ActualidadeVolver a Actualidade


A Coruña, 10 de xuño de 2004

O persoal de telemárketing di non á precariedade
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


 Clic para aumentar
A folga convocada por CIG, CGT, CCOO e UGT no sector de telemárketing para o día 9 de xuño contou cun respaldo maior se cabe que os paros parciais efectuados ao longo do último mes. (Ver reportaxe gráfica).
Clic para aumentar
A CIG, que contou cunha nutrida representación tanto de afiliadas/os como de delegadas/os nesta manifestación, avalía como moi positiva a resposta do persoal. (Ver reportaxe gráfica).
Clic para aumentar
A manifestación percorreu o centro da cidade de A Coruña dende a empresa Eurocen, na rúa Comandante Fontanes ata a empresa Atento, na rúa Xoán Flores. (Ver reportaxe gráfica).
 
Nin os servicios mínimos abusivos impostos pola patronal, nin a contratación de persoal para cubrir aos traballadores e traballadoras en folga, impediron que o paro no sector de telemárketing fora un éxito.

A folga convocada por CIG, CGT, CCOO e UGT no sector de telemárketing para o día 9 de xuño contou cun respaldo maior se cabe que os paros parciais efectuados ao longo do último mes. A clientela da banca telefónica, das aseguradoras por teléfono, ou dos servizos de atención ao cliente de centos de empresas, dende Repsol ou Endesa, ata Planeta ou Fenosa, atopábanse hoxe cunha mesma e repetitiva mensaxe: Non podemos atendelos nestes intres. Foi esta a mellor demostración do amplo respaldo obtido pola folga.

Na cidade de A Coruña, que concentra as grandes empresas deste sector na Galiza, a participación situouse perto do 90%.

A manifestación que percorreu o centro da cidade de A Coruña dende a empresa Eurocen, na rúa Comandante Fontanes ata a empresa Atento, na rúa Xoán Flores, contou coa asistencia de máis de 400 persoas.

Posteriormente, os e as manifestantes, concentráronse perto de media hora na rúa Xoán Flores ata as 12:30 horas, diante de da empresa Atento. Durante toda a manifestación escoitáronse berros denunciando a precariedade laboral deste sector. Entre as consignas máis coreadas estaban a de “Se non nos pagas nada, colle ti as chamadas”; “Basta xa de precariedade”; “Telemárketing por un convenio digno”.

Segundo fontes da propia patronal, un 82% dos empregados/as teñen contratos temporais; un 63% destes contratos son a tempo parcial. A rotación sitúase entorno a un 40% anual, é dicir, que anualmente renóvanse os cadros de persoal nun 40%. O salario medio sitúase entorno aos 11.000 euros anuais. Neste sector a maioría do persoal son persoas novas, cunha alta taxa de mulleres. Falar de telemárketing é falar de precariedade en estado puro.

O fin da precariedade e temporalidade, cun incremento da contratación indefinida e coa subrogación dos traballadores/as de campaña no caso de cambio de empresa, un incremento dos salarios que permita a recuperación do poder adquisitivo perdido nos últimos anos pola alza dos prezos, máis alá do IPC oficial e coa creación dunha paga extra, e a reducción da xornada laboral, forman as demandas básicas do persoal deste sector.

Dende a CIG, que contou cunha nutrida representación tanto de afiliadas/os como de delegadas/os nesta manifestación, avalíase como moi positiva a resposta do persoal, e non se desbotan novas mobilizacións se en breves datas non se retoma a negociación e hai un cambio importante na postura da patronal.

A Coruña, 9 de xuño de 2004.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/06/2004
cig.informatica