|
Actualidade CIG-Comunicación-
Os datos recollidos no Boletín Semestral sobre violencia contra a Muller nº1, que edita o Centro Raíña Sofía, amosan un incremento dun 60% dos casos de malos tratos nos últimos cinco anos. No caso do medio rural, a situación é verdadeiramente alarmante: o 40 % das mulleres que morren no Estado español a mans da súa parella ou ex parella viven en concellos con menos de 10.000 habitantes. A denuncia da violencia de xénero por parte das víctimas é sempre moi difícil, pero esta dificultade aumenta aínda máis no medio rural polo peso dunha forte tradición na que o discriminación e sometemento das mulleres foi de sempre algo habitual, porque no medio rural todo o mundo se coñece, pola falta de infraestructuras de apoio, pola falta de oportunidades laborais para as mulleres... En primeiro lugar, os medios de apoio para as mulleres do rural que viven estas difíciles situacións son realmente escasos e os que hai son practicamente descoñecidos para a maioría dos cidadáns e cidadás. Por outra parte, é mesmo frecuente que os facultativos e facultativas da medicina descoñezan os protocolos de actuación ante este tipo de casos, co que moitas veces as mulleres agredidas ven indefensos os seus intereses por mor de expedientes mal realizados. O mesmo acontece coas forzas de seguridade (en Galiza só o 6% das forzas de seguridade teñen recibido formación neste ámbito e, no mellor dos casos, cursos de 12 ou 20 horas) e cos servizos de apoio en xeral, que en ocasións non dispoñen da preparación suficiente para atender situacións desta complexidade. No caso das mulleres labregas, cando traballan nunha explotación agraria da que é titular o cónxuxe, non hai un recoñecemento claro por parte da Administración da súa participación paritaria nos bens da explotación, pertenzas básicas como dereitos de nutrices ou cotas lácteas. Así a situación, sen unha saída económica clara para elas e para os seus fillos e fillas, hai moitas mulleres que están a soportar condicións realmente penosas. As vías que achega a Administración non se adecúan ás necesidades. Por exemplo, ás mulleres que deciden saír das súas casas ofrécenlles unha estadía temporal de 3 ou 6 meses ou outros períodos realmente mínimos, as casas de acollida son insuficientes e hai unha gran desidia pola súa xestión que fai que nalgúns casos ata se lle adxudiquen a empresas de limpeza, como o caso de Santiago. En toda Galiza hai tan só tres pisos tutelados con 25 prazas totais; no ano pasado só conseguiron inserir laboralmente a quince mulleres en toda Galiza; as axudas económicas non son garante ningún para que unha muller soa ou con cargas familiares inicie un proxecto novo de vida. Calquera outra contía que non chegue cando menos ó soldo mínimo interprofesional non deixa de constituír un modo de desentenderse dos problemas das mulleres e formular políticas ineficaces, que só funcionan sobre o papel. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 29/11/2004 |