Actualidade CIG-Comunicación-
En xaneiro de 2004 o departamento de Migración da Confederación Intersindical Galega fixo unha importante doazón á Fundación Sabino Arana de documentos históricos do exilio basco en Latinoamerica. Naquela oportunidade mantiveranse unha serie de xuntanzas cos presidentes e representantes dos doce centros galegos de Euskal Herria, destas xuntanzas saiu o compromiso por parte de CIG-Migración de achegarse aos galegos e ás galegas residentes en Euskal Herria. Un destes achegamentos foi o oferecemento desta exposición, agás outros proxectos que posúe o departamento. A exposición trata de encher un buraco de amnesia que está presente entres os pobos basco e galego. Tres paneis oferecen a visión basca verbo os galegos e a visión galega verbo os bascos. Traduccións de Koldo Izagirre de “Os dous de Sempre/Beiko Biak”, “Os vellos non deben namorarse/Agureok maitemindu bear ez”, “Cousas/Gauzak” ou unha escolma de Sempre en Galiza acrescentan a presenza galega no ámbito basco. Unha foto inédita de Agirre no exilio arxentino nun banquete compartindo mesa con Castelao é outra das xoias reveladoras da relación, neste caso, de dous bos e xenerosos que sufriron exilio e nunca puderon volver ás suas pátrias liberadas. Pero as relacións entre bascos e galegos están alén de fotos históricas. Tamén enxurrra o presente con forza de seu. O mellor embaixador que ten a Galiza, agás os 80.000 galegos e galegas que viven alá, é o historiador e profesor de Quiroga e residente en Oiartzun, Xosé Estévez. Xosé Estévez ocupa un dos paneis da exposición. O seu traballo de resgate dos antecedentes bascos (de Oiartzun) de Manuel Murguia. As pescudas verbo as relacións entre as tres nacións basca catalana e galega através do pacto de Galeusca e a sua continuación no exilio sobran para que este home incansábel esté presente en todo o relativo ás relacións entre bascos e galegos. “Castelao y los vascos” é o título da escolma que en 1987 fixera outro amanate de Galiza, e por ende de Castelao, como o hoxe senador e ex portavoz do PNV-EAJ no congreso español, Iñaki Anasagasti. A súa obra está sendo traducida ao galego e o limiar corresponde ao próprio Estévez. Pero esta obra de Anasagasti, fora no seu día, obra de galegos e galegas bos e xenerosos que cooperaran con Anasagasti para que fixera a escolma. Un deles, José Manuel Casal Barbeyto, director territorial de Caixa Galicia para Euskal Herria, que visitou a exposición e quedou moi compracido do traballo realizado. Joseba Sarrionandia, autor da escolma e tradución de poemas do galego ao eusquera co titulo “Poemas naufragos/Galegoz hedutako poemak”, Joseba Sarrionandiak, euskaratuak, é outro dos protagonistas desta exposición. Pero sen dúbida os verdadeiros protagonistas desta exposición son os millóns de galegos e galegas, de bascos e bascas que de costas mantiñan e manteñen un descoñecemento mutuo. A obra de Castelao e a realidade basca debe ser lida e analisada por ambos pobos. Traduccións ao galego de Atxaga de Aresti, por pór algún exemplo a nosa língua tamén. No acto final do XIX Dia de Galiza en Euskal Herria o lehendekari Juan José Ibarretxe deu as grazas aos milleiros de galegos e galegas que co seu esforzo lograron e conquistaron o actual nivel de vida que posúe o seu país. Porén, agás das grazas, fixo unha advertencia a todos os galegos e galegas. Dixolles que necesitaba bascos e bascas que manteñan as súas raíces e a sua cultura. Advertiu do perigo que representa esa vaga pantasmal que pretende arrebatar non só o que temos, senón ademáis o que somos: A nosa identidade.
O lehendakari visitou a nosa exposición xunto ao alcalde do Concello de Ondarroa, Aitor Maruri, o responsábel local do Bloque Nacionalista Galego, Ricardo Gómez, o presidente do Centro Galego de Barakaldo, Xulio González e a presidenta da organización que reúne aos doce centros galegos de Euskal Herria, a Irmandade de Centros Galegos, Pilar Rodríguez. Ibarretxe, compracido, visitou a exposición e deu os seus mellores desexos polo bo fin da tradución do libro de Iñaki Anasagasti “Castelao e os bascos” que poderia considerarse un complemento deste traballo. Quero facer aquí un pequeno tributo a todos os que interesedamente e desinteresadamente se achegaron a nosa exposición en Ondarroa, “Galegos en Euskal Herria”. A todos os bascos e bascas que abraiados lian en eusquera os versos de Celso Emilio Ferreiro “Deitado frente ao mar/Itsasoaren aurrean etzunik”, “Lingua proletaria do meu pobo, eu fáloa porque si, porque me gosta/Ene herriko hizkuntza proletarioan. Berez mintzo naiz, gustatzen zaidalako...”. Estes dous pobos irmáns, cunha história común de sobrevivencia. Unha história chea de pantasmas e pantasmadas. De xente que aturou séculos e resiste, e resiste por aquelo único que os fai resistir... pola sua identidade. Nada mellor que rematar estes tres días intensos de galeguidade en Euskal Herria, en Ondarroa coa exposición da Confederación Intersindical Galega-Migración coas palabras de Xosé Estévez: “Ainda existen dirixintes acomplexados que non se percataron de que o mellor xeito de abrirse ao rumoroso vento da globalización é a partir dunhas raices firmes no solar da própria nación. Só o tronco da identidade enxendra pólas de globalidade”. | |||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/06/2004 |