Actualidade CIG-Comunicación- Con esta concentración, a CIG inicia un proceso de mobilizacións que ten como fin eliminar as horas extras ilegais (non cobradas, non cotizadas a Seguridade Social e máis alá do límite legal). Nos últimos 10 anos o cadro de persoal desta entidade financeira en Galicia reduciuse nun 20%, é dicir, 144 postos de traballo eliminados. Esta política da extensión ilegal da xornada ten como resultado a destrucción de 284 postos de traballo netos. A esta prolongación de xornada non escapa nin o persoal fixo, nin o contratado temporal, nin o que presta o seu servicio no banco a través das empresas de traballo temporal (ETT's). No último mes foron presentadas denuncias ante a Inspección de Traballo solicitando a actuación por parte da Administración pública ante o fraude laboral e á Seguridade Social. Xa foron practicadas inspeccións nalgunhas das oficinas denunciadas e a empresa foi citada polo mesmo organismo, estando á espera do resultado destas actuacións. Historicamente, a reducción da xornada laboral para conseguir maior tempo libre foi unha reivindicación central da clase traballadora. Chama así a atención a extensión ilegal da xornada en todo o sector financeiro e nomeadamente na banca, onde un 80% do persoal bancario declara facer horas extras ilegais a cotío. | |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/05/2004 |