplicar políticas cun alto custo social vese restrinxida. Os partidos, o Parlamento e os funcionarios da Administración quedan baixo un estreito escrutinio público. A opinión pública configúrase mediante intercambios horizontais entre as organizacións sociais. A influencia de fontes de información centralizadas e impersoais como os medios de masas vese diminuída. Os decisores estranxeiros e os funcionarios non electos, que desempeñan un papel central na lideranza executiva, e que son influentes nun esquema de reparto do poder, fican relegados a unha posición marxinal baixo os modelos de lideranza consultiva.

A lideranza concentrada no Executivo é, segundo a teoría democrática clásica, a máis elitista e restritiva, aínda que é probabelmente a máis eficaz para levar a cabo unha modernización ao estilo da española.

A lideranza con reparto do poder é menos elitista, na medida en que se inclúe un conxunto máis amplo de forzas políticas e sociais, mais é menos capaz de aplicar a estratexia de modernización, e exclúe ou marxina a sectores significativos da sociedade civil. A lideranza consultiva é practicamente incompatíbel coa estratexia de modernización (cando menos tal como se elaborou no contexto español), pero é o máis inclusiva e democrática, na medida en que consulta activamente a sectores importantes da sociedade civil.


Cultura cívica

A estratexia de modernización tivo un grave impacto na cultura cívica. Por cultura cívica referímonos ás relacións entre a sociedade civil e o Estado, ao nivel e calidade da actividade cidadá, ao acceso á clase gobernante e á influencia do goberno sobre os cidadáns.

Unha democrácia viábel depende da capacidade dos cidadáns de se sentiren libres para exercer os seus dereitos, sen as ameazas ou a intimidación daqueles que exercen o poder no réxime ou o Estado. Os réximes autoritarios exixen que os movementos sociais subordinen as súas demandas ás prioridades das elites (investidores estranxeiros, prestamistas, a CE, etc.). Nunha cultura cívica, os líderes políticos incitan os cidadáns a actuaren como os axentes do cambio social. Nunha cultura política autoritaria (haxa eleccións ou non) os líderes políticos fomentan a crenza de que os movementos sociais "ameazan a estabilidade democrática", sementan o medo e a inseguridade entre os cidadáns e promoven a crenza de que só a elite política pode decidir cando, onde e como hai que proceder para pór en prática o cambio social.

No terreo xurídico, a igualdade ante a lei e a subordinación a esta dos funcionarios públicos (incluíndo a policía e o exército) é un ingrediente esencial para a creación dunha cultura cívica. Esta exclúe, por definición, o uso por parte o Estado de calquera organización paramilitar que se involucre en actividades fóra da lei. Por exemplo, a crecente evidencia da implicación do Goberno na organización e financiamento dunha organización paramilitar como os GAL é totalmente incompatíbel con calquera noción de cultura cívica.

A opción política, o libre acceso á información e a liberdade para se organizar son variábeis significativas á hora de medir o grau de cultura cívica. A opción política non se basea só no número de partidos senón no grao de apertura do sistema político a debater estratexias alternativas de desenvolvemento. O libre acceso á información non se basea só na liberdade para publicar ou ler calquera cousa que se desexe, senón tamén no acceso equitativo aos media para presentar ideas ante a opinión pública. A liberdade para se organizar implica "baixo custo" ao unirse a unha organización: os traballadores eventuais poden ser legalmente libres de se afiliar a un sindicato, mais os empresarios son igualmente libres de se negar a renovarlles o contrato, o cal socava na práctica o dereito de asociación.

Os programas de emprego subvencionados polo Estado e vinculados a clientes políticos, nos que se ligan as preferencias do empresario coa consecución do emprego, son incompatíbeis coa cultura cívica.

O acceso á clase gobernante dunha minoría restrinxida, que ten como resultado o enriquecemento persoal, é incompatíbel cunha cultura cívica. A integridade política vincula a responsabilidade do goberno cunha cidadanía activa e autónoma, organizada en sociedade civil.

Hai dúas culturas políticas ben determinadas. Unha cultura cívica, onde as leis se aplican por igual a todos os cidadáns, e onde os funcionarios políticos electos fortalecen a participación cidadá e fomentan o crecemento dos movementos sociais. A actividade gobernamental réxese pola lei e non se usa o cargo público para impor preferencias políticas aos cidadáns nin para o enriquecemento persoal. Unha cultura política autoritaria é aquela onde a corrupción é desenfreada e o enriquecemento persoal é endémico ao sistema político.

As organizacións paramilitares extra-legais violan os dereitos humanos e a política estatal encamíñase a limitar a participación cidadá, dominar as cadeas de comunicación e concentrar a actividade política na lideranza persoal da elite política. A "cidadanía" redúcese a votar por un menú político de élite, en vez de ser orientada activamente a formular os contidos do menú. Neste sentido, os votantes non son cidadáns, na medida en que non son membros dunha comunidade política. Aínda que votar é un ingrediente necesario da cidadanía, resulta claramente insuficiente. A cultura política gobernante pode debilitar tan gravemente a posibilidade de crear unha cultura cívica, que a cidadanía se vexa efectivamente socavada.

Tense argumentado a miúdo que a modernización é a condición sine qua non para a consolidación da democracia no Estado español. Xurdiron suficientes evidencias como para pór en cuestión ese suposto. Gustaríanos presentar algunhas contrateses como punto de partida da nosa investigación.

A modernización a través da liberalización da economía consumouse en gran parte vía decreto lei, cousa que favoreceu as estruturas estatistas-autoritarias, a expensas da sociedade civil e a consulta pública.

A centralidade do mercado como o principal mecanismo para a modernización reforzou os lazos entre os negocios e o Estado, e fomentou valores mercantís dentro da clase política. O resultado foi que a corrupción a grande escala impregnou o sistema político, minando a cidadanía. A liberalización, coa súa énfase na privatización e na flexibilidade laboral, conduce ao aumento do traballo eventual, a un declive da organización social, e a maiores disparidades de renda entre o capital e o traballo.

A liberalización e o novo réxime regulador fortalecen os empresarios sobre os traballadores, o capital estranxeiro sobre o nacional, os "servizos" (banca, especulación, bens inmobiliarios e turismo) sobre o capital produtivo (industria, agricultura, minería).

O novo réxime regulador é "inclusivo" polo que se refire a multinacionais e banqueiros estranxeiros, e excluínte en relación aos traballadores e produtores locais.

A inserción de Estado español na división europea do traballo aumenta o desemprego porque a industria española non é competitiva. Ao tempo que a especialización no sector dos servizos incrementa as desigualdades entre o capital financeiro e os traballadores mal pagos dos servizos. Aumenta o turismo, xunto co emprego estacional mal pago, o que ensancha as disparidades entre rexións e clases.

O aumento de industrias de propiedade estranxeira está directamente relacionado coa liberalización e a inserción de Estado español na división europea do traballo. O incremento do capital controlado por estranxeiros aumenta a influencia política de actores políticos non electos, que configuran máis e máis a axenda política.

A inserción de Estado español na división europea do traballo incrementa o fluxo de pagamentos por transferencia cara ao Estado español, ao tempo que aumenta a súa débeda.


A fenda xeracional

A clase traballadora do Estado español está profundamente dividida entre unha minguante minoría de traballadores fixos e sindicados, cun salario levadeiro e beneficios complementarios, e unha masa crecente de traballadores eventuais que traballan polo mínimo (ou por baixo do salario mínimo) con horarios irregulares (que van dunhas poucas horas á semana a cincuenta ou máis), sen beneficios complementarios e totalmente suxeitos aos ditados do empresario. Esta división social corresponde en gran parte a unha diferenza xeracional, que á súa vez coincide cos cambios nas estratexias económicas globais. A man de obra fixa e mellor paga son normalmente os "pais" ou as "nais" que entraron no mercado laboral a finais dos 60 e a primeiros dos 70, durante a estratexia de industrialización nacional do tardofranquismo. A man de obra eventual son os "fillos" e "fillas" que entraron no mercado laboral a finais dos 80 e primeiros dos 90, en plena aplicación a gran escala, por parte do réxime socialista, dunha estratexia económica neoliberal.

As diferenzas interxeracionais dentro da clase traballadora son profundas e duradoiras, e afectan a todos e cada un dos aspectos da vida política, social, cultural e familiar. As diferenzas socio-económicas están profundamente ligadas á fenda comunicativa entre xeracións, que foi materia de numerosos analistas. Os valores culturais que chocan, os discordantes estilos de vida e o impacto da cultura de masas a través dos media son factores importantes de seu, mais tamén reflicten e son produto de diferentes "situacións vitais".

Para a xeración maior, o emprego non era un problema grave; e unha vez que se estaba empregado aquilo era, se un quería, de por vida, sempre que un non infrinxise as regras políticas do réxime de Franco.

Deste xeito, a estabilidade no emprego proporcionaba unha base para a continuidade e un grao relativo de certeza á hora de facer proxectos para o teu ciclo vital. Por suposto, o traballo era duro, as horas eran moitas e os salarios baixos pero había, especialmente a primeiros dos 70, unha morea de oportunidades para presionar e loitar por substanciais incrementos salariais e por un ensanchamento da rede social. Emprego, casamento, montar a "casa", alugar, logo aforrar, un pagamento ao contado e a compra dunha vivenda... fillos... visitas á familia o domingo... a adquisición dun coche barato... educar os nenos... para algúns mesmo un pequeno apartamento nunha urbanización popular ou unha casa de campo para as vacacións do verán... Mirar cara ao futuro con tranquilidade, a xubilación, as pensións seguras, algunha que outra excursión a países veciños.

Para a nova xeración, o emprego é o problema número un. Non hai practicamente empregos estábeis, a maioría son eventuais, sen porvir e mal pagos, "baixo man". É imposíbel imaxinar o "mudarse"... Mozos adultos con vinte e moitos e trinta e poucos acaban vivindo na casa cos seus irmáns adolescentes. O emprego eventual crea unha gran incerteza no concernente a ingresos, ao futuro, ao presente. O medo a un despedimento súbito e a que te substitúan está sempre presente. Un forte sentimento de ser vulnerábel e mal pago crea inseguridade persoal e unha falta de autoestima, unha reticencia a falar do mal que che pagan, das moitas horas, do "obediente" que tes que ser... para conservar un emprego de miseria. A vida non ten a continuidade que che permite facer amigos íntimos no traballo e plans para o futuro. As relacións estábeis, a longo prazo, con posíbeis compañeiros nin se pensan. Cando e onde se poderían consumar? De xeito que unha serie de relacións transitorias, construídas por volta da fin de semana, dan en ser a norma. Calquera outra cousa é un arranxo "complicado", que implica visitas á casa e pasar as noites con pais intrusos, ou escapadas ocasionais de fin de semana.

Os "praceres da familia extensa" vense, en tales circunstancias, moi constrinxidos. Os pais láianse de que os fillos se limitan a "ir e vir", non contribúen en nada cando traballan (a menos que sexan presionados). Mentres que os fillos gastan todos os seus ingresos en equipos electrónicos, fins de semana en bares e discotecas, e o que sobre para unhas eventuais vacacións.

Se os pais son ás veces demasiado indulxentes, se cadra é pola mala consciencia de que son "privilexiados", ou como unha autoaxuda á súa propia seguridade laboral. A maioría dos traballadores de idade, porén, teñen un forte sentimento de que se "sacrifican" para lles dar aos seus fillos o que eles non tiveron ao medraren pobres. A ironía é que os pais esperaban que, con ingresos engadidos, máis educación e un ambiente de familia estábel, os fillos conseguirían máis, e alcanzarían un máis alto estatus, e empregos mellor pagos. En lugar diso, os fillos dos traballadores non poden lograr sequera o nivel de seguridade e ingresos des seus pais.

O gran paradoxo do último cuarto do século XX é que os maiores investimentos da familia nos fillos non puideron contrarrestar os efectos retrógrados do sistema económico neoliberal, o cal tivo como resultado unha tendencia xeral á mobilidade interxeracional cara a baixo. Hai case setenta anos, durante os anos 30, tivo lugar un proceso similar, durante a Gran Depresión.

A mobilidade interxeracional descendente non é un fenómeno unicamente do Estado español. En diversos graos estase a dar entre os traballadores en toda Norteamérica e Europa, especialmente alí onde o modelo neoliberal substituíu o Estado de benestar. Un artigo recente no estadounidense 'New York Times' sinalaba:

"A mobilidade social non aumentou, como demostran os últimos estudos, por moito que os conservadores afirmen que aínda abundan os Horatio Algers. En efecto, a mobilidade social diminuíu para moitos, en especial para os pobres. E o máis preocupante de todo: as tendencias ao ensanchamento das desigualdades de renda e á redución de oportunidades resultan ser máis pronunciadas hoxe entre a xente nova, o cal suxire que o país se dirixe cara a unha sociedade máis estratificada.

Ao comparar os anos 80 e os primeiros 90 cos últimos 60 e os 70, os investigadores comprobaron que cada vez é máis probábel que os pobres sigan sendo pobres, e os ricos, ricos. Viron tamén que a clase media, definida como familias con ingresos, despois de impostos, entre 24.000 e 72.000 dólares (entre tres e nove millóns de pesetas), vai rompendo: as probabilidades de se volver rico ou pobre aumentaran, mentres que as probabilidades de permanecer na clase media minguaran."

O estudo comprobou tamén que as oportunidades dos mozos de alcanzaren uns ingresos de clase media contra os 30 anos están a diminuír. Mentres que o 60% daqueles que cumprían os 30 antes de 1989 o conseguían, só o 42% o lograron desde aquela. A pauta cúmprese independentemente da raza, os ingresos dos pais ou a educación.

"O impresionante é o xeito tan uniforme en que se produciu esta caída da mobilidade ascendente, por todos os grupos demográficos do mercado laboral", di o profesor Duncan.

Ademais o fenómeno xa non se limita á clase obreira ou á xente nova. Cada vez máis a clase media, os profesionais e os técnicos cualificados, incluíndo individuos de media idade, vense afectados pola "redución de tamaño" das empresas e a subcontratación. O traballo eventual afecta cada vez máis aos empregados de clase media.

O que está claro, porén, é que o Estado español representa un especial caso "avanzado". Os seus niveis de desemprego e paro xuvenil son os máis altos de Europa Occidental e Norteamérica. Ademais, foi o Estado español o que se encamiñou máis lonxe e máis rápido cara a un sistema laboral de dous terzos, onde as ordenanzas laborais establecen abertamente por lei desigualdades de renda substanciais e salarios por baixo da liña de pobreza; con escasas, cando as hai, regulamentacións no que concerne a abusos patronais. O que está a pasar no Estado español é se cadra un espello do que poderíamos esperar noutros países no futuro.


Emprego / paro

Entre mediados dos 70 e final dos 80, o índice de desemprego no Estado español empeorou en relación ao seu propio pasado e en relación a Europa.

Mentres que en 1974, antes das políticas socialistas de liberalización, o índice de desemprego era máis ou menos o mesmo que en Europa, a mediados dos 80 multiplicárase por sete e case dobraba a taxa europea. Unha tendencia que continuou até o final da década e máis alá, como veremos. A ironía é que a retórica "europeísta" do réxime de González, o argumento de que a liberalización era a vía para se facer europeos, encubría o feito de que a distancia entre o Estado español e Europa en realidade ensanchara durante a súa presidencia, cando menos no indicador básico dos índices de paro. En termos reais, o índice de paro no Estado español aumentou até aproximarse ao das crises que sacudiron Europa nos anos 30, ou ao dos actuais países do Terceiro Mundo, antes que ao da Europa moderna.

Con 1 de cada cinco traballadores desempregado, a estratexia de liberalización non está dirixida a aumentar o emprego, senón a facilitar a adquisición estranxeira de industrias locais e a incrementar a presión á baixa sobre os salarios para facilitar a acumulación de capital.

ÍNDICE DE DESEMPREGO (en porcentaxes IDADE: 15-64)
 197419851988
Estado español03,221,419,8
CE02,911,210,3

DESEMPREGO POR ANO, SEXO E IDADE (en porcentaxes)
 197519851988 (2º semestre)
 

Total

Homes

Mulleres

Total

Homes

Mulleres

Total

Homes

Mulleres

16-19

9

12,2

9,4

55,9

54,1

58,6

46,8

41,3

53

20-24

 

8,1

6,3

44,6

42,2

47,8

38,5

32,6

46

25-54

2,9

3,4

1,8

15,8

15,8

16,3

14,9

11,6

21,9

>= 55

 

3,9

0,8

9,8

9,8

25,4

8,5

9,3

6,2

Total

4,3

 

 

21,9

20,5

19,8

19,9

15,6

27,9

Os datos en secuencia temporal, que atenden ás cohortes de idade e ao desemprego, ilustran o feito de que o aumento do paro tivo impacto sobre todo na xente nova.

En 1975 só o 8,1% dos homes e o 6,3% das mulleres entre 20 e 24 anos estaban desempregados. Contra 1985 as cifras eran o 42,2% e o 47,8%, respectivamente. En 1988 os índices eran de catro a oito veces máis altas que antes da introdución das reformas liberais.

Canto máis novos son os grupos de idade, máis alto é o paro, o cal reflicte o feito de que a xeración maior entrou no mercado de traballo antes da liberalización. Isto vese claro se comparamos as diferenzas en desemprego entre os grupos de idade antes e despois do período de liberalización. En 1975, no grupo de idade entre 16 e 24 anos, o índice de desemprego era do 9%; para aqueles por riba de 24, era do 2,9%, unha diferenza de 6 puntos porcentuais. En 1985 a diferenza variaba entre 40 e 30 puntos porcentuais. En termos absolutos, o número de parados aumentou de 150.000 en 1974 a 2.750.000 en 1988. Durante este período, a porcentaxe de persoas que percibían o subsidio do paro baixou do 69% en 1976 ao 42,5% en 1988. O groso dos parados estaban nos sectores industrial, da construción e agrícola, todos eles duramente golpeados polas políticas de liberalización e a entrada do Estado español no Mercado Común. Igualmente desastroso é o feito de que o número de parados de longa duración (aqueles que están fóra do traballo durante máis de dous anos) medrou coa prolongación e profundación das políticas económicas de libre mercado.

En 1977, só o 15,6% dos parados quedaran fóra do traballo dous anos ou máis; contra 1984 a cifra elevouse até o 31,7% e en 1988 case a metade dos parados eran de longa duración.

Os altos índices de desemprego mantivéronse nos 90, o cal demostra que o problema ten as súas raíces nas estruturas profundas da economía liberal. Mentres que houbo unha leve caída do desemprego entre as cohortes de menor idade (16-24) durante os últimos anos 80, as cifras volveron a elevarse mesmo para este grupo até rozar o 50%.

Entre 1984 e 1993, o índice de desemprego incrementouse para case todos os grupos, excepto para os máis novos, os cales xa alcanzaran os niveis máximos.

Para os mozos traballadores de entre 25 e 29 anos, o paro aumentou do 23,9% ao 29,7%. Para os que tiñan entre 30 e 34 anos, o incremento foi do 15,1 % ao 21,6%. Aqueles traballadores por riba dos 40 anos, que entraron no mercado laboral antes das políticas de liberalización, tiñan os índices de paro máis baixos nos dous períodos de tempo. Porén, é interesante facer notar que mesmo entre os traballadores maduros, os índices de desemprego foron aumentando coa profundación das políticas de libre mercado.

As enormes diferenzas nos índices de paro entre os mozos traballadores por baixo dos 25 anos (40% e máis) e aqueles por riba dos 40 (14,5%) é un dos factores chave que explican as diferenzas "xeracionais".

ÍNDICE DE DESEMPREGO POR IDADE (en porcentaxes)
 19841993
40-4410,514,5
45-4910,513,7
50-5409,713,3
55-5911,013,4

ÍNDICE DE DESEMPREGO POR IDADE (1984-1993) (en porcentaxes)

Idade

 

1984

1987

1990

1993

16-19

Total

55,9

49,4

36,5

50,3

Homes

54,8

45,2

30,8

47,3

Mulleres

57,6

54,2

43,0

54,1

20-24

Total

42,1

40,3

30,6

40,5

Homes

40,5

35,2

24,4

37,0

Mulleres

44,1

46,8

38,3

44,9

25-29

Total

23,9

25,6

21,4

29,7

Homes

22,9

21,9

15,6

25,5

Mulleres

25,9

31,6

29,8

35,4

30-34

Total

15,1

15,5

14,8

21,6

Homes

15,3

12,7

9,9

17,0

Mulleres

14,5

21,0

23,0

28,8

35-39

Total

11,8

12,3

11,3

17,3

Homes

12,0

10,1

7,7

13,1

Mulleres

11,2

17,8

18,0

24,3

40-44

Total

10,5

10,5

9,2

14,5

Homes

11,2

9,1

6,6

11,1

Mulleres

8,3

14,4

15,0

20,9

45-49

Total

10,5

10,5

8,3

13,7

Homes

11,8

10,1

6,3

11,3

Mulleres

6,5

11,5

13,7

19,1

50-54

Total

9,7

10,4

8,7

13,3

Homes

11,0

10,7

7,8

12,0

Mulleres

5,6

9,8

11,3

16,6

55-59

Total

11,0

11,0

9,0

13,4

Homes

12,4

11,8

9,0

14,4

Mulleres

6,3

8,3

9,0

10,8

60-64

Total

8,6

8,1

6,4

8,4

Homes

10,8

9,5

7,2

9,4

Mulleres

1,8

4,0

4,3

6,0

65-69

Total

1,1

2,4

2,1

1,6

Homes

1,2

2,7

2,2

1,6

Mulleres

0,8

2,0

1,8

1,4

70 e máis

Total

0,8

1,1

0,3

3,6

Homes

1,3

1,4

0,5

3,2

Mulleres

0,1

0,5

0,6

4,3


Contratos de traballo

Parte da estratexia de libre mercado do réxime socialista para reforzar o poder das empresas consistiu nunha serie de leis laborais aprobadas a mediados dos 80 que socavaron o emprego estábel dos traballadores. Foise permitindo cada vez máis aos empresarios empregar os traballadores con contratos eventuais, que na maioría dos casos só eran de seis meses de duración e estaban suxeitos a cancelación a discreción dos empresarios e sen indemnización por despedimento.

Un estudo na área metropolitana de Barcelona ilustra o incremento dos novos contratos laborais.

TIPOS DE CONTRATO (en porcentaxes)
Tipo

Total 1985

Total 1990

Indefinido

83

69

Temporal

17

31

Otro estudo a nivel estatal amosaba unha pauta similar:

CONTRATOS LABORAIS NO ESTADO ESPAÑOL (en porcentaxes)
Tipo

1987

1990

1993

Indefinido

82

69

67

Temporal

18

31

33

Xunto co aumento do paro masivo entre os mozos traballadores, está a crecente inestabilidade e descontinuidade do emprego entre os que o encontran. Os altos índices de paro danse en todos os niveis de educación. As pautas de alto nivel de paro persistiron durante case unha década. A pesar dos crecentes logros educativos, a economía de libre mercado amosa pouca flexibilidade ou interese pola crecente man de obra cualificada.

ÍNDICE DE DESEMPREGO POR NIVEL DE EDUCACIÓN (en porcentaxes)
 

1987

1993

Sen estudos

20,1

23,1

Escola primaria

15,6

20,2

Secundaria

27,1

26,8

Técnica e profesional

29,0

26,5

Universitaria

16,2

14,7

Os traballadores cualificados e educados hoxe fan fronte a índices de desemprego que sobrepasan un cuarto da man de obra. A escolarización pode parecer cada vez máis fóra de lugar para uns mozos traballadores con poucas perspectivas de emprego.

A formación técnica e profesional parece fóra de lugar para unha economía cada vez máis baseada no turismo, a administración pública e as plantas de montaxe. Os novos contratos de traballo temporais, que provén aos empresarios dunha poderosa vantaxe sobre os mozos traballadores, son os preferidos polos empresarios en Catalunya.

CONTRATOS LABORAIS EN CATALUNYA (en porcentaxes)

Idade

 

1987

1990

16-25

Indefinido

40

25

Temporal

60

75

26-35

Indefinido

80

68

Temporal

20

32

36-45

Indefinido

87

81

Temporal

13

19

Está claro que a esmagadora maioría dos contratos laborais para a xente nova son hoxe inseguros, mal pagos e temporais, un fenómeno que medra co tempo e que está a comezar a afectar a todos os grupos de idade en maior ou menor medida.

De persistir a tendencia actual, está claro que os traballadores fixos, ben pagos e sindicados van ser unha clara minoría. O goberno autonómico en Catalunya de Jordi Pujol é un dos arquitectos e promotores chave dos contratos de traballo temporais e é probábel que estimule e apoie a súa prolongación no tempo. Neste sentido, as políticas nacionalistas son estritamente "lingüístico-culturais" e combínanse cun contido social profundamente antitraballo. De feito, a nivel económico, o "nacionalismo" non existe, na medida en que Pujol é un ardente partidario do libre mercado e promotor das tomas de posesión estranxeiras da economía nacional.

A centralidade do mercado como principal mecanismo de modernización reforzou os lazos entre o mundo dos negocios e o goberno central e os réximes autónomos, particularmente en Catalunya. A liberalización, coa súa énfase na flexibilidade laboral, estimulou altos índices de paro e de emprego eventual, o declive da organización social e unha maior desigualdad de rendas.

O importante non son só as negativas consecuencias obxectivas senón as respostas subxectivas a estes procesos económicos. Como viven os traballadores mozos e maiores estas experiencias? Como afectan as políticas económicas liberais aos traballadores maiores, que entraron no mercado laboral antes do proceso de liberalización, e aos traballadores máis novos que tentan conseguir empregos? Que diferenzas nos ciclos vitais, valores e actitudes fronte ao traballo xorden destes cambios no mercado laboral? Como se experimenta a liberalización desde abaixo? Cales son as consecuencias humanas das abstractas doutrinas económicas liberais? Nas próximos epígrafes, analizaremos a resposta de dúas xeracións de traballadores.


A xeración maior

A "xeración maior" -aqueles que entraron no mercado de traballo entre mediados dos 60 e mediados dos 70- está marcada por varias experiencias importantes. O primeiro e crucial:

Era un tempo de expansión capitalista, rápida industrialización e forte demanda de traballo. En segundo lugar, era unha época en que a normativa laboral estipulaba un emprego practicamente de por vida, sempre que un acatara o réxime político. En terceiro lugar, era unha época onde os sindicatos autónomos se estaban a organizar, moi subordinados á militancia de base, cunha marcada orientación de clase e un mínimo de funcionarios "a tempo completo". En cuarto lugar, as loitas no lugar de traballo estaban ligadas ás loitas políticas contra a ditadura de Franco.

Por último, debido á natureza expansiva da economía, á seguridade no emprego e aos sindicatos autónomos de recente composición, os substanciais aumentos salariais foron a norma ao longo dos anos 70. Cada unha destas experiencias reforzou o sentimento de formar parte dunha cultura do traballo cohesionante, onde a organización colectiva era aceptada como unha forma de vida en común, e a solidariedade de clase volveuse de rutina en oposición á clase empresarial e ao réxime de Franco.

O medo ao réxime represivo e aos despedimentoos estaba suavizado polas oportunidades para traballar noutro sitio, polo apoio dos compañeiros do traballo ou mesmo dos veciños, se os artigos de primeira necesidade escaseaban temporalmente. O problema era o mal soldo, non a inseguridade no emprego. E a concentración de traballadores e a subseguinte organización no lugar de traballo podían, e de feito así o facían con frecuencia, corrixir os baixos salarios nunha medida que aos traballadores eventuais, mal pagos e dispersos de hoxe, lles resultaría difícil de imaxinar. As diverxencias entre a xeración maior e máis moza de traballadores comezan porén moito antes, na casa e no barrio.


Medrar no Estado español de posguerra

Medrar nos últimos 40 e nos 50 no Estado español da posguerra significaba tempos difíciles.

Case todos os traballadores maiores de hoxe eran fillos ou fillas de inmigrantes doutros territorios de Estado español. Os pais eran labregos pobres ou traballadores mal pagos de Andalucía, Murcia, Castela. Ao primeiro, adoitaban vivir en bloques dormitorio, en barrios degradados do centro da cidade, ou en choupanas improvisadas. Os nenos normalmente deixaban o colexio ao completaren o ensino primario, sobre os 13 ou 14 anos, e encontraban colocación en pequenos talleres como aprendices ou de dependentes con salarios de subsistencia. A maior parte do cal se entregaba á familia. Os pais adoito traballaban moitas horas e a maior parte da "vida familiar" xiraba en torno á nai.

O pai era en gran parte a figura autoritaria ausente. Moitos deles sabían até certo punto do papel dos seus pais na Guerra Civil, case exclusivamente no lado da República. Poucos deles, se é que había algún, continuaron a súa militancia no período de posguerra a causa do medo, a represión ou porque procuraban "normalizar" a súa vida despois de ter pasado varios anos en campos de concentración ou de traballos forzados. Aínda que algún dos pais de hoxe recibiron a súa primeira introdución "política" ou "social" á política de clases en conversas cos pais, isto non era un caso común. Parece ter habido pouca comunicación interxeracional, especialmente en casa. Case sempre a identidade de clase se transmitía dun xeito menos formal, a través das experiencias cotiás de "sufrimento" e "cohabitación" en barrios de obreiros que vivían e compartían circunstancias sociais similares e adversarios comúns.

Os avós dos traballadores de hoxe procuraban en moitos casos esquecer as derrotas, a persecución, as rivalidades entre partidos da Guerra Civil e do período de posguerra. En parte, a necesidade de esquecer viña dun sentimento de impotencia e porque a loita pola supervivencia dominaba a vida. Máis tarde, cos incrementos nos niveis salariais, e os aforros da familia, a preocupación predominante non era a política senón reunir recursos para mercar un piso. Máis que unha "unidade afectiva", a familia era unha institución económica que aseguraba a vivenda e outros logros materiais.

Os lazos sociais básicos dos pais de hoxe forxáronse entre os amigos do barrio. Os barrios eran entidades homoxéneas, pois a segregación de clase era a norma. Dentro destes barrios predominantemente de obreiros inmigrantes, dábase unha especie de "solidariedade espontánea", unha cohesión informal a base de niveis de vida compartidos e de pasatempos recreativos comúns que estaban arraigados no barrio. Non sería pretencioso falar dunha "cultura da clase obreira". Había determinadas experiencias comúns entre os amigos do barrio, de deportes, bailes, cultura inmigrante e unhas condicións económicas compartidas que brindaban un substrato de "identidade de clase". Como moitos dos nosos entrevistados dixeron: "todos nós eramos anti-Franco... como unha cuestión que caía polo seu propio peso... polo feito de seren obreiros, estaren en aloxamentos precarios, divorciados das cousas agradábeis da vida social...". Se o barrio, a rúa, era o primeiro contacto real coa cohesión social (alén dos límites da familia), as primeiras experiencias de traballo, normalmente nunha pequena tenda, contribuían pouco a forxar unha consciencia social. As horas eran moitas, o soldo baixo, e había poucos traballadores con que "socializar experiencias". A primeira experiencia laboral brindaba un trampolín cara á independencia persoal e máis tarde ao emprego nas fábricas máis grandes.

A finais da súa adolescencia ou a principios da vintena, os pais de hoxe entraban normalmente nunha das grandes fábricas, SEAT, Olivetti, etc. Millares de mozos obreiros inmigrantes colocábanse en empregos de produción masiva. As experiencias comúns do barrio, unha consciencia de ter como adversarios as autoridades públicas (profesores, policía, clero) e as duras condicións de traballo transformaron a algúns dos pais en membros das comisións clandestinas da fábrica.

A emerxencia dunha consciencia de clase acompañábase do orgullo de formar parte dunha empresa produtiva moderna, do orgullo no traballo e de ser un traballador. Aínda que os salarios estaban por riba dos das pequenas tendas, o emprego nas grandes fábricas non cambiou drasticamente a sorte da maioría dos obreiros. O que si brindaba era seguridade a longo prazo e un sentimento de continuidade, un poder pensar en termos de futuro.

A maior parte dos pais, unha vez aseguraban o emprego e ingresos estábeis, adoitaban casar coa súa "noiva" (normalmente unha rapaza do barrio) e despois dun período máis ou menos longo, adoitaban comezar a pagar un piso. A diferenza dos seus pais inmigrantes, as familias limitábanse a dous ou tres fillos, coa nai que adoitaba ficar na casa a crialos. A maioría dos obreiros establecían as súas amizades de longa duración cos seus compañeiros de traballo, compartindo o xantar, un vaso de viño ou unha cervexa despois do traballo e algunha que outra visita familiar as fins de semana, especialmente se vivían no mesmo barrio. No lugar de traballo, os obreiros desenvolvían un sentido de solidariedade contra os esforzos do empresario por fomentar a competición. Ao seren uniformes tanto os niveis salariais como as condicións de traballo, xerábase un punto de vista de clase cohesivo. Os obreiros individuais que tomaban a iniciativa de organizar sindicatos paralelos eran respectados e desprazaron gradualmente os "sindicatos verticais do réxime".

Nalgúns casos, os traballadores -que militaban, na súa maior, parte do partido comunista-, entraron nos sindicatos verticais para os converter en órganos representativos da base.

A continuidade do emprego, a forte demanda de traballo, a expansión da industria e os altos índices de beneficio brindaban un clima propicio para a organización de sindicatos e para contratos de traballo favorábeis. As primeiras folgas que tiveron lugar nas industrias principais (ou a ameaza de folgas) conduciron a substanciais aumentos de salario e, o que é máis importante, a unhas acrescentadas "consciencia de clase" e autoconfianza entre os traballadores.

Ao longo dos anos 70, os aumentos substanciais de salario foron a norma. E ao tempo que aumentaban os soldos, tamén o facía a solidariedade obreira, reforzada polo crecente movemento antifranquista fóra da fábrica. Os barrios volvéronse importantes áreas de organización social da clase traballadora. As loitas para mellorar os equipamentos sanitarios e educativos, pola pavimentación e iluminación das rúas, levaron a moitos obreiros a levar a súa militancia de fábrica ás asociacións de veciños e de pais de alumnos. E viceversa: As loitas veciñais politizaron os traballadores, que levaban a mensaxe política á fábrica. As loitas no lugar de traballo e as vibrantes actividades veciñais reforzábanse unhas a outras, creando un sentimento de cidadanía, unha crenza no progreso, e esperanza de cambios sociais reais. Para algúns traballadores, as loitas incluían unha visión dunha nova sociedade socialista igualitaria.

Segundo case todos os traballadores, o tardofranquismo e a Transición (aproximadamente de 1974 a 1979) foron tempos dunha gran participación social, de optimismo no futuro e do máis forte sentido de solidariedade social. A maioría datan a caída do seu activismo social e a súa desilusión crecente co proceso político, na chegada do goberno socialista en 1982.

Para outros, a decadencia chegou antes, cos Pactos da Moncloa, nos que o partido comunista e o seu sindicato, Comisións Obreiras, aceptaron limitar a política de clase independente en prol dunha subordinación do activismo popular ás campañas electorais A viraxe desde a solidariedade social e a visión social a uns puntos de vista "corporativistas" comezou a afianzarse entre os pais contra mediados dos 80, aínda que unha "solidariedade residual" se manifestou en dúas folgas xerais masivas (14 de decembro de 1988 e 27 de xaneiro de 1994).

Moitos obreiros senten que o réxime socialista traizoou os seus valores e o seu compromiso co traballo. A súa adopción da economía de libre mercado e o seu apadriñamento da lexislación antitraballo provocan un profundo desencanto da política e dos políticos. A fonda inmersión de funcionarios socialistas en prácticas corruptas e o seu apadriñamento de grupos paramilitares intensificaron a desilusión. Os traballadores expresan visións pesimistas do futuro e pouca esperanza de que a solución virá dos procesos electorais, aínda que sigan votando. Mesmo os sindicatos socialista e comunista, fortemente burocratizados e dependentes das subvencións estatais, perderon parte do seu atractivo para moitos obreiros. Os sindicatos son vistos agora como simples organismos "de protección do emprego": para negociaren peches patronais, a fin de estipular compensacións apropiadas, máis que organizacións cun proxecto político alternativo.

Os cambios a escala da sociedade tamén afectan aos traballadores maiores, en tanto que se xiran cara ao consumo privado e o tempo de lecer. Baixo as novas regulamentacións laborais, que fomentan o traballo temporal e reforzan as prerrogativas da dirección, o lugar de traballo xa non é tanto un espazo de solidariedade como de competición. Moitos traballadores maiores láianse da falta de solidariedade; xa non atopan a vella camaradería. Cada vez máis volven cara aos amigos e a familia, fóra do traballo. Xa que este queda devaluado coas cambiantes regras laborais e as novas tecnoloxías, os traballadores perden o orgullo do seu traballo e buscan o retiro. O aspecto "social" da división social do traballo diminúe, mentres que a "división" entre os traballadores aumenta.

Contra finais dos 80 e primeiros dos 90, con peches patronais frecuentes e a "racionalización" da produción, os pais experimentan unha inseguridade crecente no posto de traballo e incerteza sobre o seu futuro. Están preocupados polas perspectivas pouco prometedoras. Buscan o favor dos empresarios -a expensas da solidariedade obreira- para conseguir emprego -aínda que sexa eventual- para os fillos. Usan a influencia do sindicato para "negociar" cos empresarios a súa seguridade persoal. Os traballadores fixos a tempo completo senten cada vez máis que son enclaves illados nun mar de traballadores eventuais mal pagos.

Alguns séntense vulnerábeis ante o empresario e a retórica estatal, que os acusa de "privilexiados" e "egoístas" cando tentan defender os niveis de xubilación ou de salario. Saben que quen os acusa son os que cobran soldazos, os favorecidos e subvencionados "donos" dos tempos, pero carecen dos medios ou dos media para contrarrestar a mensaxe. No traballo, libran batalla de vez en cando cos empresarios para converter traballadores eventuais en fixos. Loitan por contratos onde os temporais desfruten dos mesmos niveis salariais que os fixos. Tentan recrutar os traballadores mozos ara os seus sindicatos. Mais desanímanse ante os atrancos legais, a intransixencia do empresario e a falta de militancia ou interese dos traballadores mozos, aos que ven en moitos casos como "interesados só nas súas propias cousas".

Neste contexto, moitos pais consenten aos fillos sub ou desempregados, mércanlles bens de consumo e subvenciónanlles as fins de semana, pedíndolles pouco a cambio. Porén, hai unha tensión latente na familia, a medida que a idade dos fillos dependentes se aproxima á trintena. Os pais teñen que pagar as facturas, limpar a casa e restrinxir o seu nivel de vida, e vanse sentindo así cada vez máis exasperados. Tanto culpan os "nenos" por non atoparen emprego como maldín o sistema que nega oportunidades ou séntense culpábeis por non teren podido "colocar" os fillos. Entre os traballadores mozos hai unha frustación crecente polo emprego inestábel, o traballo ocasional de subsistencia e a incapacidade para se emancipar e progresar. A tendencia é a aceptar as circunstancias, dar por sentado que os pais se fan cargo das facturas e tirar partido das circunstancias tal como se van presentando. O maior desacougo é respecto ao que pasará se o pai se morre, ou perde o emprego. Este sistema de benestar familiar baséase na prosperidade e aforros do pasado; a xeración actual está a vivir da prosperidade do onte dos pais. Poida que algúns herden a vivenda no futuro e teñan un teito sobre as súas cabezas. Pero as perspectivas de traballo vólvense peores, non mellores, a medida que nos achegamos ao final de século.

Dúas xeracións de mobilidade ascendente chegaron ao seu final definitivo. A exteriorizada prosperidade daqueles que gozan de empregos estábeis e ben pagos en Barcelona, eses que enchen os bares e restaurantes de Gracia e o Barrio Gótico, contrasta cos non tan novos traballadores eventuais de 20 a 40 anos que fan durar a cervexa na mercado do Sol, cóbado con cóbado cos adolescentes.

O Gran Medo que está obsesionando o Estado español en xeral e a Barcelona en particular é a cuestión do "paro" e, máis en concreto, do emprego eventual con salario mínimo. Os compromisos son raros, as aventuras provisionais son a norma en tanto que vivir xuntos como parella é economicamente non factíbel.

A ausencia de socialización temperá nos valores da clase traballadora (especialmente a través da familia), e a "xenerosidade" ou mala consciencia dos pais, limitan o xurdimento dun "movemento xuvenil" socialmente rebelde. A converxencia do desencanto e acomodación da xeración maior coa despolitización da xeración moza é unha razón para que, a pesar do sub e desemprego masivos, non haxa movementos sociais a gran escala.

A noción dun "mercado de traballo dual" sbpón que as condicións que determinan a dualidade son constantes. Ese non é o caso hoxe no Estado español. Hai un proceso inexorábel de homoxeneización... cara a abaixo. A porcentaxe de traballadores fixos diminúe e a proporción de contratos de traballo temporais medra xeometricamente. Co tempo, a gran maioría dos traballadores serán temporais. Xunto ao empeoramento das condicións de traballo, dáse unha crecente renda e riqueza dos negocios, bens inmobiliarios e intereses comerciais. Aumenta o poder para contratar e despedir; a capacidade para impor soldos baixos e obter empregados de entre a masa de parados nunca foi mellor. O Estado español é, tal como a describiu un dos seus antigos ministros "socialistas" de Facenda, un dos países onde é máis doado acumular unha gran fortuna. A outra cara do aumento da inseguridade e dos baixos ingresos dos mozos traballadores é a seguridade e os altos ingresos que corresponden aos avogados, executivos e directores das grandes e medianas empresas. Mentres que os mozos traballadores vexetan na casa dos pais, os novos ricos mercan casas de pedra románica de 40 millóns de pesetas e gastan outros 13 millóns en "remodelalas ". Mentres que os ricos envían os fillos a estudaren ás Escolas de Negocios de Harvard e Standford, ou á London School of Economics, ou a unha das custosas universidades privadas de Barcelona, os fillos da clase obreira fan traballiños ocasionais na periferia da sociedade. Para os poucos fillos de obreiros que seguen adiante cos seus estudos, as perspectivas no mercado de traballo tampouco non é que sexan particularmente brillantes.

No ensino, a antiga avenida principal para ascender, a norma é ser un profesor "substituto" que vai de institución en institución durante anos. Ou solicitar os traballos onde antes contrataban a xente co COU, ou como dependentes nas librarías do centro, ou de camareiros temporais e recepcionistas de hotel nos centros de verán para volver entón á casa cos pais. Aínda que está claro que algúns mozos aínda conseguen empregos "fixos" con soldos decentes, e outros teñen posibilidades de conseguir a permanencia ao final dos seus contratos temporais, son unha clara minoría.


Onde están os progresistas?

O abraiante respecto ao destino de millóns de mozos mal pagos e subempregados sen futuro é a indiferenza da sociedade, incluíndo a indiferenza da clase media "progresista".

Onde están os progresistas? Están activos, pero o que lles interesa é o dous por cento de "marxinais": os xitanos, os drogodependentes, as prostitutas, os inmigrantes; o acoso sexual, o racismo...calquera cousa menos o destino de tres millóns de españois desempregados, os mozos traballadores con contratos temporais e os que tratan de vivir do salario mínimo. Non quero ser malinterpretado. Por suposto que estou en contra do acoso sexual, a discriminación e o racismo. Mais, aquí e agora, e na estrutura de clases española, a distancia entre os problemas sociais a longo prazo e a gran escala, e as actividades dos progresistas é escandalosa. Por que eluden a súa realidade nacional e social? Primeiro, porque non é perigoso loitar polos dereitos legais das pequenas minorías: iso non comporta ningunha confrontación co Estado e menos aínda cos empresarios. Pero comprometerse na loita polos sub e desempregados implica confrontacións moi duras e sostidas co Estado e os empresarios (e os medios de masas) porque esa loita xira en torno á distribución dos principais recursos económicos da sociedade: os orzamentos que poderían financiar obras públicas para un emprego a gran escala en vez de subvencións para corporacións multinacionais; os beneficios empresariais que poderían financiar unha semana laboral máis curta e a contratación de empregados fixos.

En segundo lugar, as loitas progresistas polas minorías (cambios simbólicos e recoñecemento legal) teñen o apoio financeiro dos gobernos municipais ou rexionais. As ONG e organizacións similares brindan aos progresistas oportunidades económicas, segundos salarios en calidade de investigadores, educadores, asistentes sociais ou avogados. Poden así combinar unha "boa consciencia" e a remuneración económica cunha palmadiña no ombro das autoridades locais.

Entre mentres, a loita de millóns de sub e desempregados, se estivese axeitadamente organizada, podería afectar ás políticas globais das mesmas benevolentes autoridades. Podería socavar os seus esforzos por subvencionar os promotores inmobiliarios urbanos e os constructores que financian as súas campañas electorais. Por esta razón, os esforzos para organizar politicamente os sub e desempregados por empregos ben pagos contra os políticos neoliberais non reciben ningún apoio financeiro.

En terceiro lugar, a actual moda ideolóxica entre a clase media progresista cuestiona a noción mesma de "clase". A retórica di algo así como: "Clase é un construto cultural que perdeu a súa pertinencia". Os progresistas agora están en conceptos do tipo "identidades sociais", "cidadanía" e "dereitos", en lugar de "clases", "conflito de clases" e "intereses de clase". Xa que moitos dos grupos marxinais están entre os segmentos máis pobres, os progresistas alegan que é máis "revolucionario" ou radical loitar por eles en vez de polos "privilexiados" españois "que viven do salario mínimo".

Obviamente hai unha necesidade urxente de unir forzas entre a clase media progresista e os traballadores mozos sub e desempregados. O primeiro paso é unha reflexión crítica por parte dos progresistas, sobre quen son, que papel xogan na sociedade, se forman parte do problema (en tanto que empregados do goberno, profesores, profesionais) ou da solución. Teñen que se preguntar se están verdadeiramente pola solidariedade cos explotados polo sistema ou buscan simplemente novos vehículos de mobilidade social.

A esmagadora maioría dos mozos traballadores raramente expresan apoio dos "movementos" promovidos polos progresistas; máis importante aínda, endexamais mencionan ningunha relación sostida con ningún intelectual progresista de clase media ou con movementos interesados nas súas circunstancias sociais. Hai poucos espazos onde poidan atoparse, mesmo socialmente, e aínda teñen menos en común en termos de actividades do tempo de lecer.

Os progresistas están nos súas vivendas e teñen acceso a segundas residencias fóra da cidade para a fin de semana.

A ruptura no vínculo entre a clase obreira moza e a clase media progresista exprésase a todos os niveis: na ideoloxía, a música, os estilos de vida, a linguaxe e as condicións materiais. Os lazos que existían durante o período antifranquista e a Transición son historia pasada. Os únicos parados polos que a clase media progresista se preocupa son os seus propios fillos. O illamento social dos mozos traballadores reforza o seu sentimento de impotencia social e confirma o seu punto de vista individualista.


A nova xeración

Hai marcadas diferenzas a todos os niveis entre os traballadores mozos e os maiores.

En primeiro lugar, en contraste con seus pais, os mozos traballadores naceron nunha familia cun cabeza de familia estábel e relativamente ben pago. Aínda que de ningún xeito rica, a familia pode permitirse apoiar os fillos ao longo da educación secundaria e proporcionarlles fondos a discreción para diversións. Mentres é materialmente segura, hai tamén estabilidade no lugar xeográfico da familia: os antigos patróns da emigración non se reproducen. Os pais normalmente mercaron un piso e máis a miúdo un pequeno coche. Os fillos non adoitan deixar a escola por "necesidade económica"; a razón máis corrente é o aburrimento na escola, o desexo de gañar diñeiro para diversións ou o fracaso escolar. En comparanza con seus pais, son unha xeración "protexida" (dentro da familia).

Aínda que está amplamente aceptado que no Estado español existen "fortes" lazos familiares, isto está relacionado, en gran parte, co consentimento dos pais en subvencionar os fillos cando teñen vinte anos e algo máis. Igual que seus pais, poucos traballadores mozos deron en falarnos de lazos profundos cos seus, e practicamente de ningunha discusión sobre sindicatos ou cuestións sociais ou da fábrica. De feito, a maioría expresaron poucos lazos afectivos e pouca comunicación desde unha idade temperá. Na maioría dos casos os amigos, antes que os pais, eran o grupo principal co que se formaban os valores sociais. A "familia" era principalmente unha institución instrumental para salvagardar a supervivencia e apenas unha institución formativa dentro da "preparación dunha clase traballadora".

Os barrios onde medraron os mozos traballadores xa non son o terreo da mobilización dos debates sociais e a organización politica.

Contra finais dos 80 e primeiros dos 90, as asociacións de veciños convertéranse en apéndices do goberno socialista, que administran os clubs de xubilados e teñen pouca vida política interna. Os seus pais, durante os últimos 70 e os primeiros 80, eran activos nas loitas veciñais por melloras sociais en infraestruturas, educación e un goberno local responsábel.

Moitos estaban involucrados na loita antifranquista e dalgún xeito crearon vibrantes asociacións de veciños e de pais de alumnos. En contraste, os mozos traballadores alcanzan a idade adulta nun período en que seus pais se "privatizaron". Os movementos sociais burocratizáronse. Os adversarios do goberno protéxense cunha careta de "constitucionalismo". E as súas necesidades básicas inmediatas cóbrenas uns pais con "mala consciencia". De aí que o barrio non sexa un mecanismo de socialización para introducir novos valores sociais de solidariedade senón, máis ben, un terreo de encontro informal para que os amigos se dediquen a pasatempos privados.

As asociacións sociais existentes, organizadas polos seus pais, non atraen o seu interese. A música e os bailes nos actos sociais do barrio son ridiculizados e a xente nova diríxese aos bares e clubs fóra do barrio para se divertir.

A decadencia da cultura cívica do barrio alimenta o comportamento "consumista privado" que a mocidade recibe a través dos medios de masas.

O rock mercantilizado, cos seus surtidos estandarizados de chaquetas negras, pendentes e penteados, brinda símbolos "externos" de "rebelión" que enmascaran a interiorizada conformidade cun estilo de vida consumista e individualista. As amizades do barrio están desconectadas do lugar de traballo e, en moitos casos, están divorciadas de calquera discusión sobre problemas do "choio", conflitos sociais ou organización política. No pasado, compartir experiencias persoais e sociais reflectía a imbricación entre traballo, barrio e praceres persoais. Para os mozos, hoxe, os longos períodos de desemprego, a natureza transitória e temporal do traballo, o mal soldo e a impotencia no lugar de traballo non son propicios para experiencias compartidas.

Atoparse cos amigos é un tempo para "esquecerse" do traballo. Falar dos medos e as inseguridades do lugar de traballo non levanta os ánimos na barra de ningún bar; os malos soldos son un símbolo de estatus de vergoña; é mellor calar mentres apuras a cervexa e tentas amañar para esa noite unha comedia de representación única.

Aínda que as amizades do barrio persisten até certo punto, teñen lugar nun contexto totalmente distinto aos dos seus pais, e tamén teñen un sentido diferente. Ademais, xorden divisións entre unha minoría que consegue emprego "fixo" e aqueles que son eventuais ou parados.

Os primeiros comezan a "independizarse", gastan máis diñeiro e están en condicións de establecer relacións sentimentais estábeis se as circunstancias se presentan. Os eventuais, ou non poden facer iso, ou están tan ensarillados na súa procura diaria de emprego que as súas perspectivas se orientan cara a relacións de "entrada fácil e saída rápida".

O esquema no traballo é "entrada difícil e saída rápida". A grande masa de mozos son hoxe empregados temporais con contratos a curto prazo, de salario mínimo ou por baixo del na maioría dos casos. A súa entrada no mercado de traballo baixo o réxime neoliberal é probabelmente a súa diferenza máis importante cos pais. Estes entraron no mercado laboral durante o tardofranquismo, unha época de emprego en expansión, onde o groso dos empregos eran fixos e os aumentos de soldo substanciais estaban á orde do día. En contraste, a maioría dos mozos que entraron no mercado de traballo hoxe poden esperar un longo período de desemprego ou, con máis probabilidade, emprego na economía mergullada con soldos por baixo do salario mínimo e con horarios irregulares. Os bastante "afortunados" como para conseguiren un emprego son, na súa esmagadora maioría, traballadores temporais, a maior parte dos cales serán "rotados": renovados ou despedidos, pero raramente convertidos en traballadores fixos. A diferenza de seus pais, os mozos traballadores temporais temen perder o seu emprego, meterse en sindicatos e compiten cos outros eventuais.

A pesar do salario de miseria e as terríbeis condicións de travallo, estes traballadores expresan "pánico" ante a idea de "estar na rúa", porque pensan que pasarán unha época moi difícil atopando un novo emprego. Tal como un traballador expresaba:

"O medo ao despedimento do empresario é hoxe peor que a represión baixo Franco". É unha verdade profunda que durante o período franquista os traballadores estaban nunha condición colectiva común, unificada por unha ideoloxía política e "de clase" común. A ditadura, aínda que represiva, adoitaba afectar a un pequeno número de traballadores e as vítimas eran con frecuencia reintegradas no seu posto, ou cando menos tiñan o apoio de toda a fábrica.

Os mozos traballadores temporais de hoxe non teñen seguridade no emprego, e apenas organizacións colectivas ou apoio: están atomizados e son vulnerábeis aos ditados do empresario, que ten o sostén legal do Estado, o cal apoia as súas arbitrarias accións. Hoxe a ditadura do mercado é un inimigo máis formidábel dos traballadores temporais que o réxime represivo de Franco, coa súa man de obra estábel e o seu mercado laboral en expansión. Poucos traballadores temporais expresan sentimentos de solidariedade cos seus colegas. Entre os eventuais hai un sentido de competencia e desconfianza, condicionado polas escasas posibilidades dun emprego "permanente".

En relación cos traballadores fixos maiores, hai unha mestura de envexa e resentimento a partir do feito de que "se ocupan dos seus propios intereses" e teñen emprego protexido, e de vez en cando un certo recoñecemento dos esforzos dos sindicatos por conseguir emprego fixo.

Debido ao medo profundo a que calquera expresión de solidariedade de clase puidese contrariar os empresarios, a maioría dos traballadores temporais evitan unirse a ningún dos sindicatos (ou uniranse ao sindicato "colaboracionista") ou, se de veras se "afilian", ocultan a súa pertenza.

Fundamentalmente a estratexia é aparecer como un empregado súper traballador e "con espírito de empresa", disposto a traballar fóra de horas e a evitar relacións conflitivas co empresario.

Porén, cando hai unha folga, especialmente se o groso dos traballadores son fixos, os eventuais únense de mala gana a esta, aínda que sen desempeñar ningún papel destacado. En parte, seguen o exemplo dos traballadores maiores, e temen que os estigmaticen como crebafolgas, aínda que expresan pouca simpatía polas demandas salariais dos outros cando o seu problema básico, a seguridade no emprego, non forma parte da loita.

A pasividade xeral dos traballadores temporais, non obstante, rompe cando os seus contratos se achegan á renovación ou están a piques de concluír. Confrontados co despedimento inminente, ao decatáranse de que todos os seus esforzos por ser traballadores "leais" non deron como froito o emprego fixo, non é raro que os eventuais se organicen, expresen abertamente o seu descontento e se acheguen aos sindicalistas máis militantes pedindo axuda. Na maioría dos casos, porén, o seu arrebato de "acción de clase" é efémero. Malia algún apoio dos traballadores fixos e dos sindicalistas, a experiencia da loita colectiva deixou os eventuais con pouco no referente a "consciencia de clase". En vez diso, hai carraxe contra os xefes e cinismo cara aos sindicatos e os traballadores fixos "que se ocupan de si mesmos". En certo sentido, o "despedimento" reforza, máis que unha radicalización, o sentido de illamento e unha visión do mundo como algo rexido polo interese propio máis egoísta. Como excepción, unha minoría expresa un certo respecto pola valentía e a solidariedade dos militantes nunha batalla perdida de antemán (especialmente cando un sindicato ou un grupo de traballadores fixos "deron a cara" por eles). En caso de que as loitas conducisen á inauguración de situacións de emprego fixo, non é infrecuente que algún dos antigos traballadores temporais se afilien aos sindicatos que levaron a loita. Non é este sempre o caso, con todo. Un número considerábel de eventuais que se converteron en fixos, ao que aseguraron o emprego non se afilian a ningún sindicato ou únense a un sindicato conservador, en parte porque ofrecen "favores persoais" ou porque están interesados en facer horas extraordinarias e aumentar o seu poder de consumo.

Aínda que o emprego fixo é un estatus moi desexado polos traballadores mozos, a maioría están insatisfeitos co seu traballo e teñen pouca identificación coa fábrica ou nada que se pareza a unha cultura da clase obreira. O emprego é un sitio onde traballas, gañas diñeiro e socialízaste noutra parte. En contraste cos seus pais, que sentían unha identidade ou orgullo de formar parte dunha fábrica ben coñecida, de ser membros dun sindicato, e tiñan amigos próximos no traballo, para a maioría dos traballadores mozos o traballo é un aburrimento, o sindicato "está aí", e cos compañeiros compartes unha cervexa ou non. A cuestión é facer tempo até a fin de semana ou as vacacións de verán, ou mercar un equipo de alta fidelidade. A consecución do "emprego fixo", cando non se obtivo a través da loita colectiva, tende a "confirmar" a actitude "conformista-consumista" entre os traballadores temporais. Sen recibir unha "perspectiva de clase" da familia, o barrio ou os amigos, e sen ter formado parte dunha loita política equivalente ao antigo movemento antifranquista, moitos mozos traballadores fixos sucumben doadamente á ideoloxía individualista do "só miro por min". Porén, a unha minoría de mozos traballadores influíronlles os vellos obreiros militantes, volvéronse activos no sindicato e, nalgúns casos, saíron elixidos como "delegados" de fábrica. En certos casos, isto obedece a lazos previos con movementos políticos ou sociais, ou porque os sindicatos tiveron un papel activo á hora de asegurar emprego. Noutras ocasións, converterse en delegado de fábrica é visto como un vehículo para conseguir tempo libre dun traballo aburrido, ou influencia de cara a un obxectivo persoal, ou faise por frustación, tras algunha petición denegada.

O que máis frecuentemente se ve nos mozos militantes sindicalistas, porén, é un fastío co seu traballo e un desexo de se ir a outra cousa. Dentro da fábrica ou fóra. O traballo de fábrica vese como un medio de "aforrar" para eventualmente abrir un pequeno negocio, editar unha revista musical ou volver á educación superior. A pesar de que o emprego fixo é un "premio" moi cobizado, ao que se consegue perde axiña o seu "lustre" e comeza o descontento co posto de traballo. Este descontento ten dúas caras. Por unha banda, dá pé a soñar con outros tipos de traballo, ou a fortes débedas por bens de consumo. Pero, por outra banda, brinda unha base para chegar a formar parte dunha acción militante. Sería un erro trazar hoxe unha liña estrita entre os traballadores mozos e os maiores. Aínda que é verdade que moitos destes últimos mostraron no pasado maior consciencia de clase que os mozos traballadores contemporáneos, gran parte da vella solidariedade e sentimentos colectivos esvaeron. Moitos dos traballadores maiores foron eles mesmos atinxidos pola idiosincrasia consumista; moitos vense enguedellados en favores persoais co sindicato e a empresa a fin de asegurar emprego para os seus fillos. Maniféstanse máis lazos cos sindicatos e disposición á folga, isto adoita ir ligado a estreitos intereses "corporativos".

Así, mentres alguns mozos traballadores fixos están dispoñíbeis para a actividade sindical, moitos traballadores maiores perderon gran parte da súa solidariedade de clase. Todo isto ten lugar nun contexto de inseguridade xeral entre todos os traballadores. As políticas anti-laborais do réxime neoliberal, a mobilidade das corporacións multinacionais e a nova lexislación laboral que facilita os despedimentos e os peches patronais, crearon un sentimento xeral de medo entre os traballadores mozos e maiores, entre os fixos tanto como entre os temporais. O medo reduciu a disposición de moito traballadores fixos a comprometerse en folgas a favor de melloras. Na maioría dos casos, as folgas teñen lugar contra novas perdas salariais ou de protección do emprego, ou peches patronais. As loitas son á defensiva. A falta de ataques directos, a maioría dos traballadores "bunkerízanse" e tratan de "evitar conflitos" ou consolidan o que lograron. Neste contexto, a maioría de sindicatos e partidos políticos de esquerda xa non ofrecen unha visión dunha sociedade alternativa ao pesadelo neoliberal. Como moito, tentan atenuar os golpes: privatizacións graduais, menos perdas de emprego, maiores indemnizacións aos traballadores despedidos, etc. En certo sentido, os dous sindicatos principais (cando menos as súas cúpulas) foron asimilados dentro do proxecto neoliberal. Critican os seus excesos e piden máis gastos sociais, a cambio de compartir os argumentos de produtividade dos empresarios. A falta dunha referencia "sindical", non é abraiante que a maioría dos mozos traballadores se viren cara a solucións "individuais" e que uns poucos comecen a orientarse cara aos sindicatos minoritarios máis radicais.

Emparedados entre uns traballadores temporais que se axustan de cara ao exterior á imaxe que teñen os xefes do "bo traballador", e uns traballadores maiores que loitan por asegurar a súa lonxevidade e a súa xubilación, os mozos traballadores fixos carecen dun contexto que acenda a rebelión (folgas selvaxes, accións no traballo). Nunha palabra, mesmo supondo que a través de intercambios coa familia, o barrio ou o posto de traballo, os mozos traballadores fixos adquirisen "consciencia de clase", as condicións globais non facilitan a súa expresión.


En resumo

A nova xeración de mozos traballadores eventuais carece de continuidade no traballo e nas súas relacións persoais alén da familia, que lles permita duplicar a vida de seus pais. O neoliberalismo derruba as tradicións, os costumes e a continuidade no posto de traballo. Socava a formación de novas familias e perpetua a "familia extensa" dun xeito anormal. O poder dos capitalistas para contratar e despedir, renovar ou cancelar os contratos de traballo, crea un sentimento de transitoriedade que mina os lazos persoais e sociais, así como o sentido de autoestima. Na maioría dos casos, os traballadores temporais están atormentados pola inseguridade: como reaccionar ante abusos do empresario (exixencia de horas extras sen as pagar).

Nun contexto de contratos de traballo vulnerábeis, dependen do empresario e cando menos nun caso dos nosos enquisados perguntaron ao patrón se debían unirse a unha folga xeral, conduta que provocou o riso do pai, un curtido activista sindical. Pero risos á parte, onde estaba o pai todos aqueles anos para aprenderlle os valores da clase obreira e onde estaban os sindicatos cando se aprobou a nova lexislación laboral, que facilitaba os contratos de traballo temporais?

A inseguridade persoal vai ligada a relaciones transitorias; as historias persoais son unha serie de bos e malos episodios desconectados entre si. Todo o cal reforza un sentido de "egocentrismo" e unha carencia de facto tanto de solidariedade como de capacidade para manter relacións serias a longo prazo. O problema de organizar os mozos traballadores temporais estriba non só nos atrancos "obxectivos" creados por unha lexislación laboral adversa, un Estado hostil e uns empresarios agresivos; é tamén subxectivo. Necesítase contrarrestar a ideoloxía egocéntrica e atomizadora que gañou ascendente entre moitos traballadores temporais fortemente explotados e marxinados, os cales doadamente aceptan críticas ao sistema e queren tirar beneficios de todas as folgas, pero séguense resistindo a compromisos sociais que atenten contra as súas gratificacións inmediatas. Os movementos puramente "instrumentais", ou movementos por puntos concretos en prol dun "traballo digno" ou "empregos", é pouco probábel que conduzan a ningún tipo de movemento que faga camiño. O que é fundamental é a necesidade de educar en novos valores socio-culturais, que brinden unha comprensión máis profunda das relacións entre o descontento privado e a realidade social; e como as experiencias sociais cotidianas do traballo e a loita colectivos brindan a base para unha visión social alternativa da sociedade, o Estado e o traballo.

Volver


Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/04/2004
cig.informatica