Actualidade / Artigo Xesús Gómez Miño-
A forza de ser teimudo có tema, paréceme do máis oportuno escreber novamente do Patronato, sobre todo como agradecemento infinito e recoñecemento do seu inmenso labor a prol da nosa lingua, da nosa historia, da nosa cultura en calquera das súas manifestacións. E digo que me parece oportuno porque un ten que ter presente a situación extrema na que se atopa o Uruguai e que incide de xeito tan negativo no quefacer diario desta senlleira institución. Formalmente un grupo de exemplar vocación galeguista xa viña diferenciándose na colectividade galega, rematando por alugar un local na principal avenida montevideana 18 de Julio, 966; eran os tempos da incansable laboura de homes da talla moral i ética como o doutor Cancela Freixo, Abelardo Cerdeira, Miguel Vázquez Valiño, ou o verdadeiro mecenas, o inesquecible irmán na causa do noso guieiro Castelao, don Xesús Canabal: compatriota compostelán, empresario de éxito no Uruguai e sobre todo, galego de compromiso exemplar. Esta benquerida institución que é o Patronato ó longo da súa traxectoria nunca quebrou os seus obxectivos fundacionais, có empeño dos que foron pasando polas diferentes directivas; na memoria a figura de Pedro Couceiro, Antón Crestar, Manuel Meilán... ata chegar aos nosos días co recoñecemento que ten que abranguer ó compostelán Nelson Regueiro e á súa presidenta actual Carme Lorenzo, quen coa compañeira secretaria Carme Díaz e demáis directivos/as teñen que sentirse ledos porque a pesares do momento económico que viven, o facho que tanto alumeou perante corenta anos, hoxe segue a estar vivo. A responsabilidade de todos nós será que así siga, que continúen a facer toda esa tarefa de espallamento cultural que os converteu en dignos herdeiros daqueles homes inspirados sempre dunha vixente filosofía galeguista, militante e insobornable; ese labor que fai que o Patronato da Cultura Galega siga manténdose como símbolo cultural da colectividade galega do Uruguai e que ben comprobaron, en distintas estadias, as xentes do País, como Pilar Caxiao Vila, Núñez Seixas, Avelino Pousa, Carlos Sixirei, Pilar Pousada, Manolo Rivas, Candido Pazó, a xornalista Mónica Rebolo, Mª Xosé Lojo ou o recentemente laureado en Cannes Andrés Pazos, polo filme uruguaio Güisqui, e asi deica unha longa nómina de amigas/os que esta institución ten na Galiza. E se alguén é testemuña de excepción, será o Viera de Prata deste ano, irman Xosé Mª Monterroso Devesa, galeguaio que en décadas pasadas presideu e dinamizou o eido cultural eiquí na Terra na lembrada Asociación Cultural O Facho, e que será recoñecido este domingo 20 nos actos a desenvolver nos salons de Casa Galicia en Montevideo. Decir que a institución da Vieira de Prata que o Patronato concede, recollese no art. 8 dos estatutos e otorgase a institucions ou persoas que houberan prestado servizos notabeis a Institución ou a Galiza, e para sua concesión requirense o voto dos tres cuartos dos intregantes da Directiva do Patronato. En fín, poderiamos seguir deica un libro (que seria xusto e necesario) para salientar actividades, laboura e quefacer deste modélico currunchiño galego da rúa Rio Branco, mais como hoxe deben faguer festa rachada, lembrar ós ausentes, e agradecer aos profesores honorarios a sua desinteresada laboura, e a Xunta Directiva ou seu meritorio esforzo para manter viva i en antena a Audición mais anterga e ininterrumpida na nosa lingua, “Sempre en Galiza”. En nome das/os amigos do aquénmar, despedirme co saúdo o uso dos irmans na causa galega: SAUDE E TERRA IRMANS!!
| |||
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/06/2004 |