|
Actualidade / Artigo Comentarios á vista da apelación
de Lugo Xosé Ferreiro Fernández-
Primeiramente, remitíndonos exclusivamente ao aspecto xurídico, o avogado da CIG, Xermán Vázquez, desmontou toda a sentenza condenatoria rebatendo punto por punto todos os argumentos xurídicos esgrimidos tanto pola xuíza como pola fiscalía. Parágrafo a parágrafo, delito a delito, foi argumentando os motivos polos que esta sentenza era inxusta, chegando a quedar ridiculizada xuridicamente a xuíza que asinou tal sentenza. A sentenza, que naquel momento algúns xuristas interesados en Lugo cualificaron como “impecábel”, neste momento converteuse nunha “chapuza xurídica”, tal e como dende a CIG se mantivo en todo momento. Agora, despois do día de hoxe, quedou claro que baixo ningún concepto poden disfrazar a condena con criterios xurídicos. Se os compañeiros son condenados de novo, será claramente unha sentenza feita “a medida” para condenalos a eles, usándoos como cabeza de turco para atacar á CIG. Tamén é de destacar, seguindo no aspecto xurídico, a evidencia de que o policía municipal do que xurde a meirande parte do problema, o único que o motivaba era o aspecto económico. Levarse cartos ao peto a costa de traballadores era o seu obxectivo e para iso estaba disposto a facer e dicir o que fose necesario. Esta actitude quedou patente cunha claridade meridiana, ata tal punto que pode rozar o delito. Comportamento deste tipo por parte da policía non podemos aturalos e dende a CIG temos que facer un esforzo para combatelos, en todos os campos posíbeis. O outro aspecto destacábel deste xuízo é a compoñente política da sentenza, aspecto que no seu día denunciamos e combatemos dende a CIG. Dende a Fiscalía non se rebateu en ningún momento as argumentacións do noso avogado, máis ben ao contrario, fíxose un recoñecemento implícito da barbaridade que significaban as penas, chegando incluso a dicir que apoiaría unha petición de indulto se os xuíces así o consideraban. Isto ben a demostrar tamén as teses que se mantiña dende a CIG de que as penas eran totalmente deproporcionadas e que naquel momento había unha campaña deseñada dende o poder para amedrentar as organizacións que se lle opoñían, e as leis, tanto na súa lexislación como na súa aplicación, era o instrumento que se estaba a utilizar para acadar este obxectivo. Tamén demostra que tíñamos razón cando diciamos que non toda a Xudicatura estaba colaborando nesta estratexia, facendo incluso un chamamento a aqueles sectores máis progresistas para que impuxesen o sentido común neste asunto. Quedou claro así mesmo que, independentemente da sentenza que redacten os xuíces da Audiencia Provincial de Lugo, as estratexias contestación social e mobilización son as mellores armas que ten a Clase Traballadora para defenderse das agresións que está sufrir. O sometemento e o acatamento da inxustiza so fortalecen e envalentonan ao poder.
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/10/2004 |