Actualidade CIG-Comunicación-
O primeiro acto de protesta consistiu nunha concentración, durante unha hora a partir das 10 da mañá, diante do Pazo de Congresos, onde se realizaba o 3º Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais. Queríase deste xeito amosar dende a central sindical o descontento cun evento que non vai tratar este tema coa profundidade que fai falla, xa que se centra case que exclusivamente nas cuestións técnicas, deixando ao marxe cuestións como a precariedade laboral en todas as súas formas (eventualidade, falta de contrato, xornadas excesivas, etc.) que son motivo fundamental do aumento dos accidentes e baixas laborais. Dirixiuse aos delelegados-as o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, cunhas breves palabras, e a continuación a secretaria confederal de Saúde Laboral, Carmen Antas, leu o manifesto da CIG a respecto do 3º Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais, que ademais ía ser entregado aos congresistas presentes polos membros da CIG que asisten ao evento en representación da central.
Ás 12 horas da mañá saíu da Alameda o segundo acto de protesta, unha manifestación que percorreu varias rúas da cidade. Rematou na Praza de Praterías, onde o secretario xeral dirixiu unhas verbas aos delegados e delegadas da CIG. Seixo salientou que “ Esta manifestación que baixo o lema A Precariedade Mata, xunto coa concentración que vimos de realizar no Pazo de Congresos forma parte da campaña para sensibilizar á opinión publica... para denunciar os altos índices de precariedade e desemprego existentes en Galiza...”. Engadindo a continuación que, o desemprego (14,64%) e a temporalidade (35%) da povoación activa “son dous principais problemas que temos hoxe a clase traballadora galega... a precariedade laboral normalmente vai acompañada de salarios baixos, xornadas laborais abusivas, altos índices de accidentes laborais, pensións baixas, desorganización...”. Destacou Seixo que a “precariedade non é un problema conxuntural, obedece a un modelo económico... estamos diante dunha loita difícil e as solucións non nos van vir dadas por propia iniciativa do poder, do governo ou da patronal... temos que confiar nas nosas propias forzas, seguir organizándonos, seguir reivindicando e sobre todo continuar mobilizándonos para arrincarlle ás empresas e aos governos medidas que nos permitan rebaixar a precariedade laboral existente... non podemos baixar a garda pensando de que como houbo cambio de governo xa temos os problemas solucionados. Experiencias anteriores non animan a ser moi optimistas...”. Durante o percorrido da manifestación berráronse consignas referidas aos motivos da protesta ou aos obxectivos da clase obreira, entre elas: Traballo temporal accidente laboral; Precariedade nunca máis; Contra o capital loita obreira e acción sindical; Traballo digno na Nosa Terra; Emprego estábel e con seguridade; Galiza ceibe e sen explotación. | |||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 03/06/2004 |