Actualidade / Biografía Volver


Vigo, 16 de xullo de 2004

José María Montero: Desde inventar o “Colectivo Argentino”, ata a pena de morte
 

Lois Pérez Leira-

cig.migracion@galizacig.com



 José María Montero
José María Montero naceu nunha aldea de San Salvador de Cecebre (Cambre) o 4 de maio de 1897.
 
O 4 de maio de 1897 cando case remataba o século naceu nunha aldea de San Salvador de Cecebre, parroquia pertencente a Cambre, José María Montero. O propio Montero nas súas memorias cóntanos aspectos da súa nenez; "Os meus pais -un humilde matrimonio labrego- como a gran maioría dos que por entón habitaban esta parte do planeta, amasaban con inmenso sacrificio o pan de cada día, que esixían perentoria e cotiamente as bocas dos seus catorce fillos, chegados ao mundo como unha resignada resposta ao precepto bíblico...".

José María Montero ao chegar da mili, toma a decisión de marchar a Cuba. Ao pouco de chegar, encóntrase traballando nun café da Habana, na rúa Oficios 35, fronte a La Perla. Aos oito meses de estar na Illa, atópase cun amigo da aldea, o cal traballaba na tripulación do barco "Morocasten", que facía a travesía Estados Unidos, México e Cuba. Montero sen dubidalo. Pediulle que o levara de polisón a EEUU, o cal o seu amigo accedía ao pedido.

Ao chegar a Nova York, eludiu aos gardas de alfándegas, facéndose pasar por tripulante. Trasladouse a unha fonda ubicada en Roosevelt Street, fronte á ponte de Brooklin, que cruza o río Hudson. Os donos eran naturais dunha aldea galega, chamada Espírito Santo. O seu primeiro traballo, despois dunha semana de buscar por toda a cidade, foi o de ascensorista.

En 1922 produciuse unha forte crise económica no xigante do norte, que rematou co peche de numerosas industrias. Foi así como Montero quedou na rúa, durante un longo tempo. A sorte volveu embarcar e percorreu o mundo traballando. Ata que decidiu retornar a terra e se puxo a traballar nunha fábrica militar en Pensilvania. Ao pouco tempo, entrou na fábrica Ford de Detroit, na sección de fundición. Por mor a un incidente con outro compañeiro cambiou de traballo, incorporándose aos talleres da General Motors. Cos dólares aforrados na empresa automotor, en xaneiro de 1925, decidiu visitar aos seus pais. Despois dunhas vacacións no seu pobo, tomou a decisión de emigrar á Arxentina, onde se encontraban os seus irmáns. Ao pouco de chegar consiguiu traballo na General Motors Arxentina. A vida tranquila non lle durou demasiado tempo, os seus compañeiros ofrecéronlle que fose o seu representante, integrando unha comisión de 5 delegados. A nova comisión pasou a se integrar á Federación Obreira Rexional Arxentina (FORA). Enterados na empresa, da formación do sindicato, Montero e os seus compañeiros son despedidos. A comisión de delegados convocou unha asemblea xeral e a mesma declarou unha folga xeral, dentro da planta automotriz. A negativa empresarial para readmitir aos delegados provocou que o conflicto se poña en límites insospeitables. A policía detivo a centos de traballadores, moitos dos cales foron torturados con picanas eléctricas.

 Manifestación
A folga da General Motors, pasou a ser unha das loitas obreiras máis importantes da súa época, logrando concentrar a simpatía e a solidariedade da maioría do pobo arxentino.
 
O conflicto durou case dez meses, durante os cales en varias oportunidades Montero foi detido. A folga da General Motors, pasou a ser unha das loitas obreiras máis importantes da súa época, logrando concentrar a simpatía e a solidariedade da maioría do pobo arxentino. A folga rematou coa chegada de novos directivos e a readmisión dos despedidos. A loita fora todo un éxito, mais seguir dentro da fabrica resultáballe un calvario. Cos meses adebedados tomou a decisión de deixar a empresa e mercarse un taxi. Esta nova actividade resultou un fracaso, debido á gran cantidade de taxis e o elevado custe do servicio. Por outra banda, o taxi de Montero era un automóbil vello, que dificilmente podía competir cos outros máis modernos. Fronte a esta situación moi común e xunto a outros propietarios de taxis, resolven convocar unha reunión, co auspicio do Sindicato da Unión de Chóferes de Bos Aires, onde deciden poñer en práctica unha nova modalidade de transporte público que significaba alongar os taxis para dotalos de capacidade para 8 asentos.

Carrozados convenientemente, colocouselles un cartel na parte superior dianteira, onde figuraba un número de identificación e as zonas ou barrios que percorría no seu itinerario preestablecido. Saiu así a circulación, a primera línea de colectivos, que levaba o número 1, que tiña o percorrido desde Praza de Maio ata Lacarra e Rivadabia (10 quilómetros aproximadamente). Deste xeito creouse o famoso Colectivo arxentino, das mans dos galegos, xa que a meirande parte dos chóferes eran desta orixe. Montero foi un dos primeiros peóns que saiu traballar cos Colectivos. Tempo despois logrou mercarse un vehículo propio de marca "Studebaker", fundando unha empresa que levaba o número 86, que facía o percorrido Praza de Maio ata Villa Devoto. Despois desta etapa de colectivero, pasou á de comerciante por conta propia. Ata que o 26 de abril de 1930, cando tiña 32 anos, casou con Elena Fernández, filla de galegos. A Arxentina por aqueles anos viviu unha situación de crise, pola cal a actividade que realizaba Montero de venda, casa a casa, non lle daba para manter un fogar. O casamento levouno a buscar unha actividade máis segura. Foi así como conseguiu traballar nunha empresa de colectivos como Control da Liña Nº 1. O seu traballo era sinxelo, tiña que controlar o funcionamento regular das saídas e chegadas dos colectivos. A Liña Nº 1 tiña naquel entón 70 unidades e a regularidade de saída era de tres minutos entre cada coche.

 Clic para aumentar
Montero foi un dos primeiros peóns que saiu traballar cos Colectivos. Tempo despois logrou mercarse un vehículo propio de marca "Studebaker", fundando unha empresa que levaba o número 86, que facía o percorrido Praza de Maio ata Villa Devoto.
 
Como non podía ser doutra maneira, Montero impulsou a realización dunha asemblea e quedou constituido o Sindicato de Controladores e Inspectores, adheridos á FORA. Ao se constituir a primeira comisión foi electo tesoureiro.

O 6 de setembro de 1930, o Xeneral Uriburu asaltou o goberno e declarou fóra da lei a todos os sindicatos de traballadores, simultaneamente, expidiuse un Bando Militar no que se sentenciaba que "todo cidadán descuberto en infracción ás disposicións adoptadas, sería pasado polas armas".

Coa dictadura militar, algúns socios das liñas de colectivos, que se fixeran por conveniencia, comezaron a desertar. Fronte a esta situación, os activistas máis exaltados, comezaron a queimar os colectivos dos traidores.

Unha desas noites, comezou a dramática historia de Montero. Así nola conta o propio protagonista: "Unha das tantas noites de violencia quixo o destino verme para a miña desgracia envolto nos acontecementos.

En unión de catro compañeiros atopábame repartindo un manifesto ao que titularamos "El Verbo Prohibido", cando nos atopamos de súpeto cerca do lugar onde estaba incendiado o coche dun desertor, obra da cal eramos totalmente alleos.

Ao tentar alonxarnos do lugar, deu a casualidade que andivera por alí unha patrulla policial, a que pretendió deter o noso coche. Dadas as circunstancias, fuximos velozmente, desoindo a orde impartida.

O coche policial emprendeu a nosa pescuda, disparando as súas armas para obligarnos a detener. Isto provocou o nerviosismo do noso conductor, que ao dobrar unha rúa sobre a man esquerda, calculou mal a viraxe, chocando co cordón da beirarúa e provocando a rotura da punta do eixo dianteiro.

Detido o noso vehículo, fixo o propio e a prudencial distancia a forza policial co seu, xa que na breve carreira deberon soportar o fogo co cal respondimos ao seu ataque...".

Despois dun nutrido tiroteo e diante da escasez de balas, Montero tapou a fuxida dos seus compañeiros, para logo aproveitar a noite, e eludir á policía. A proximidade dunha comisaría, impidiulle escapar da zona, sendo detido pola policía. Ao chegar á comisaría, logo de recibir algúns golpes, puido comprobar que dous dos seus compañeiros non puideron escapar do balado policial. Alí, volvéronse a xuntar cos seus paisanos Florindo Gayoso e José Ares. Esa noite foi terrible para os tres galegos. Os policías facían comentarios en voz alta: "Hai que dar un exemplo rápido, é necesario fusilalos de inmediato...". Ao outro día foron trasladados ao Cuartel de Granadeiros a Cabalo "Xeneral San Martín". Comezado o rápido xuizo aos tres galegos e despois da intervención do fiscal, que pediu a Pena de Morte, o Presidente do Tribunal, poñéndose en pé, anunciou a terrible sentencia: PENA DE MORTE!

 Clic para aumentar
Ao chegar a Nova York, José María Montero eludiu aos gardas de alfándegas, facéndose pasar por tripulante. Trasladouse a unha fonda ubicada en Roosevelt Street, fronte á ponte de Brooklin, que cruza o río Hudson. Os donos eran naturais dunha aldea galega, chamada Espírito Santo. (Foto: Esperando as revisións médicas e policiais en Ellis Island, Nova York).
 
Tras uns segundos de reflexión, Montero pediu a palabra e dixo: "Señores do Consello, Vostedes condenáronnos á última pena, a sabendas de que non hai dereito a matar por unha cousa tan insignificante e ao aceptar Vds. esta sentencia, convértense automaticamente nuns criminais ao condenar a tres homes polo só feito de non comungar cos seus ideais nin coa dictadura que Vds. representan. Por canto nin matamos nin roubamos, só podemos probar que somos honestos traballadores, propietarios dos nosos coches, e ese traballo honrado defendemos. Por estas razóns, a conciencia de Vds. quedará manchada para o resto das súas vidas..." O presidente non se fixo esperar retirándolle a palabra e sacándoos da sala. Mentres este xuizo se realizaba en forma secreta, ninguén sabía do paradeiro de Montero, Gayoso e Ares. Cando foron trasladados do tribunal, Montero comezou berrar pola xaneliña do vehículo. "¡Somos os tres condenados a morte que nos levan para ser fusilados! ¡Somos Gayoso, Ares e Montero! Viva a Unión de Chóferes! ¡Viva a FORA! ¡ Abaixo os tiranos!. Desta xeito a FORA e os medios de comunicación enteráronse do que pasara. Ao chegar ao cárcere, foron aloxados nas "Cámaras da morte", de onde deberían sair, para enfrontarse co pelotón de fusilamento. O 9 de decembro, un carcereiro achegóuselles aos tres galegos, que estaban en celas separadas e trouxelles follas de papel, para despedirse dos seus familiares por carta. Montero acepta e Comeza a escribir: "Eu quedo un pouco triste, es dicir moi triste, por canto esta carta será a ultima que recibirás das miñas mans, pois dentro de horas seré fusilad... Eu só che podo dicir para a túa tranquilidade que no matei non roubei e só me matan polos meus ideais. Saúdos para as miñas irmás e demais familiares nosos". Mentras Montero escribe a súa nai, Gayoso a berros pedía "Eu quero ver a miña esposa e os meus fillos".

Despois de tantos reclamos, concedéronnos poder ser visitados, pola familia. A muller de Montero non se anima a ilo ver. Quizais o máis dramático foi a visita da muller de Gayoso, unha valente arxentina, que con tres fillos, abrazouse ao seu marido chorando todos desconsoladamente. Gayoso sen forzas para falar puido dicir "¡Pobres fillos meus!... Vanme matar... Eu que fun tan bo e solidario..., vanme matar...".

Esa noite nadie podía durmir, pola mañá seríaa seguramente o fusilamento. Mais ao anoitecer, o Doutor Alberto Viñas, Director do cárcere, comunicoulles que foran indultados. A presión dos sindicatos e a colectividade galega, como así tamén a grande manifestación estudiantil, fixo posible que o Xeneral Uriburu non consumara os tres asasinatos.

 Clic para aumentar
Despois do indulto, os tres anarquistas galegos (Gayoso, Ares e Montero) foron recluidos no cárcere de Tierra del Fuego, zona que limita co polo sur. Durante tres anos, estiveron nun dos cárceres de peores condicións do mundo. Ao decretarlles a liberdade foron recibidos como heroes.
 
Despois do indulto, os tres anarquistas galegos foron recluidos no cárcere de Tierra del Fuego, zona que limita co polo sur. Durante tres anos, estiveron nun dos cárceres de peores condicións do mundo. Ao decretarlles a liberdade foron recibidos como heroes. Máis de 10.000 personas achegáronse para recibilos na estación de trens de Constitución. A súa nova etapa en liberdade, foi moi difícil, polo férreo control da policía. En abril de 1935, un destacamento da policía política, denominada "Orde Social", expulsouno da Arxentina, meténdoo nun barco rumbo ao seu país.

Na Coruña estaba coa súa nai e contactou cos seus compañeiros da CNT quen lle deron toda a axuda necesaria para regresar á Arxentina como polisón. Así foi que os seus compañeiros da CNT embarcanno nunha nave da Mala Real Inglesa, baixo unha nova identidade. Ao chegar a Bos Aires, seguiu coa documentación de Ramón Galán Lafuente e como non podía de ser de outro xeito, entrou traballar como chófer de colectivos. Ao pouco tempo de chegar, a policía volveu estar detrás de Montero.

Cansado desta situación, no mes de febreiro de 1937, decidiu xunto a outros compañeiros voltar ao estado español, para combater ao lado das forzas da República. Enterados de que na cidade de Rosario, estaba cargando o barco da República "Serantes", achegáronse ata esta cidade e foron directamente falar co capitán. A súa sorpresa foi grande, cando o responsable do barco lle denega a posibilidade de poder ir combater. Sen moita demora, logrou contactar cos delegados da CNT e a UGT do barco e en forma conxunta, elaboran un plano para entrar sen ser vistos. Ao día seguinte, en plena navegación, Montero amotinou aos mariñeiros contra o capitán, de dubidosa adhesión republicana. Con este barco trasladouse ata o norte de África, onde colleu un barco francés ata Marsella, para pasar logo a Barcelona. Ao llegar a esta cidade, enterouse que o capitán do barco anterior, se pasara ao bando falanxista. A súa primeira actividade ao chegar, foi a de traballar cun Conselleiro do Gobierno da Generalitat de Cataluña. Esta actividade burocrática non era para o temperamento de Montero, el quería ir ao frente de batalla. Un encontro fortuito co seu compañeiro de sindicalismo na Arxentina e nese momento deputado galeguista, Ramón Suárez Picallo, facilitoulle os contactos para realizar un curso de oficial, sendo destinado posteriormente como tenente, no Corpo do Exército Nº 10, que estaba ao mando do Comandante Francisco Galán. Logo de combater ata rematar a guerra, pasou pola alfándega, onde permaneceu nun campo de refuxiados. Montero tentou fuxir en varias oportunidades, ata que logrou ir a París. Alí os sindicatos conseguironlle un billete para viaxar a México, onde gozou da axuda inestimable do Presidente Lázaro Cárdenas, quen tanto fixo polos exiliados da República. Neste país, puxo en sociedade, unha pequena empresa de chacinados. Os últimos años pasounos en Galiza, participando na fundación del PSOE da súa bisbarra. E logrou despois dunha longa loita, a construcción dunha estrada de máis de 1500 metros, nunha zona anegada do seu pobo.

José María Montero faleceu en Peirallo, o 13 de xullo de 1981, despois de loitar incansablemente ata a súa morte, polos dereitos dos máis desprotexidos.


Lois Pérez Leira,
coordenador nacional do Departamento de Migración da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/07/2004
cig.informatica