Actualidade / Biografía Lorenzo Varela: un poeta da xeneración do 36 Lois Pérez Leira- Se cadra este Dia das Letras Galegas do ano 2004 poderemos levarlle unha cesta chea de mazás ao cemiterio, tal como fora o seu desexo. Tamén poderemos levarlle unha cesta simbólica de agradecemento pola súa obra galega e universal, chea de agarimo cara a Galiza e Arxentina. Chea da decencia que só teñen os bos e xenerosos que coma él teñen o valor de morrer na rúa de vergoña. Lourenzo Varela, o home que na súa grandeza viviu na miséria material do descoñecemento xeral. Arroupado por bos e xenerosos no seu exilio madrileño de 1976, como Isaac Díaz Pardo ou Celso Emilio Ferreiro, decidiu morrer cando camiñaba pola rúa pois non soportaba tanta vergoña, tantos favores. Deixou no piso que lle prestara Díaz Pardo para viver en Madrid, como únicas pertenzas, cinco libros e dúas mudas de roupa. Xesús Lorenzo Varela Vázquez, naceu o 10 de agosto de 1916 no barco La Navarre que estaba entrando na bahía de La Habana. Os seus pais eran emigrantes galegos orixinarios de Monterroso, na provincia de Lugo. En 1920, a familia Varela Vázquez trasládase a Arxentina, a crise económica pola que atravesa a illa agravada por un clima moi caluroso deciden ós pais de Lorenzo a tomar o camiño de Bos Aires. Na capital arxentina, no barrio de Nueva Pompeya vai a pasar a súa infancia onde cursa a escola primaria. A finais de 1920, retorna a Galicia. Chega cun acento porteño que fará que os seus amigos o chamen "O Arxentino". En 1931 comenzou a bacharelato no Instituto de Segunda Ensinanza. Coa proclamación da República comenza a despertar as súas inquedanzas políticas. Nun acto que realiza o Partido Galeguista o 22 de marzo de 1932 no Teatro Principal de Lugo, coa participación de Castelao, Paz Andrade e Suárez Picallo, o xove Lorenzo achégase por primeira vez ó ideario nacionalista. Poucos meses despois, o 11 de xaneiro de 1933, fúndanse as Mocedades Galeguistas de Lugo coa presencia de Servando Gómez Aller e o diputado pola emigración Ramón Suárez Picallo. Entre os presentes atopábanse entre outros Ramón Piñeiro e Lorenzo Varela. Os xoves galeguistas guiados políticamente por Castelao e Suárez Picallo ían máis alá que os seus maiores declarándose arredistas. Entre algúns dos máis destacados compañeiros de militancia xuvenil de Lorenzo, estaban Fernández del Riego, Xosé Velo, Celso Emilio Ferreiro, Carbalho Calero e Ramón de Valenzuela. A Lorenzo gostábanlle as ideas do galeguismo pero cría que no social había que ir máis lonxe, as súas posicións cada vez máis radicais o van achegando ó troskismo que por aqueles anos estaba representado polo Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM). Na súa etapa xuvenil profundiza a súa amizade con Ánxel Fole quen editaba en Lugo, Yunque, unha revista de forte contido esquerdista.
En 1936 constitúese en Madrid a "Alianza de Intelectuales Antifascistas para la Defensa de la Cultura", na cal participará Lorenzo Varela, Rafael Dieste, José Bergamín, Rafael Alberti, Antonio Machado, Federico García Lorca, etc. Lorenzo será un dos máis activos militantes da Alianza, incluso foi un dos redactores do manifesto fundacional. O estalido da guerra civil atópao en Madrid adicado de cheo á tarefa periodística. A súa primeira reacción foi enrolarse como voluntario ó frente da batalla. O "miliciano poeta" pasou a ser comisario político e comandou unha brigada da 11º división baixo o mando do seu compatriota Enrique Líster. Lorenzo Varela como se lle coñeceu naqueles anos, afíliase ó Partido Comunista convertíndose nun cadro destacado deste partido, que durante a guerra soportou o peso máis importante da contenda. Namentras combatía na frente tiña tempo para escribir ou dirixir distintos periódicos destinados ós combatentes, entre eles El Mono Azul e Hora de España. Xunto a outros poetas como Alberti, Miguel Hernández, Otalaguirre visitaba ás frentes de batalla, alentando o espíritu revolucionario dos milicianos. En xullo de 1937, participa no Segundo Congreso Internacional de Intelectuais Antifascistas que se realiza en Valencia. Os escritores de todo o mundo chegaban á España Republicana para transmitirlle a súa solidariedade cos seus combatentes. Algúns dos nomes dos escritores presentes convertiron este Congreso no máis importante da historia contemporánea, os seus nomes eran: Pablo Neruda, Nicolás Guillén, Ernest Hemingway, César Vallejo, Raúl González Tuñón, Octavio Paz, André Malraux, Lois Aragón, etc.
Coa pérdida da Guerra Civil, Varela pasa os Pirineos onde permanece no campo de concentración de Saint Cyprien, Francia, a partir do 10 de febreiro de 1939. O 23 de maio de 1939 conquire embarcarse no vapor francés Sinaia rumbo ó exilio de México. O 13 de xuño chega ó porto de Veracruz onde vinte mil persoas agardaban ós 1.599 exiliados que levaba o barco. Alí agardábano os seus amigos León Felipe, José Bergamín, Miguel Prieto entre outros, ó pouco tempo profundizará a súa amizade con Octavio Paz. Neste país retoma o seu traballo literario como codirector das prestixiosas revistas "Romance" e "Taller". Despois dalgúns anos en México, a finais de 1941, decide ir a Bos Aires onde vive o seu pai José Ramón Varela García. No porto de Bos Aires estábano agardando os seus amigos Luis Seoane, Arturo Cuadrado, Carmen Muñoz e Rafael Dieste. Despois sumaranse outros amigos, Blanco Amor, Rafael Alberti, Federico Ribas, Xosé Suárez, Colmeiro, Antonio Baltar, Otero Espasandín, Núñez Búa, Gumersindo Sánchez Guisande, cos que frecuentará a tertulia do mítico Café Tortoni da avenida de Maio ou se xuntarán no restaurante de Elpidio Villaverde La Casa de la Troya, onde tamén de vez en cando se acercaba o propio Castelao. Na capital arxentina escribe a súa obra máis importante Torres de Amor, Catro Poemas Galegos e Lonxe. Nesta cidade funda De Mar a mar e Correo Literario. Colaborou nos periódicos máis importantes deste país, Clarín, El Mundo, La Nación e das revistas El Hogar, Del Arte, Sur, Primera Plana, Cabalgata, etc. Tamén realizou periodismo radiofónico xunto ó destacado fotógrafo Horacio Cóppola no programa Hora Once. Foi un excelente crítico de arte e ó memo tempo adicouse a realizar traduccións do portugués ó castelán, unha das obras máis coñecidas das súas traduccións foi Doña Flor y sus dos maridos do escritor brasileiro Jorge Amado. En 1956 despois de moito camiñar polo mundo sentimental cásase con Marika Gerstein, profesora de idiomas, muller culta de ascendencia xudía. Desde a súa chegada a Bos Aires, ó porteño barrio de Nueva Pompeya, Lorenzo Varela incorpórase á militancia política. Coa división do Partido Comunista de España en distintos sectores enfrentados, Lorenzo Varela toma a decisión de distanciarse destas rencillas e incorpórase a militar dentro do Partido Comunista Arxentino colaborando na Frente Cultural. Alí comparte a súa militancia con destacados intelectuais e artistas arxentinos: Bruzzone, Raúl Larra, Horacio Guaraní, Mercedes Sosa, Armando Tejada Gómez, Raúl González Tuñón, Alfredo Varela, Alvaro Yunque, Héctor Agosti, Héctor Negro, etc. Nunha reportaxe que lle realizou Luis Seoane para a revista Galicia Emigrante dirá da emigración galega en Bos Aires: "Galicia a través dos seus emigrantes aportou á Arxentina duas cousas fundamentais: na época criolla, o sentimento do misterio, da lenda: a luz mala o libicán. Na etapa porteña, o "picnic", sí, o picnic, o descubrimento da natureza unido a sociabilidade, esa sociabilidade que é a orixe dunha característica galega, xa suficentemente apreciada na Arxentina: o mutualismo. O galego únese profundamente ó clima humano e xeográfico en que vive, sen renunciar a súa lonxana e mítica Galicia. E ama a Córdona como se fora Ourense, ou a Mar de Plata como se fora a Costa da Morte. Ensina ós seus fillos a ser arxentinos, a respetar á natureza xeográfica e a tradición histórica que pesan sobre esta patria, a venerar a sangue dos seus pais e a unir esta veneración á que inspira a terra en que se nace. Non pode decirse doutro modo até que punto o galego xoga limpo e é leal, aínda a costa de que esta lealdade faga que os seus fillos síntanse distantes das raíces ás que lles debe o ser". Os xoves poetas dos talleres literarios da Generación del Cordobazo sentían unha grannde admiración por este poeta da Generación del 36. Era frecuente atopalo nos cafés pretos da Sociedad Argentina de Escritores (SADE) ou nos bares da rúa Corrientes falando da literatura e dos sonos revolucionarios. O seu compromiso militante levouno a vivir momentos moi duros a partir do governo de Isabel Perón e a actuación das "Tres A". Esta organización paramilitar ultradereitista escomenzou a asesiñar a toda persoa sospeitosa de ideas de esquerda ameazando coa morte a unha serie de intelectuais. Logo co golpe de estado de Videla, o 24 de marzo de 1976, e a represión masiva que lle costou a vida a numerosos escritores, Loreno Varela tivo que acelerar o seu retorno definitivo a España. Os seus amigos recomendáronlle que debía sair de Arxentina o antes posible, a súa vida corría graves riscos. Según conta o seu amigo Arturo Cuadrado, "Lorenzo tivo que seguir o camiño do seu segundo exilio, saíndo pola fronteira de Brasil onde permaneceu unha tempada até poder trasladarse a España". Nestas condicións pouco planificadas chega a Madrid en maio de 1976. Por aqueles anos comenzábase a vivir a transición española, facía pouco tempo que morrera o dictador, pero o partido comunista aínda non fora legalizado. A súa única posibilidade de atopar algún traballo era en Madrid. Durante a súa última etapa contará con moi poucas axudas, as novas xeneracións non tiñan nengunha referencia, era un auténtico descoñecido na súa propia terra. Desde un principio contou coa axuda do seu amigo Díaz Pardo e de antigos camaradas como Ramón de Valenzuela ou María Victoria Villaverde. Diariamente refuxiábase na Galería Sargadelos de Madrid, para traballar nas súas traduccións. Alí xunto a Inés Canosa retornada da Arxentina como él lembraba a de Bos Aires que tanto amara. O seu grupo de amigos era moi pequeno Lueiro Rey no Grove, Paco Lores ou Cuadrado cando pasaban por Madrid e se atopaban con Laxeiro, Lala, Marcial Suárez ou Celso Emilio Ferreiro no café Gijón. A soedade a peor das compañeiras dun home que viviu os seus últimos anos sen a comprensión necesaria, foino levando a unha morte prematura. Algúns dos seus amigos chegaron a simbolizar que foi unha morte buscada. A madrugada do 25 de novembro de 1978 desvanécese na rúa e falece na ambulancia que o trasladaba á clínica. O seu corpo foi soterrado posteriormente no cementerio familiar de Monterroso (Lugo) esperando que algún día os seus amigos depositen no seu nicho, unha cesta de mazáns como fora o seu pedido en vida.
| |||||||||||||||
ÚLTIMA REVISIÓN: 01/07/2004 |