ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 2 de maio de 2004

Manifestacións no Día Internacional da Clase Traballadora
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Distintos aspectos das manifestacións de Vigo (12.000 persoas), Ferrol (1.500), A Coruña (1.200), Ourense (900), Pontevedra (900), Lugo (700), Compostela (650), Vieveiro (150) e Ribeira (150). (Ver reportaxe gráfica).
 
Un ano máis as manifestacións que realizou a CIG en todas as cidades de Galiza acadaron unha participación de traballadores e traballadoras maior que a que conseguiron as centrais sindicais estatais conxuntamente.

Este ano a convocatoria do sindicalismo nacionalista tiña como aspecto central a esixencia de máis e mellor emprego, respondendo deste xeito ás arrepiantes cifras de desemprego (14,64%), de eventualidade laboral (35%), e de traballo en negro (un 11% segundo as enquisas), porén tamén para frear a enxurrada emigratoria que valeira moitas aldeas, vilas e cidades de mozos e mozas.

Nas consignas e intervencións finais estiveron presentes ademais: a grave situación do estaleiro IZAR en Ferrol, por mor da limitación para construír barcos; así como as últimas sentenzas contra afiliados da CIG en Lugo condenándoos por participar en piquetes informativos na folga xeral do ano 2002.

Outros dos aspectos que tiveron unha presenza relevante nas mobilizacións foron a reivindicación de soberanía nacional para Galiza, a igualdade de xénero, a denuncia da colonización de Iraq polas tropas de ocupación, e a solidariedade co povo palestino.

Tendo en conta a grave problemática laboral pola que esta a pasar Ferrol, a manifestación central realizouse este ano nesta cidade do norte do País. Alí estivo o secretario xeral da Central Sindical, Suso Seixo.

A participación noutras cidades e vilas de Galiza foi a seguinte:

Vigo: 12.000 persoas.
Ferrol: 1.500 manifestantes.
A Coruña: 1.200 persoas
Ourense: 900 participantes.
Pontevedra: 900 manifestantes.
Lugo: 700 persoas.
Compostela: máis de 650 persoas.
Viveiro: 150 participantes.
Ribeira: 150 persoas.


Intervención de Suso Seixo en Ferrol

Reproducimos a continuación a intervención de Suso Seixo, secretario xeral da CIG, na manifestación central do 1º de Maio, celebrada este ano na cidade de Ferrol, para amosar deste xeito o apoio da central sindical ás demandas dos traballadores e traballadoras do estaleiro IZAR.


Compañeiras e compañeiros

Afrontamos este 1º de maio marcado por un contexto político a nível do Estado, derivado dos resultados das eleccións xerais do pasado 14 de marzo, no que afortunamente o PP perdeu as eleccións e o partido que as gañou e formou goberno, o PSOE, non ten maioria absoluta. O feito de que o PP non sexa a forza gobernante no Estado e que o PSOE non teña a maioria absoluta, lévanos a ter inicialmente a esperanza de que os proxectos de reformas que tiña preparado o PP en materia de negociación colectiva, seguridade social, ou lei de folga... non se efectivicen, cando menos a curto prazo.

Digo cando menos a curto prazo, porque compre en calquera caso recordar que o partido socialista xa gobernou no Estado Español, durantre os anos 82 ao 96, que durante este periodo foi impulsor de importantes contrarreformas en materia laboral, de seguridade social ou das prestacións por desemprego, e mesmo se afrontaron proxectos de reconversión en sectores como o naval que supuxeron a perda de miles de postos de traballo, tanto de emprego directo como indirecto, políticas todas elas altamente negativas para a clase traballadora.

Compre dicir tamén, que moitas destas reformas da normativa laboral e da seguridade social, os procesos de reconversión industrial ou mesmo os numerosos acordos para a centralización da negociación colectiva, tanto da anterior etapa de goberno do PSOE como co goberno PP, contaron co firme apoio das centrais sindicais estatais.

Toda esta experiencia, ten que levarnos pois, a estar espectantes e a non caer nun optimismo xeneralizado. Vanse producir cambeos importantes en certas materias pero, non creo que me equivoque moito, se afirmo que imos ter que seguir a mobilizarnos se queremos garantir un tipo de políticas favorecederas dos intereses da clase traballadora, frente as políticas neoliberais e centralistas, imperantes en todo o mundo, e ás cales non é allea a socialdemocracia europea, incluida a española representada polo partido socialista.

En calqueira caso, compañeiras e compañeiros, o que si non é nada novo é a situación sociolaboral e política de Galiza. Unha situación altamente preocupante que desde a CIG e o nacionalismo vimos denunciando fai tempo e propondo alternativas a un Goberno Galego totalmente xordo e ineficaz. Esta situación ponse de manifesto en factores como:

  • Unha taxa de precariedade do 34,5%, tres puntos por riba da media do Estado.
  • Unha taxa de desemprego do 14,6%, tres puntos e medio por riba da media do Estado.
  • Un crecemento negativo da poboación.
  • Uns altos índices de emigración entre a xente moza.
  • Uns salarios e unhas pensións das máis baixas do Estado.

E asi poderiamos ir aportando datos sobre unha situación semellante en materia de servizos públicos, de infraestruturas ou de sectores produtivos básicos para a economia galega.

Un deses sectores productivos en crise, en grande parte provocada, é sen dúbida algunha o sector naval. Un sector con un peso histórico fundamental en todo o desenvolvemento económico e social da comarca de Ferrolterra. Tanto é asi, que ainda hoxe, a comarca non conseguiu recuperarse da crise derivada da selvaxe e mal chamada reconversión do sector naval de mediados da década dos oitenta. Desde a CIG miramos con enorme preocupación cal é o futuro que a Unión Europea e o Estado Español teñen diseñado para os asteleiros da Ria de Ferrol. Denunciamos a actitude de pasividade e de complicidade irresponsabel que sempre mantivo a Xunta de Galiza con esta situación. Exiximos o mantemento das plantillas actuais de IZAR Fene e Ferrol e o levantamento inmediato do veto productivo que despois de tantos anos segue a pesar sobre a factoria de Fene. Mentras esto non se consiga, desde a CIG seguiremos apoiando e impulsando todas aquelas mobilizacións que ao respecto decidan os traballadores e traballadoras de IZAR.

Compañeiros e compañeiras, moita desta problemática que estou a descreber e a situación de atraso que temos en Galiza respecto a outras nacións máis desenvolvidas do Estado ou de Europa, ten moito que ver coa nosa situación periférica e coa falta de soberania política.

Galiza ten condicións para mellorar os índices de emprego e de benestar social, pero para iso necesitamos ter plenas competencias en materia de financiamento e de planificación da economia, da formación, do emprego, dos servizos sociais, da cultural ou dos nosos sectores produtivos. Necesitamos ter soberania para definir políticas que respondan realmente aos intereses das clases traballadoras galegas e nos permitan facer fronte ás políticas procedentes do Estado Español ou da Unión Europea, favorecedoras dos intereses do capital financeiro monopolista.

Esta é unha situación que levamos arrastrando desde sempre e que non se muda a base de subencións ou de Planos Galiza, chegados a destempo e carentes de recursos económicos suficientes. Estamos ante un problema político estrutural que non o soluciona esta Xunta de Galiza, nen o PP, nen nengunha forza política con unha visión centralista do Estado Español. Para buscarlle solucións a situación laboral, económica e social de Galiza hai que querer. Hai que antepoñer os intereses de Galiza e das suas clases traballadoras, aos intereses particulares dos cargos do PP ou das multinacionais. Só desde o nacionalismo, desde a loita clara e decidida pola esixencia de plenas competencias e de soberania para Galiza, poderemos ofrecer solucións a esta situación de atraso da nosa nación. Neste camiño estamos a traballar e seguiremos traballando desde a CIG en colaboración co resto das forzas do movemento nacionalista.

Non quixera rematar a miña intervención, sen antes referirme a represión que sobre o movemento sindical, e non só sobre o movemento sindical, se está a dar nos últimos tempos, e de forma especial sobre a CIG. Fixemos durante o mes de marzo unha importante loita para denunciar a sentenza dun xulgado de Lugo que condenaba a tres compañeiros da CIG a varios anos de cárcere por uns feitos menores ocurridos durante a folga xeral do ano 2002. Recordar que está sentenza está recurrida e pendente do fallo da audiencia provincial de Lugo e que nós agardamos que se faga xustiza e que se lle retiren as condenas a estes tres compañeiros, de non ser asi, levariamos adiante novas mobilizacións ata lograr ese obxectivo. Quero tamén manifestar o meu apoio, e o de toda a central sindical, aos compañeiros aos que un xulgado de aquí de Ferrol abriu dilixencias e vai chamar a declarar por uns incidentes ocorridos no Concello durante unha mobilización do sector naval. Agardamos sinceramente que os xuíces de Ferrol sexan sensíbeis á problemática social derivada dunhas políticas antiobreiras que están a pór en perigro o futuro de moitos centos de familias e se decidan por arquivar o caso.

Por último, remato manifestando, nunha data tan significativa como a que hoxe estamos a celebrar, o Dia do Internacionalismo Proletario, a solidariedade e apoio da CIG con todos os traballadores e traballadoras, con todos os pobos do mundo, que loitan pola sua emancipación e pola sua soberania, e moi especialmente cos pobos palestino e iraquí, vítimas da ocupación e o xenocidio por parte do imperialismo israelí e norteamericano.

Ferrol, 1 de maio de 2004.

Suso Seixo, secretario xeral CIG.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 05/05/2004
cig.informatica