ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 10 de novembro de 2004

A Secretaría da Muller da CIG analiza a Constitución Europea desde unha perspectiva de xénero
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Cartaz da campaña que está a levar a CIG en contra da Constitución Europea: “Por unha Europa dos pobos, solidaria e con xustiza social, esta Constitución Europea NON!!!”.
 
O xénero afecta transversalmente a todos e cada un dos feitos sociais, polo que, de querermos –no seo da nosa organización- realizar unha análise e avaliación ponderadas do Tratado Constitucional Europeo, é básico ter moi en conta esta visión -a de xénero- como elemento estruturador do todo o conxunto.

É imprescindíbel coñecermos a súa incidencia na vida das mulleres, na súa dupla vertente colectiva: como tales mulleres e como galegas. Desde esta dupla vertente, asístenos unha razón colectiva: a necesidade de existirmos e convivirmos en igualdade, en relación cos homes e cos demais pobos de Europa e do mundo.

• Este Tratado consagra a Europa dos Estados, ignorando os pobos. Non recoñece as nacións sen Estado (por suposto, tampouco o dereito de autodeterminación) e inviabiliza a articulación dunha Europa plurinacional, pluricultural e plurilingüe. As posibilidades dunha Galiza autogobernada fican laminadas.

• Trátase dun híbrido entre Constitución e Tratado que non cumpre uns mínimos democráticos: non houbo previo proceso contituínte, ausencia de mandado popular, non houbo debate social e representatividade na autoría, etc.

• No caso de ser aprobado, as posíbeis reformas do Tratado son practicamente nulas.

• Deseña e consagra unha política económica “de mercado aberta e de libre competencia” polo que calquera alternativa político-económica diferente, e configurada conforme as necesidades da nosa Nación, sería inviábel.


Tratado Constitucional e os dereitos das Mulleres

Sendo os dereitos colectivos un dato incuestionábel da realidade política e xurídica, temos que convir, como punto de partida, que a omisión do dereito de autodeterminación de pobos e nacións, así como a ausencia da transversalidade de xénero, á hora de formular os dereitos e liberdades públicas, oferécenos unha idea clara sobre os intereses aos que responde tal documento. Con efecto, a pertenza a un determinado colectivo ou grupo (sexa nación, sexan “as mulleres") é determinante da idea de xustiza distributiva. A proposta de Tratado Constitucional non obedece a tal idea, senón aos intereses dos colectivos económicos:multinacionais, empresas transnacionais, corporacións e holdings financeiros.

O documento no seu Preámbulo declara a súa inspiración “ na herdanza cultural, RELIXIOSA e humanista de Europa...”. Esta referencia á herdanza relixiosa non agoira nada positivo, en relación co tema que nos ocupa. Non é preciso lembrarmos aquí o relevante papel que desenvolveron –e desenvolven- as relixións e igrexas na subordinación, marxinación e represión das mulleres, así como a súa tradicional e pertinaz resistencia á emancipación feminina.

Esta alusión á relixión aparece en máis partes do documento, como no artigo I-52 cando estabelece que “A Unión respectará e non prexulgará o estatuto recoñecido nos Estados membros, en virtude do Derecho interno, ás igrexas e ás asociacións ou cumunidades relixiosas”. Conclusión, a laicidade como valor non se contempla na UE, senón que as igrexas –nomeadamente a Igrexa Católica– seguirán mantendo os seus privilexios para defenderen e publicitaren os seus coñecidos e reaccionarios posicionamentos ideolóxicos sobre o divorcio, o aborto, os métodos anticonceptivos, a represión sexual das mulleres...

No Preámbulo, baixo a epígrafe de Valores da Unión, faise referencia á “igualdade entre mulleres e homes”, e é evidente que esta é unha simple declaración de igualdade formal.

Os dereitos que o Tratado Constituional recoñece como Dereitos Fundamentais: dignidade, liberdades, igualdade, solidariedade, cidadanía e xustiza, conforman un conxunto de meras formulacións simples e formais.

Rechamante é a reiteración na defensa e protección do matrimonio e da familia. Mais, a que tipo de familia se refire? É importante a pregunta por que aquí si que garante "a protección da familia nos planos xurídico, económico e social.

O concepto de familia semella ignorar unha realidade social como é a existencia doutros modelos familiares dos que participan moitas mulleres.

En contraposición co recoñecemento do matrimonio, non se recolle o dereito ao divorcio, dereito fundamental, especialmente para as mulleres, por supor unha liberación do que representa o matrimonio, cando menos na súa concepción tradicional.

Non se recoñecen os dereitos sexuais e reprodutivos. É curioso que se recolla o dereito á protección da saúde humana en xeral, pero non se recolle a liberdade das mulleres para poderen abortar, de forma segura, legal e dentro da rede sanitaria pública.

En relación co dereito a igualdade entre homes e mulleres, o Tratado limítase, inicialmente, a recoñecer un principio de igualdade formal. Non consagra o dereito á igualdade real e efectiva e, consecuentemente, non se artellan mecanismos que removan as desigualdades de partida, existentes entre homes e mulleres. Nin siquera considera a prohibición da non discriminación por razón de xénero.

Aínda que é verdade que introduce a novidade do principio de transversalidade, pero formulado de forma xenérica, pois non se estende, de forma xeneralizada, á cuestión de xénero, na formulación e exercicio doutros dereitos fundamentais.

En relación coa posíbel introdución de medidas de acción positiva, limítase a declarar que o principio de igualdade NON IMPIDE o mantemento ou a adopción de medidas que supoñan vantaxes concretas a favor do sexo menos representado.

Non se fai referencia ningunha á necesidade de articular medidas conducentes a eliminar –ou cando menos paliar- a violencia de xénero.

O Tratado Constitucional non garante un dereito básico como o dereito o traballo, limitándose a estabelecer que toda persoa ten “dereito a traballar”. As cifras de desemprego e precarización do traballo femininos, no ámbito europeo e, especialmente en Galiza, son clamorosas. Mais o texto nada di respecto do fomento do traballo asalariado das mulleres.

Non contempla medidas facilitadoras do acceso das mulleres ao traballo remunerado, nin sequera formativas. A experiencia demostra que, neste contexto, as mulleres son as máis prexudicadas.

A práctica identificación entre traballo e emprego, permite ocultar todo o traballo non remunerado que realizan, case en exclusiva, as mulleres e que lles permite aos Estados aforrar en gasto público destinado á cobertura dos servizos correspondentes.

Non se fomenta a eliminación da tradicional división de roles entre homes e mulleres, polo contrario téntase a súa consolidación, ao estabelecerse o dereito á protección contra calquera despedimento por causa relacionada coa maternidade, así como un permiso pagado pola mesma causa. Aínda que se propugna o dereito a un permiso parental, por nacemento ou adopción, nada se di respecto do seu pagamento.

Non se recoñecen as prestacións sociais por xubilación.

En relación co acceso aos servizos públicos, estes fican en cuestión, baixo a denominación de “servizos de interese económico xeral”. Límitase ao seu recoñecemento, a través das diferentes lexislacións e prácticas estatais, mais condiciona a súa pervivencia ao disposto no propio Tratado. Isto leva consigo o seu progresivo desmantelamento e privatización, pasando a funcionaren baixo a lóxica totalizadora do mercado. Isto significará, por unha parte, a perda de emprego público (maioritariamente femininizado), así como o reforzamento da tradicional asignación ás mulleres, das tarefas domésticas, o seu retorno ao fogar e unha maior dependencia.

Non existe precepto ningún relativo á representación e participación política e social equilibrada entre homes e mulleres.

A Carta dos dereitos fundamentais da Unión comeza cunha superficial declaración de principios “na definición e execución das políticas e accións contempladas na presente parte, a Unión tentará loitar contra toda discriminación por razón de sexo, raza.... Doado deducir o que se pode esperar.

O único precepto no que se ten en conta a perspectiva de xénero é o que exixe a cada Estado membro “garantir a aplicación do principio de igualdade de retribución entre traballadoras e traballadores polo mesmo traballo ou por un traballo de igual valor”. Diso sabemos moito as mulleres.

Con relación as medidas para implantar o principio de igualdade de trato entre homes e mulleres estabelécese, simplemente, que tal principio “non impedirá a ningún Estado membro manter ou adoptar medidas que oferezan vantaxes concretas destinadas a facilitar ao sexo menos representado”.

Por todo o anteriormente exposto entendemos que o Tratado contribúe ao agravamento da situación da muller destacando os seguinte motivos:

  • Austeridade fiscal que limita o gasto público.

  • Constantes recortes orzamentarios en investimento social: educación, sanidade, servizos sociais de carácter asistencial (coidado da infancia, persoas maiores, discapacitadas...).

  • Privatización dos devanditos servizos. A eliminación ou privatización de recursos públicos, por parte dun sistema económico que ten como único fin a rendibilidade económica, adoita provocar o retorno das mulleres ao fogar para asumiren, en exclusiva e gratuitamente, ese traballo que debería corrrer por conta das Administracións Públicas, ou ben compatibilizalo cun emprego a tempo parcial (precarizado). En ambos os casos, o resultado é o retorno á dependencia e á conseguinte mingua da calidade de vida.

  • Diminución da capacidade de acceder a servizos de saúde reprodutiva.

  • Incremento das prácticas discriminatorias baseadas no papel reprodutivo das mulleres.

  • Aumento dos impostos indirectos sobre o valor dos bens e servizos de consumo. Esta medida afecta, maioritariamente ás mulleres, pois o devandito aumento recae sobre bens de primeira necesidade, non en bens de luxo.

En resumo, percíbese claramente un retroceso ou regresión na situación socio-económica das mulleres. As referencias á tradición relixiosa, xunto coas constantes alusións á protección da familia, do non recoñecemento do divorcio, así como o recorte dos servizos sociais, a consagración do libre mercado, e a renuncia á consecución do pleno emprego, etc, todo isto enmacardo nun deseño periférico para o noso País, non permite albiscarmos un futuro digno e, en pé de igualdade, para as mulleres galegas. Máis ben, ao contrario. Cómpre, pois, crear unha forte oposición ás políticas que se derivarían da aprobación do Tratado Constitucional Europeo.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/11/2004
cig.informatica