Actualidade / Artigo Que é a deslocalización? Clodomiro Montero Martínez- Hoxe hai no mundo máis de 3.000 zonas de producción para a exportación, situadas en 113 países. Estas zonas económicas á marxe das lexislacións dos propios estados, están enclavadas en moitos casos en países que sufriron durante o século XX feroces dictaduras que impediron ou arrasaron coa organización da sociedade civil. As empresas deslocalizadas caracterízanse por seren grandes consumidoras de man de obra, con procesos moi contaminantes e por ser necesarias tecnoloxías de baixo nivel. A moratoria no pago de impostos, os salarios por baixo dos mercados locais ou a contaminación ambiental afectan negativamente aos países receptores. Estas empresas que realizan procesos parciais rara vez recorren a provedores locais (nas maquiladoras mexicanas estímase que só nun 3% dos casos). As empresas deslocalizadas non contribúen ao desenrolo dos países do terceiro mundo. Son consumidoras moi esixentes á procura dos baixos custes, chámanlle empresas “bolboretas”, sempre dispostas a voar cara a novas ofertas en calquera momento. Á prohibición de sindicación nestas zonas, habería que engadir que a man de obra compóñena esencialmente mulleres novas desprazadas dende zonas agrícolas afastadas con contratos temporais. É a feminización da pobreza que converte a estas traballadoras en víctimas de todo tipo de abusos, coa complicidade das autoridades locais. Coñecido é o caso de México onde centos de mozas traballadoras das “maquilas” foron asasinadas nos últimos anos por redes de trata de brancas. A deslocalización non só é negativa para os traballadores/as que perden o seu posto de traballo en occidente, afecta en maior medida ás poboacións dos países receptores. As mercadorías producidas polas grandes multinacionais no terceiro mundo non pagan aranceis, namentres que se impide e limita a entrada en occidente dos productos producidos polos pequenos empresarios e agricultores destes mesmos países. É paradoxal que os tomates marroquís non podan venderse libremente na UE (o que contribúe a incrementar o fluxo emigratorio cara a Europa), e que os tomates que consumimos sexan producidos en Murcia por marroquís en condicións de escravitude, para beneficio das grandes multinacionais do sector da alimentación alí implantadas. As regras do mal chamado “libre comercio” impostas polo FMI (Fondo Monetario Internacional), o Banco Mundial e a OMC (Organización Mundial do Comercio) ameazan hoxe os nosos postos de traballo e as nosas condicións laborais. Debemos de esixir dos gobernos presentes nestes organismos capitalistas internacionais que traballen neles ao servicio dos cidadáns que os eliximos, non das empresas que lles pagan as campañas.
ÚLTIMA REVISIÓN: 02/06/2004 |