Actualidade CIG-Comunicación- As “cotas participativas”, instrumento similar ás accións sen voto das sociedades anónimas, foron reguladas o pasado mes de febreiro por un polémico decreto do último goberno Aznar, que desenvolvía a “Lei Financeira”. A entrada de capital privado nas caixas de aforros e os dereitos políticos aos cotopartícipes sobre determinadas decisións, teñen motivado o rexeitamento a este instrumento financeiro por entender que iniciaría o proceso de privatización. A CIG, sindicato que aposta pola continuidade da actual natureza xurídica das caixas, rexeitou historicamente a decisión da Dirección de Caixa Galicia de emitir cotas participativas, opoñéndose nos órganos de goberno. Agora son incluso os directivos das primeiras caixas do Estado, como no caso catalán, os que rexeitan as “cotas participativas” por privatizadoras. O Partido Popular, que mantén unha ampla maioría nos órganos de gobernos das Caixas de Aforros galegas, estaría facendo valer o seu peso para que nestas entidades continúe o proceso de privatización iniciado polo goberno Aznar. Pola súa banda, o actual goberno do PSOE anunciou que non modificará a “Lei Financeira”, malia as duras críticas realizadas cando estaba na oposición. A espera da autorización do Banco de España, as caixas galegas poderían ser as primeiras en ser privatizadas. Coas “cotas participativas” os beneficios que hoxe reverten en toda a sociedade a través da Obra Social pasarán directamente aos petos dos cotopartícipes.
| |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/06/2004 |