|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os delegados e delegadas da CIG, en representación dos traballadores e traballadoras do Banco Pastor, cansos de atropelos, abusos sen medida, presións e quebrantamento sistemático do vixente Convenio Colectivo de Banca, que veñen exercendo altos directivos desta empresa, vémonos na obriga de tomar outros camiños, dado que o diálogo, a negociación e o sentido común quedaron abolidos desde a chegada a esta empresa hai dous anos do actual delegado, Fulgencio García Cuellar. As directrices fixadas por este home e a firmeza coa que actúa, provoca que os directores, interventores, apoderados e administrativos da rede de oficinas, así como o persoal dos distintos departamentos centralizados do Banco, se sintan anulados, vexados e perseguidos día tras día, por seguir ao pé da letra a nova regulación do delegado que, aplicadamente, efectivizan os seus acólitos das distintas divisións e direccións rexionais, colaboradores sen escrúpulos á hora de pisar e transgredir os dereitos dos traballadores e traballadoras, con tal de conseguir os obxectivos marcados. É tal a morea de despropósitos e desproporcionado o estado de ansiedade no que estes directivos viven o día a día que, sentíndose cómodos coa permanente improvisación, se fan adictos á adrenalina que esta situación xera. Este estado de nerviosismo, inseguridade, intranquilidade, incertidume e anguria transmítese de xeito descendente na escala piramidal, de tal maneira que chega a todos e cada un dos traballadores e traballadoras desta empresa, acadando na actualidade altas cotas de baixas por estress, ansiedade, depresións e infartos. Os delegados e delegadas da CIG no Banco Pastor entendemos que é o momento de que mude esta situación. Situación contra a que imos loitar con todas as nosas forzas, poñendo para iso os medios precisos para recuperar os nosos dereitos e o que é máis importante como traballadores e traballadoras que somos: a nosa DIGNIDADE. Os nosos dereitos e obrigas como traballadores e traballadoras están perfectamente recollidos no XIX Convenio da Banca Privada (non afirmamos que sexa bo, pero é o que temos) e mentres non cambie , a empresa, Sr. Fulgencio, tense que rexer por el e non infrinxilo cando a situación non lle é doada para acadar os seus obxectivos.
Na actualidade é tal o caos reinante (xerado polas rexionais) que xa ninguén sabe se lle aplican o artigo 28 ou o 30 do Convenio Colectivo. Calquera motivo é doado con tal de mover ao persoal dunha a outra oficina, ou ás veces de dúas para cubrir "ocos", espindo a un santo para vestir a outro, incumprindo na maioría dos casos a lexislación vixente. O fondo da cuestión é crear un clima de inestabilidade, incertidume e medo para que ninguén se sinta seguro no seu posto de traballo.
Dos tres grupos profisionais recoñecidos en Convenio, os grupos 2º (administrativos) e 3º (servizos xerais) parecen estar claros dabondo. Onde reina a confusión e o caos é no grupo 1º (técnicos). Neste último, ademais das funcións tradicionais de director e interventor, contamos coa figura do apoderado, que sofre mutacións de xeito constante (segundo o momento, a campaña, a oficina, etc). Así, no Banco Pastor contamos coa maior variedade de especies de apoderados do mercado, sendo as máis coñecidas: apoderado con sinatura, apoderado sen sinatura, apoderado con dereito a asistir ás comisións locais, apoderado sen dereito, apoderado de patio, apoderado de empresas, apoderado de particulares, apoderado de riscos, apoderado de mostrador, apoderado de formalización, apoderado de caixa...etc (e por non alongar o relatorio non entramos nas clasificacións nos servizos centralizados). En definitiva, o nomeamento de apoderado leva implícito "compromiso coa empresa" e como contrapartida, a renuncia automática aos teus dereitos como traballador ou traballadora, á túa dignidade como persoa e ao teu entorno social e familiar.
No Banco Pastor faise o "horario Fulgencio", que non é ningún dos dous regulados no Convenio Colectivo, o que implica que as 1.700 horas de traballo máximo anual nos quedan pequenas. O exceso horario ao que somos obrigados é VOLUNTARIO E DE BALDE, pois ao non se remunerar non cotizan á Seguridade Social, nin tampouco se compensan con días de descanso ou libranza de sábados. Mención especial merece o persoal contratado en prácticas nesta empresa, a quen non contentos con pagarlles o 60% do salario durante os seis primeiros meses de contrato (segundo regula a lei) obrígaselles a facer horario de tarde. Todo isto coordénase desde as distintas direccións, que son as encargadas e responsábeis de vixiar, controlar e comprobar que o "horario Fulgencio" se cumpre fielmente. (Nota: no caso de non cumprir o "horario", dáselle ao "infractor" o "aviso" correspondente. En outros sectores laborais a este tipo de empresario chámaselle EXPLOTADOR E NEGREIRO. No Banco Pastor, DIRECTORES REXIONAIS.
Seguindo esta liña de actuación, o obxectivo empresarial é desregular ao máximo as relacións contractuais, de xeito que cada vez é menor o persoal a quen se lle aplica a normativa fixada por Convenio Colectivo e Estatuto de Traballadores, e maior o número de acordos individuais entre empresa e traballador ou traballadora, que saltan a normativa legal.
O control e seguimento das oficinas, por parte das direccións rexionais, foise estreitando tanto nos últimos tempos, que algúns directivos non son capaces de aturar a presión á que son submetidos diariamente. O abuso, a impunidade e a prepotencia coa que actúan e se comportan chegan a extremos insospeitados. As ameazas de retirada de poderes ou despedimento están á orde do día. As instrucións dictatoriais e as conversas fora de tono non teñen parangón. Os traslados ao rural por chegar á idade de 50 anos é case obrigada. O control e o seguimento do "horario de tarde", minucioso. A libranza de sábados, prohibida, etc. A modo de exemplo, véxase o "modus operandi" dos señores Montero e Larrosa. En definitiva, os dereitos, maneiras, formas e educación nesta empresa só están permitidos cos clientes. Aos traballadores e traballadoras "convídasenos" a non pensar e a traballar, simplemente.
Ou a dirección do Banco toma medidas variando a súa política laboral e destituíndo aos responsábeis da actual situación (conselleiro delegado, directores rexionais dictatoriais e acólitos), ou as relacións da empresa pódense crispar ate límites non desexados. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 05/11/2004 |