Actualidade / Artigo Aos ricos párenlles os bois e aos pobres os cans Clodomiro Montero Martínez- Deixar as necesidades sociais ao libre albedrío do mercado ten o que ten, como non podemos deixar de comer, de poñernos enfermos ou como non podemos vivir á intemperie sempre hai “listos” dispostos a facerse de ouro especulando coas necesidades básicas dos demais. ¿Que a vivenda está cara? A culpa é dos cidadáns que como os préstamos hipotecarios están “baratos” mercamos ao tolo. A media do prezo oficial da vivenda subiu na Galiza un 10% nos últimos doce meses; o prezo real é imposible de calcular. Agás Facenda, todo o mundo é consciente de que o custe é superior ao declarado. Os mozos e mozas, víctimas da precariedade laboral, tampouco teñen aceso a unha vivenda digna. Milleiros de pisos permanecen baleiros, polo que é necesario e urxente introducir estes pisos no mercado inmobiliario de aluguer. Outra cuestión é a proposta do goberno de ZP; que mercar unha vivenda habitual deixe de desgravar na declaración da renda, para subvencionar aqueles propietarios que restauren vivendas baleiras para polas en aluguer, é unha proposta regresiva. Subvenciónase a quen ten máis dunha vivenda e aos especuladores. Xa o di o refrán: “Aos ricos párenlles os bois e aos pobres os cans”. O lóxico, a proposta progresista, sería a contraria: penalizar fiscalmente a tenencia de vivendas baleiras, penalizar a contratación temporal naquelas empresas ou sectores con maiores niveis de eventualidade e endurecer as condicións dos despedimentos naquelas empresas que máis despiden. O resto son políticas reaccionarias deixando aos traballadores/as e cidadáns aos pés dos cabalos.
ÚLTIMA REVISIÓN: 06/07/2004 |