|
Actualidade CIG-Comunicación-
A violencia de xénero ten a súa manifestación máis visíbel na mal chamada violencia doméstica. O Poder Xudicial informou de que en Galiza, no ano 2003, houbo un total de 3.507 denuncias recibidas das que 496 foron retiradas e 3.011 foron tramitadas. Nos nove primeiros meses deste ano 2004, denunciáronse en Galiza 1.327 delitos e 939 faltas por malos tratos a mans da parella ou exparella da víctima. As detencións por “violencia doméstica” triplicáronse durante o primeiro semestre. Foron arrestadas entre xaneiro e xullo un total de 369 persoas, cifra tres veces superior á rexistrada no mesmo período do ano anterior. A Secretaría da Muller da CIG considera que diante desta preocupante situación é preciso pór en marcha medidas preventivas e recursos de atención unha vez producido o maltrato. Entre os mecanismos de prevención imprescindíbeis, a Secretaría da Muller demanda campañas institucionais de concienciación sobre este problema. No ámbito educativo materias que introduzan a transversalidade na educación para a igualdade ou prevención de condutas violentas. Medidas para rematar coa imaxe sexista das mulleres que difunden os medios de comunicación. Pero unha vez se ten producido o maltrato, é necesario contar con redes eficaces de información e asesoramento ás mulleres, máis casas de acollida e vivendas tuteladas, programas aficaces de inserción laboral das mulleres maltratadas, programas de asistencia psicolóxica ás víctimas, programas de asistencia xurídica áxiles e axudas económicas para as mulleres maltratadas. A outra cara da violencia que se exerce sobre as mulleres non se pode paliar cunha lei de violencia doméstica. Precisaría dun cambio integral do modelo económico neoliberal no que vivimos. Un modelo no que a precariedade laboral afecta especialmente ás mulleres. As taxas de paro rexistrado de Galiza no ano 2003 constatan que nas mulleres case dobra á masculina. O paro estimado pola EPA en Galiza medrou en 2003 un 3,1%. Este incremento, no caso das mulleres foi do 10,6%(1). Un 71% dos contratos de interinidade realízanse a mulleres. Destes un 11,41% son contratos a mulleres de entre 40 e 44 anos e un 12% a mulleres de máis de 45 anos. Pola contra, cando se trata de contratos indefinidos ordinarios, só se benefician nun 29,27% as mulleres, mentres que nun 70,73% favorecen aos homes. Estas diferencias danse aínda cando dos 13.710 contratos indefinidos fomentados, (é dicir, os que contan con axudas da administración e que van dirixidos a traballadores desempregados con dificultades de inserción no mercado laboral) que representan só o 1,92% do total dos contratos realizados, as mulleres contratadas representaron o 66,32%, mentres que os homes contratáronse nun 33,68% dos casos. Canto ás diferencias salariais, estas seguen sendo relevantes. Tanto é así que as menores de 30 anos cobran un 12% menos que os seus compañeiros no mesmo posto de traballo(2). Unha diferencia salarial que se incrementa até o 21% cando se trata de maiores de 30 anos. Se o que analizamos é a situación das mulleres nos postos de alta dirección, temos o relevante dato da propia administración, que recoñece que as mulleres só ocupan un 1,7% destes. A Secretaría da Muller da CIG considera que a precariedade laboral, os niveis de desemprego, as diferencias salariais, a contratación a tempo parcial e as dificultades de acceso das mulleres aos postos de dirección son relevantes dabondo dunha situación de discriminación por razón de sexo e denotan a violencia social que se exerce en contra das mulleres en todos os ámbitos da súa vida, non só cando se trata de violencia doméstica senón mesmo cando se trata de acceder a un posto de traballo. A falta de servizos sociais aboca ás mulleres
a contratacións a tempo parcial para poder afrontar a única conciliación laboral e familiar
que funciona neste modelo de sociedade: a de mulleres que fan doble xornada, no fogar e no posto de traballo mal
remunerado ao que adoitan acceder. Un modelo que consagra o beneficio por riba do benestar das persoas e que aínda
por riba coloca á muller no posto máis baixo dentro do sistema de explotación cada vez maior
ao que se somete á clase traballadora no seu conxunto. |
|||||||
|
|
|||||||
|
Notas: (1) Informe 2003 sobre a situación sociolaboral da Comunidade Autónoma Galega. Consello Galego de Relacións Laborais. (2) Aspectos salariais dos xóvenes traballadores. Instituto da Xuventude. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/11/2004 |