Actualidade CIG-Comunicación-
Non queremos centrarnos neste documento en cales foron os pasos que se deron para chegar á redacción e aprobación pola Comisión do texto definitivo da Constitución Europea, xa que o fundamental, pola súa transcendencia, é o contido e desexamos evitar calquera desvío da súa análise. Ou sexa: como incide a Constitución Europea sobre os dereitos e obrigas que temos, tanto como cidadáns e cidadás, como persoas que forman unha nación e como integrantes da clase traballadora. E cal debe ser a postura da CIG diante deste texto e dun case que seguro referendo. De todos os xeitos temos que facer un comentario previo sobre a elaboración da Constitución Europea Cómpre dicir que non houbo un proceso baseado nun mandato da cidadanía, do conxunto da Unión, a unha asemblea constituínte que elaborase o proxecto, fose sometido despois a un debate nos parlamentos estatais, emendado e reelaborado na asemblea e, posteriormente, sometido a un referendo. A Constitución Europea tampouco fixa unha división real entre poderes e reforza a autonomía do Banco Central Europeo (que fica á marxe das decisións políticas e de calquera mandato dos cidadáns). Ademais, reserva ao Consello Europeo (ou sexa aos gobernos dos Estados membros) a decisión sobre as cuestións fundamentais, o que explica as tensións sobre o reparto dos votos.
A Constitución Europea fai un recoñecemento formal das liberdades democráticas básicas, no Título II da parte II. Agora ben, todas están subordinadas ao respecto do mercado único no que “a competencia sexa libre e non falseada” (artg 3.2). Mesmo cando se fala de situacións criticas (no caso de graves disturbios internos, artigo III-16) o que preocupa non é tanto garantir as liberdades individuais senón o funcionamento do mercado interno. Existe unha premeditada ambigüidade cando se equipara o dereito á liberdade co da seguridade, pretendendo así colocar no mesmo plano ambos os dereitos, cando debera ficar o segundo subordinado ao primeiro se non se quere caer na utilización dos problemas de seguridade para aprobar medidas cada vez máis restritivas das liberdades básicas (como xa acontece agora acotío). A Constitución Europea non realiza o recoñecemento da igualdade entre homes e mulleres como un principio e un valor a respectar, senón só como un obxectivo polo que pular, o que foi denunciado pola Asemblea de Mulleres reunida no marco da Federación Social Europea en París. Tampouco hai un recoñecemento de dereitos plenos aos traballadores inmigrantes con residencia fixa. A estes aspecto negativos temos que engadir que ademais mantén o trato preferente ás igrexas, dando folgos deste xeito a determinadas institucións relixiosas, especialmente as cristiás.
A Constitución Europea proclama a primacía dos estados sobre os pobos ou nacionalidades, aos que, en caso de teren recoñecida algún tipo de organización territorial, lles será permitido participar nos Comité das Rexións, Organismo que non ten poder decisorio ningún, só consultivo. Non esquezamos que o Comité de Rexións pon no mesmo chanzo aos entes “rexionais”, ou sexa as nacións sen estado proprio dos estados plurinacionais, que as entidades locais. Ademais a amplitude da súa composición (350 membros) réstalle toda eficacia, sen esquecer que só posúe carácter consultivo. As aspiracións históricas das nacionalidades do Estado español a ser recoñecidas como nacións libres e iguais en dereitos aos actuais estados da Unión sofre con este texto un duro revés. Así a Constitución afirma que nace da vontade dos cidadáns e dos estados (art. 1.1) e que “as competencias da Unión son aquelas que lle atribúen os estados” (artg 1.9.2). Chama a atención que no primeiro proxecto se fixese referencia á “vontade dos pobos” e ao “modelo federal”. Este recoñecemento implícito das nacionalidades ficou posteriormente anulado polo veto que exerceron algúns dos estados centralistas da UE: Francia, España e Reino Unido. Xustamente aqueles que teñen problemas nacionais non solucionados no interior.
O Parlamento Europeo é a única institución electa da Unión. Agora, como unha novidade, ratifica o nomeamento do Presidente da Comisión Europea (AI-19.1) e pode exercer a moción de censura colectiva sobre esta (AI-25.5; AIII-243), mais non a pode realizar individualmente sobre os seus membros. Esta censura non está regulamentada. A capacidade lexislativa do Parlamento Europeo ten eivas importantes. Carece de iniciativa lexislativa, que está reservada á Comisión Europea. Na Constitución Europea a función lexislativa preséntase como unha competencia compartillada entre o Parlamento e a Consello Europeo (art. 19) (art. 22). O procedemento lexislativo ordinario exixe un acordo entre Parlamento Europeo e Consello de Ministros para poder ditar unha Lei Europea (artg 33.1). Esta paridade non é asimétrica xa que o Consello de Ministros pode aprobar en solitario unha morea de regulamentos e decisións (AIII-334); lexislación “considerada menor” mais de carácter obrigatorio en moitos casos.
A Carta dos Dereitos Fundamentais supón aceptar á baixa os dereitos que están recoñecidos nos Estados membros. Por exemplo, non se garante o dereito básico ao traballo, nin a un salario xusto, á protección por desemprego ou a unha pensión de vellez ou viuvez. Entre outras cousas a Constitución fala de “man de obra adaptábel” ás necesidades do mercado; evidentemente con este concepto consolídase a figura do precario, máxime cando o dereito ao traballo non está recoñecido e subtitúese polo “dereito a traballar” (art. II-15.2) e á liberdade a procurar emprego (art. II-15.2). Faltaría máis! Do que se trata é de fomentar o emprego sometendo as exixencias “do mercado”, tendo en conta a competitividade das empresas. Para isto, o obxectivo dos “esforzos de coordinación” deben ser “potenciar unha man de obra cualificada, formada e adaptábel aos mercados laborais con capacidade de resposta ao cambio económico”. Non figura no texto o recoñecemento a unha indemnización ou á readmisión por despedimento (substitúese polo dereito a protección en caso de cesamento inxustificado –art. II.30-). Concretamente nalgunhas materias como saúde e seguridade dos traballadores, seguridade social, protección dos traballadores en caso de rescisión de contrato laboral, e consulta dos traballadores, poderán fixarse “disposicións mínimas” que se aplicarán “tendo en conta as condicións e regulamentos técnicos existentes en cada un dos estados membros (art. III-204.2.b).
Aínda que a Constitución non menciona o Acordo Xeral de Servizos (AGCS) resulta evidente que está contemplado no texto. Concretamente non se fala de servizos públicos senón de “servizos de interese económico xeral”, e limítanse as achegas estatais ás empresas públicas (art. III-55, 56 e 57). Os servizos públicos non serán prioritarios na Unión segundo se indica (art. III-12) senón “a política monetaria... a política comercial común, a unión aduaneira e a conservación dos recursos biolóxicos”. Algúns dereitos básicos como a saúde ou a seguridade no traballo son obxectivos a conseguir, porén sempre que se evite “fixar trabas de caracter administrativo, financeiro e xurídico que impidan a creación e desenvolvemento da pequena e mediana empresa” (art. III-104). Serán os estados os encargados de decidir e pór en marcha mecanismos de respecto a estes dereitos. Establécese como alicerce a libre competencia, así como manter este criterio para calquera acordo comercial entre estados e organizacións internacionais, e agora non fai falla a unanimidade no seo da Unión Europea (agás en temas culturais e audiovisual) deixando a porta aberta á deterioración dos servizos públicos, ao ter que se asumir polo conxunto da UE.
Fixase como criterio fundamental na Constitución (art. III-69) o de “respecto ao principio de unha economía de mercado aberta e de libre competencia”. Ademais os “principios reitores” comúns da política económica e monetaria son “prezos estábeis, finanzas publicas e condicións monetarias sólidas”. O art. I-29 consagra a independencia do Banco Central Europeo e sinala que o obxectivo principal deste é “manter a estabilidade de prezos” e que actuará “baixo o principio dunha economía de mercado aberta e de libre competencia”. Ou sexa, apóstase por un modelo económico neoliberal. Preveuse a elaboración dun proxecto de orientacións xerais para as políticas económicas por parte do Consello de Ministros que terá carácter vinculante (III-71). Fíxase que os estados membros deben evitar déficits públicos excesivos (art. III-76). O artigo 46 consagra o acceso de lobbies e grupos de presión nos procesos de tomas de decisión da Unión baixo o rótulo de “Principio de democracia participativa”. Nada ten que ver coas asembleas populares en moitos concellos de Brasil que son consultadas e mesmo deciden sobre temas xerais, e que se promociona nos encontros do Forum Social Mundial. Neste caso trátase de dar máis poder aos grupos económicos na toma de decisión política (como se xa tivesen pouca). Convén saber que hoxe máis de 200 empresas transnacionais teñen representación en Bruxelas, ademais de 500 grupos de presión industriais.
A Constitución Europea marca como finalidade converter a Unión Europea nunha potencia militar. Así no art. I-40.3 dise “os estados comprométense a mellorar progresivamente as súas capacidades militares”, e no art. III-212 créase a Axencia Europea de Armamento, Investigación e Capacidades Militares, baixo a autoridade do Consello de Ministros. E todo isto ao servizo da “guerra preventiva” que, aínda que camuflada, foi asumida polo Documento Solana presentado no Cumio de Bruxelas o pasado mes de decembro. Rebaixando as diferenzas con EEUU á necesidade de procurar consensuar as decisións no Consello de Seguridade das Nacións Unidas. Déixase ademais constancia do respecto aos compromisos coa OTAN (artg III-214), ou sexa da colaboración cos Estados Unidos (potencia que nos últimos anos atacou e invadiu países como Afganistán, Iraq, Haití, etc).
Esta é unha Constitución blindada, o que a fai máis antidemocrática, xa que a súa reforma exixe a unanimidade de todos os gobernos dos estados membros, o que na práctica vai ser case que imposíbel, cando menos nun senso máis popular.
A Confederación Intersindical Galega coida que a Constitución Europea é un paso atrás en moitos aspectos esenciais (nacionais, económicos, laborais, sociais, mesmo de liberdades democráticas básicas). Un recuar real, para alén das declaracións xerais e formais que no texto se realizan, máis como cobertura mediática que como principios e obxectivos fundamentais. Podemos afirmar con motivos que esta Constitución nega os nosos dereitos nacionais e consolida as políticas neoliberais.
| |||||||||||||||||||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 10/07/2004 |