Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 28 de agosto de 2004

Sandino da man de Roberto Blanco Torres
 

Xurxo Martínez Crespo-

xurxomartinez@cantv.net


 Roberto Blanco Torres
Roberto Blanco Torres.
 
A editorial Nós, de A Coruña, editaba o 30 de decembro de 1930 unha escolma de artigos xornalisticos de Roberto Blanco Torres co título de “De esto y de lo otro”, volume I. No seu limiar Blanco Torres excusábase da falla de profundidade dos artígos, precisamente por iso, por ser artigos xornalísticos froitos da inmediatez e da presa. Engadía máis adiante, no derradeiro párrafo do limiar, unha nota de plena actualidade:

“Afastado hoxe do xornalismo militante, dende que a falla de liberdade cercenou os seus atributos fundamentais e considerándoo sometido a vicisitudes de dependencia e subordinación incompatíbeis coa súa natureza ideal e a súa misión de vehículo de cultura, evoco, á vez con melancolía e orgullo, as miñas xornadas de alerta e agonía ao pé dese baluarte onde o fervor e a ilusión centuplicaron o brío dos meus mellares días”.

Roberto Blanco Torres fora emigrante en Cuba, republicano, gobernador civil de Palencia durante a República. Durante a presidencia de Manuel Azaña e a jefatura do Goberno do coruñés Santiago Casares Quiroga, maio de 1936, Blanco Torres é nomeado xefe de Prensa do Ministerio da Gobernación. Trasládase a Madrid, traballa arreo no Comité Central de Autonomía de Galicia a prol do Estatuto que é plebiscitado por abrumadora maioría dos galegos o 28 de xuño de 1936.

É detido a finais de xullo, mentres pasaba uns días de descanso na Galiza, e trasladado á prisión provincial de Ourense onde permanece todo o mes de agosto e setembro. O día 2 de outubro de 1936 ás catro da mañán dúas balas tronzaron a vida de Roberto Blanco Torres.

En outubro, ás catro da madrugada do día 2, é asasinado por un grupo de falanxistas e o seu corpo aparece "xunto aos doutros dous infelices'', segundo reza no seu parte de defunción, en terras da parroquia de Galez, concello do Entrimo. Por orde xudicial, foi soterrado nunha foxa común da igrexa parroquial de Galez. Tiña só 45 anos.



 Clic para aumentar
Augusto César Sandino.
 
A figura do xeneral Sandino

Roberto Blanco Torres


Non hai en todo o mundo, hoxe, unha persoalidade tan vivamente atrainte como a do xeneral nicaraguano Augusto César Sandino, xefe, dos revolucionarios que naquela nación defenden o seu dereito á liberdade fronte á invasión extranxeira. O xenio que instigou as xestas libertadoras de Bolíva, xenio inmanente e aínda transcendente que na Historia sinala o fito da dignificacíón do home e dos pobos, reprodúcese, coma un retoño de estirpe inmorrente, nese novo xeneral de Centroamérica que revive a gloria das grandes figuras históricas.

Non pescudaremos agora se este insigne soldado pertence ao tipo revolucionario clásico, saturado de Plutarco, ou ao tipo idealista e romántico que empuña a espada alí onde voces de escravitude claman a súa indefensión e o seu desamparo. Calquera que sexa a súa xenealoxía espiritual, impregnada dunha alta xenerosidade humana, Sandino é hoxe, caudillo por excelencia, o arquetipo de nobre guerreiros, cuxo impulso é a conquista dun ideal superior, a figura simbólica da liberdade dos pobos, e máis concretamente, da liberdade do continente hispanoamericano. A conciencia histórica dos pobos emancipados e a conciencia social está representada sempre na figura dos libertadores, de calquera parte que sexan. Através das empresas dos grandes caudillos que enarbolan á fronte das súas lexións unha enseña liberadora, instaurase o dereito de soberanía común a todos os pobos civilizados e vibra o sentimento de xustiza da humanidade. A actitude moral e o principio jurídico que promoven a acción bélica sustraen á realidade da guerra o seu aspecto bárbaro de odio e de sangue, de loia feroz entre os hombres para darlle un carácter épico de beleza, de sacrificio, de apostolado cabaleiresco.

A tal se asmella hoxe a empresa guerreira do libertador de Nicaragua, empresa exaltada e extraordinariamente heroica pola desproporción instrumental bélica entre os seus defensores e o invasor. O xeneral Sandino é o caudillo dun pobo feble fronte a outro pobo que fai do seu poderío a razón dos seus atropelos e dos seus despollos; é o brazo en alto dunha nación soberana que sinala un límite ás violacións dun imperialismo para o cal non hay escrúpulo moral algún na súa capacidade predatoria. A conciencia de libertad dun pobo está nel, actúa nel coma unha condensación da vontade nacional consciente. No xeneral Sandino se encarna a independencia da súa patria; el é Nicaragua como nacionalidade ceibe, contra a perfidia ambiciosa dos de dentro, que non vacilan en entragala á voracidade imperialista, e contra o abuso da forza e do poder dos de fóra, contra o traidor que detenta a independencia do seu país, en vil contubernio co extranxeiro, e contra o condottierismo rapaz que non atopa límites a súa cobiza de botín.

Todos os homes de sensibilidade aristocráticamente democrática, todos os pobos capaces de emoción heroica volven hoxe a ollada cara esa xesta do heroe nicaraguano e todos sentense por hondísima simpatía, por solidariedade ideal, incorporados a eses exército que está escribindo na historia da liberdade unha páxina gloriosa. Saudemos dende a vella España, exhausta xa de energías románticas – león engaiolado con dous xendarmes custodios- ao preclaro cidadán que en terras de América revive a pegada luminosa de Bolívar, de San Martín e de Martí, e reverdece a gloria de todos os libertadores de pobos.


Xurxo Martínez Crespo.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/08/2004
cig.informatica