Actualidade CIG-Comunicación- O luns, ás 11:30 horas, 70 delegados/as, fudamentalmente do naval, iniciaron un peche de 24 horas coa finalidade de chamar a atención sobre a grave situación laboral dos estaleiros de IZAR na comarca. Esta acción foi apoiada por concellais do BNG da comarca e contou coa presenza dos alcaldes nacionalistas de Fene e Mugardos, e o vicepresidente da Deputación Provincial. Na rolda de prensa do luns dada por Miguel Malvido, o secretario comarcal de Ferrol, Emilio Cagiao, e Rivera Arnoso, alcalde de Fene, Cagiao dixo que era necesaria esta acción, así como que non entendía a postura pasiva de CCOO e UGT en Galiza cando noutras partes do Estado participaban e propiciaban mobilizacións por idénticos motivos, así como que “non estamos dispostos a sacrificar IZAR Fene para garantir traballo noutros estaleiros”. Malvido, na mesma liña, engadiu ademais que a CIG estaba pola unidade, aínda que “non aceptaba a postura das centrais estatais de esperar resultados, xa que nos colocaba á cola da reivindicación” para garantir a continuidade de todos os estaleiros. O martes, ás 13 horas, a CIG fixo unha rolda de prensa no Concello coa presenza de toda a Executiva Confederal, e na que interveu Suso Seixo, secretario xeral da Central sindical. Na presentación de Seixo, o secretario comarcal rebateu as descalcificacións que CCOO e UGT fixeron desta acción de protesta, e lembrou o comportamento que estas centrais sindicais tiveron en anteriores procesos de desmantelamento cando terminaron cedendo á moitas das pretensións da Administración. Pola súa banda, Seixo salientou que “estamos diante dun intre no que a producción naval é unha das maiores das últimas décadas, e que por mor da sustitución de petroleiros por barcos de dobre casco a producción seguirá sendo alta nos vindeiros anos. Que este aumento non só é absorbido polos países do suleste asiático senón que tamén da Unión Europea. Por exemplo Alemania, onde os custes non son máis baixos que en Galiza, un argumento co que sempre se quere xustificar as regulacións e peches”. Non se trata polo tanto só dun problema salarial, cando hai estados con custes máis elevados que dan achegas aos armadores, e polo tanto indirectamente aos estaleiros, mentres que no Estado español se acepta o desmantelamento do sector. O secretario xeral da CIG manifestou que “a nosa central non vai permitir que se amorticen os postos de traballo, aínda que se realicen xubilacións anticipadas, xa que o sector e o emprego é fundamental para a comarca e para todo o país”. Dixo que para evitar o peche de calquera dos estaleiros galegos e garantir o emprego existente, nunha comarca na que a emigración lastra o desenvolvemento, facía falla que todas as forzas sociais, económicas e as institucións se mobilicen. Con tal fin a CIG ía propiciar reunións para articular a protesta e a defensa do sector, comezando polas comarcas de Ferrol e Vigo, aínda que, repetiu, este é un problema nacional. | |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/06/2004 |