|
Actualidade CIG-Comunicación-
Entendemos que a resposta na rúa é imprescindíbel, necesaria, e debe ser conxunta. Pero a CIG non comparte que se restrinxa o Plus de Perigosidade aos Vixiantes con antiguidade do ano 1994. Non se pode mellorar un Convenio só para o 4% do sector, deixando marxinado ao resto.
O sector de Seguridade Privada da Confederación Intersindical Galega quere poñer en coñecimento de todo o sector de Seguridade Galego, diante do acontecido nas duas últimas xuntas do Convenio, a posición da nosa Central Sindical dentro da negociación colectiva no sector. 1º. A CIG considera que o ponto de unión de todas as Centrais Sindicais presentes na Mesa Negociadora é a proposta elaborada e recollida na acta número 6. Dadas as dificuldades da negociación ante a postura intransixente da patronal, as Centrais Sindicais rebaixamos as nosas pretensións de xeito notábel, tal e como se pode comprobar na acta número 10. A CIG asume a acta número 10 só en base á Unidade de Acción Sindical como mellor ferramenta para mobilizar ao sector e mellorar nos nosos direitos, non por convencimento de que sexan as mellores peticións posíbeis. 2º. Ainda así, a Unidade de Acción Sindical nunca pode ser a costa de todo, e por iso a CIG desmarcou-se das outras Centrais ao manter en solitário que o Plus de Perigosidade debe ser sempre para todos e todas. A CIG vai seguir presente na Mesa aportando ideas, e na rua aportando combatividade. Entendemos que a resposta na rua é imprescindíbel, necesária, e debe ser conxunta. Pero a CIG non comparte que se restrinxa o Plus de Perigosidade aos Vixiantes con antiguidade do ano 1994. Non se pode mellorar un Convénio só para o 4% do sector, deixando marxinado ao resto. 3º. Igualmente a CIG non comparte que na última xunta do Convénio en Madrid, e diante da mobilización doutras Centrais do sector non representadas na Mesa, se optara por “escapar” e cambiar o lugar da xunta. As outras Centrais non mantiveron en negún caso unha atitude belixerante cos representantes da Mesa, e entendemos que o que os movía era a defensa do sector, sendo polo tanto absurdo que caiamos na trampa da Patroal de enfrontar-nos entre nós, cando a quen atacaban estes compañeiros era estrictamente á Patroal. 4º. Xa por último, indicar que desde a CIG entendemos como imprescindíbel seguir nas mobilizacións, máxime cando estas demostraron a capacidade de organización do sector. Asimesmo, entendemos que de cara á sinatura do Convénio é obrigado que as Centrais da Mesa Negociadora convoquemos asembleas provinciais para que os traballadores votemos se queremos asinar o Convenio ou non. É unha cuestión democrática e só os e as afectadas poden decidir o seu futuro. Seguimos na loita.
|
||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 17/11/2004 |