Actualidade / Biografía Volver


Vigo, 8 de xuño de 2004

Un ano trascendental na historia do galeguismo no exilio
1944–2004: 60 aniversario do Consello de Galiza e da edición de Sempre en Galiza
 

Lois Pérez Leira-

cig.migracion@galizacig.com



 Clic para aumentar
Castelao dá un pulo significativo á organización dunha entidade política patriótica que amplíe o accionar do galeguismo. Para iso funda e organiza en varios países de America latina as Irmandades Galegas, que teñen como lugar de fundación e epicentro Bos Aires.
 
Este ano conmemóranse dou feitos trascendentais da historia contemporánea de Galiza. Refírome ao 60 aniversario da edición de “Sempre en Galiza” de Castelao e á fundación do Consello de Galiza. Ambos acontecementos están intimamente vencellados, xa que o primeiro é o sustento ideolóxico do segundo. A edición de “Sempre en Galiza” foi un salto cualitativo, moi importante do pensamento galeguista, o cal marcará a varias xeracións de militantes.

A reconstrución do nacionalismo galego no exilio necesitou dalgúns anos de traballo e reflexión. A primeira tarefa do galeguismo no Río da Prata foi conquerir o apoio da emigración, para logo crear os instrumentos políticos patrióticos que poideran devolverlle a liberdade a Galiza.

Aquel 1944, foi un ano fundamental na historia do galeguismo, porque aparte daqueles acontencementos históricos, refúndase Galeuzca no exilio e constitúense as Irmandades Galegas en toda América.

Para o nacionalismo galego era moi importante profundiza-los lazos políticos cos nacionalistas bascos e cataláns. A parte do interés común, Galiza necesitaba o apoio destes aliados para ter aprobada nas Cortes españolas no exilio, o seu Estatuto de Autonomía, que o sector “Prietista” do PSOE boicoteaba permanentemente. Ao mesmo tempo Castelao durante ese ano dá un pulo significativo á organización dunha entidade política patriótica que ampliase o accionar do galeguismo. Para iso funda e organiza en varios países de America latina as Irmandades Galegas, que teñen como lugar de fundación e epicentro Bos Aires. Logo constitúense en Uruguai, Chile, Brasil, Venezuela, México, Cuba e Francia.

Neste marco dinámico do galeguismo, Castelao impulsa a constitución do Consello de Galiza. Os bascos e cataláns xa tiñan gobernos no exilio. Conqueriron o recoñecemento como autonomías -durante a segunda República- mentras que a Galiza faltábanlle trámites burocráticos, para a súa aceptación oficial por parte das Cortes no exilio. As posibilidades de que Franco fose deposto no caso de que gañaran a guerra as forzas aliadas facían necesario que Galiza tivera de xeito urxente un organismo que dera continuidade legal á vontade popular que representaban os deputados galeguistas.


 Clic para aumentar
Bos Aires. Banquete na homenaxe a José Antonio Aguirre Lekube, lendakari vasco. Na foto, Aguirre, o deputado socialista arxentino Alfredo Palacios e Alfonso Castelao.
 
Galeuzca no exilio

Unha das primeiras iniciativas políticas dos exiliados galegos foi a recreación conxunta de Galeuzca. Iniciativa semellante á que se forxara durante a segunda República entre os nacionalistas bascos, cataláns e galegos.

O 17 de outubro de 1944 publicouse en París un manifesto dando conta da reaparición de Galeuzca no exilio. O histórico documento ía asinado por José Aguirre, presidente do Goberno de Euzkadi; Carlos Pi Sunyer, presidente do Consell Nacional de Cataluña; e Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, presidente do Consello de Galiza. A declaración de constitución decía entre outras cousas:

“...Catalunya, Euzkadi e Galiza (Galeuzca), pobos vinculados polo afecto e o interese común, conviñeron un firme pacto de unión, según o seu espíritu respectivo, con solidaridade de propósitos e de fins comúns de democracia e liberdade nacional. Estas finalidades serán cumplidas mediante a mais eficaz organización interior e exterior dos medios que desenrolen coordinadamente cantos medios dispoñan os seus gobernos, organizacións e pobos”.

“Restaurada normalmente a República e aberto o período constituínte, os tres pobos reclamarán respeto á súa decisión democrática e libre, que Galeuzca, recollendo a vontade maioritaria, desexa que se oriente cara á Confederación Republicana Democrática, española ou ibérica no seu caso”.

A pesares de que o documento de constitución deuse a coñecer en París, será Bos Aires o centro de actividades de Galeuzca. A partires do acordo de constitución comenzarase a organizar delegacións en distintos puntos do exilio, incluso realizouse unha reunión clandestina en Cataluña o 25 de outubro de 1945.

O entusiasmo creado pola constitución de Galeuzca e a potencialidade que amosaba a unión de cataláns, bascos e galegos, foron creando a necesidade de ir pensando en ter un órgano periodístico desta organización unitaria. É así como nace a revista “Galeuzca”, en agosto de 1945, editándose 12 números ata xullo de 1946.


 Clic para aumentar
O 15 de novembro de 1944, fúndase en Montevideo o Consello de Galiza, coa sinatura de Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo. Na foto, Castelao falando no banquete do Día de Galiza en 1944.
 
Creación do Consello de Galiza

O 15 de novembro de 1944, fúndase en Montevideo, o Consello de Galiza, coa sinatura de Alfonso Rodríguez Castelao, Elpidio Villaverde, Antón Alonso Ríos e Ramón Suárez Picallo. Os catro asinantes eran os únicos deputados galegos refuxiados en América, os cales acordaron:

“Xuntarse nun so corpo de dirección política para gardar, manter e defender a derradeira vontade política de Galicia, mentres dure esta etapa de avasallamento na que o pobo vese privado de toda expresión democrática. Ditos mandatarios afirman que a vontade política de Galicia arrinca legalmente do Estatuto plebiscitado en 1936.

Os mencionados mandatarios defenderán, por conseguinte, o dereito de autodeterminación para o pobo que representan; pero consideranse autorizados a restringir este dereito ó que sexa racionalmente xusto e posible, descartando o separatismo e abogando por unha unión accionada de tódolos pobos diferentes de España, ou mellor, da Península, dentro dun Estado plurinacional republicano, con garantías de liberdade para os homes e os pobos. Tendo en conta que a vontade dos electores galegos representan unha ínfima minoría de votos no corpo político de toda España e que ,polo tanto, a vontade do pobo galego sería indefectiblemente vencida polo peso numérico dos votos non galegos, resulta natural que os representantes de Galicia busquen o equilibrio democrático de España a base dunha nova estructura do Estado Español, na que os pobos sexan os verdadeiros suxeitos do dereito político. Para este fin, a unidade de dirección política de Galicia no exilio, emprenderá unha campaña, xunto co Goberno de Euzkadi e o consello Nacional de Cataluña, para pesar, por convencimento, na conciencia liberal e democrática dos demais españois...”.

A creación do Consello de Galiza xerou un importante debate entre o galeguismo do exterior cos sectores galeguistas do interior, liderados por Ramón Piñeiro.

Coa caída de Galiza en mans das forzas franquistas e a posterior derrota das forzas republicanas, os galeguistas que aínda permanecían no país intentan unha reagrupación de forzas. Moitas son as dificultades para reorganizar o partido, a maioría dos cadros principais ou foron fusilados ou marcharon cara ao exilio. En Galiza quedaban persoas illadas que polas súas posicións moderadas non foron perseguidas. Mentres que algúns militantes desde posicións de esquerda loitaron xunto aos comunistas na resistencia armada. Co pasar dos anos a reagrupación galeguista vaise a realizar a través dun grupo de intelectuais que admiten a imposibilidade de enfrentarse abertamente contra o réxime imperante. Comeza a xestarse entre eles unha concepción culturalista, desbotando os métodos e xeitos políticos do galeguismo político encabezado por Castelao e o Consello de Galiza.

 Clic para aumentar
A edición da obra de Castelao “Sempre en Galiza” é o sustento ideolóxico da fundación do Consello de Galiza, un salto cualitativo moi importante do pensamento galeguista, que marcará a varias xeracións de militantes. Na foto, Castelao recindo de Rodolfo Prada o primeiro exemplar do libro “Sempre en Galiza”.
 
O debate cos seguidores de Ramón Piñeiro leva a Ramón Suárez Picallo a redactar un borrador sobre a significación histórica da creación do Consello de Galiza:

“Ó finar a guerra civil, en 1939, milleiros de galegos, que loitaran nela defendendo a República, na concencia de que República e autonomia pra Galicia, eran cousas consustanciadas e inseparabels, tiveron que saír mundo adiante polos camiños do desterro, especialmente rumbo ás Américas.

Entre istes emigrantes galegos forzados, habia moitos que ostentaban en Galicia cargos politicos de representación popular, diputados a Cortes, diputados provinciales, alcaldes, concellales, ex ministros, ademais de dirixentes politicos e sindicais, profesores e intelectuais de moita valía, que se sumaron e se confundiron coas vellas institucións representativas das poderosas coleitividades galegas residentes, a maioria das cales, especialmente as da Arxentina e do Uruguai eran dende sempre de siño autonomista, repúblican e democrático.

E namentres que vascos e cataláns en situación igual por ter aprobados e promulgados os seus estatutos autonómicos dentro da continuidade institucional, constitucional e xurídica da República, sostiñan, e sosteñen na emigración, os seus orgaismos representativos disa continuidade, os galegos carecíamos dunha entidade similar por non terse promulgado o seu Estatuto respeitivo.

En efeito, o Estatuto Galego, plebiscitado o 28 de xunio de 1936, fora entregado con todas as formalidades xa cubertos os tramites marcados na Constitución da República, na Presidencia do Parlamento, pra ser sometido á súa aprobación, unhas horas antes de estalar a moura traición. Xa en plena guerra civil, o Estatuto tivo leitura oficial na sesion das Cortes, celebrada en Monserrat en febreiro de 1938; e en 1944, nas Cortes celebradas en Ciudad de México, tivo penultimo trámite parlamentario, ó ser nomeada ali a Comisión encargada de ditaminalo e propoñer a sua aprobación.

Galicia non tiña, pois, un “Estatus” perfeito con referencia a súa autonomía, pero tiña unha forte espeitativa de telo, á vista dos trámites constitucionais xa corridos polo seu Estatuto, que lle permitía crear un organismo representativo, ainda que somentes fose simbólico d-aquela espeitativa de direito. Ise orgaismo é o Consello de Galicia.

 Clic para aumentar
“O Consello de Galicia non é un goberno en eisilio: É unha institución simbólica, gardadera da voluntade republicán, democrática e autonomista do povo galego (...) Estimula, axuda o apoia, na medida das súas forzas, toda laboura tendente a que galicia recupere o antes posibel os seus dereitos democraticos de autodeterminación politica e nacional, tanto na emigración coma no interior”. Na foto, Castelao falando no Día de Galiza, en Bos Aires, 1944.
 
Oríxen: Castelao, cuia vida, obra esprito e corazón, foron íntegras pra Galicia, matinou constantemente na creación do devandito orgaismo. El atopouse na emigración especialmente en Bos Aires coa “outra” Galicia, coa Galicia Ultramariña: unha Galicia viva e palpitante de esprito de galeguidade, de fervor republicán e democrático de anceios de libertade pra Patria, que via no noso lider, non somentes ó grorioso artista, senon que támen o guieiro ideal, o conductor dun pobo.

Ista Galicia que se volcara integra en favor da proclamación da República Federal, que apoiara politica, espritual i-economicamente, as campañas a prol do Estatuto autonómico, e que, durante a guerra civil, foi a forza maior e mais vital da axuda os combatentes da legalidade republicana na que vían a posibilidade da autodeterminación politica de Galica, non se resiñaba a acatar pasivamente os resultados inxustos da guerra civil. E pasados os primeiros intres de angustiado estupor quixo seguir loitando dende a emigración polos vellos e ben amados propósitos e ideais de liberdade e democracia pra Patria galega. Mais, pra que a loita fose eficaz, necesitábase unha entidade que a orientase por riba da discrepancias de matiz politico, filosófico e ideolóxico -ausolutamente naturais e lícitas en todo orgaísmo democrático- eisistentes no seo das nosas entidades coleitivas. Unha entidade que, en certo grado representase dalgún xeito, a vontade libremente eispresada do povo galego; unha entidade que fose aceitada, recoñecida e respetada por todos, como representación da Galicia democratica e autonomista que se manifestara nas eleicións de febreiro de 1936, e no Plesbiscito de xunio do mesmo ano.

Castelao antes de darlle forma a ista entidade, consultou a varios xuristas galegos, entre eles a profesores de dereito da Universisade Compostelana. celebrou reunións privadas de consultas, tamén cos principales dirixente das coleitividades galegas da Arxentina e do Uruguay, e, por correspondencia, ós das outras coleitividades de toda América. Consultou eisimesmo, persoalmente e por correspondencia, ás autoridades dos gobernos vasco e catalán no eisilio os feitos do posibel recoñecemento do orgaismo galego.

As respostas foron todas favorabels e, a vista delas, Castelao deulle vida e forma ó Concello de galicia en aito publico memorabel, na cibdade de Montevideo - circunstacias politicas de aquel intre fixeron imposibel que fose en Buenos Aires- leendo ante varios milleiros de galegos, das duas ribeiras do Plata á sua aita de fundacional.

 Clic para aumentar
Deputados vascos, cataláns e galegos no exilio, reunidos baixo a presidencia de Castelao en Montevideo, nunha homenaxe ao Consello de Galiza, en 1945.
 
Composición: Xa fica dito que o orgaismo, aparte do seu caraiter simbólico e patriotico tiña que ter certa forza representativa da vontade do povo galego, libremente eispresada. E ista representatividade dase cabalmente nos diputados galegos elexidos nas memorables eleicións de febreiro de 1936, a derradeira ves que galicia puido elexir libremente representantes seus.

Por eso o Consello está integrado por ises deputados, perteñecentes a distintos seitores politicos aituantes en galicia. Castelao foi seu primeiro e único presidente. cando él morreu o Consello deixou de cubrir o cargo pra que él seguise presidindo dende a inmortalidade donde mora.

A parte executiva da Presidencia desempeña Antón Alonso Rios, diputado agrario por Pontevedra, no seu caracter de Segredario Xeral.

Polo demais ista composición do Consello a base dos diputados concorda co artículado da Constitución (arts. 11 a 16) referente as autonomías, e coa parte “transitoria” do estatuto Galego plesbiscitado, que lles confire ós diputados as Cortes a facultade de Constituirse en Goberno provisional até a implantación do Estatuto e de todos os seus orgaos de poder.

O Consello aitua asesorado por varias Comisións de Facenda, de Asuntos Politicos, de Asuntos Culturales etc. Os membros destas Comisións perteñecen as principais institucións da colectividade galega de Buenos Aires e do Uruguay, que o apoian e recoñecen.

 Clic para aumentar
Acto político coa presencia de Alfonso Castelao, presidente do Consello de Galiza, e José Antonio Aguirre Lekube, lehendakari do Governo basco.
 
Significación: O Consello de Galicia non é un goberno en eisilio: É unha institución simbólica, gardadera da voluntade republicán, democrática e autonomista do povo galego. Non interveñe en polémicas de ningunha natureza no seo das coleitividades. Aitua en defensa do manteñemento d-aquela vontade, esclarecedora e mantendo o seu siñificado. Estimula, axuda o apoia, na medida das súas forzas, toda laboura tendente a que galicia recupere o antes posibel os seus dereitos democraticos de autodeterminación politica e nacional, tanto na emigración coma no interior. Con elo vai implicito que apoia canto se faga pra poñer fin ó reximen iñominioso que a ten sobmetida, opresa i-esplotada. Do mesmo xeito estimulada toda laboura cultural e artistica, de dentro e de fora de galicia, que tenda a arrequentar os bens do esprito galego, e a xerarquizar a sua personalidade diferenciada, nacional e culturalmente.

A vida do Consello de Galicia está autolimitada polos seus propios fundadores. Deixara de eisistir no intre mesmo, (nin un minuto antes, nin un minuto despois en que Galicia recupere o dereito de elexir, libremente, representantes propios que aituen en todos os ordens”. Informe manuscrito de Ramón Suarez Picallo (Arquivo da Real Academia Galega).


Lois Pérez Leira,
coordenador nacional do Departamento de Migración da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 08/06/2004
cig.informatica