|
Actualidade / Artigo Deslocalización, Reconversión
Naval e Constitución Europea Clodomiro Montero Martínez-
A derrota do sindicalismo alemán pesa na clase obreira galega. Un dos fenómenos da globalización que máis preocupa no mundo do traballo é o da deslocalización, e como esta é utilizada polas patronais para socavar as condicións laborais dos traballadores/as do primeiro mundo. Existe hoxe unha deslocalización intraeuropea cara os países do leste de Europa, motivada pola falta dunha harmonización fiscal, laboral e pola falta de liberdades sindicais en gran parte dos novos membros da Unión. Esta Constitución non outorga os mesmos dereitos a tódolos cidadáns da Unión Europea, quen manda é o mercado, a desregulación é o único camiño. O dúmping social e fiscal continuará presionando á baixa os salarios dos traballadores/as e os impostos que pagan as empresas. Os neoliberais téñeno claro: “El mercado nos unirá y nos hará libres”. Ó longo das últimas décadas Galiza perdeu milleiros de postos de traballo coa reconversión do sector pesqueiro. Somos un país especialmente dependente da pesca, pero non estamos presentes con voz e voto no deseño da política pesqueira da Unión. A falta de soberanía política, dun Estado galego representado na Unión, permitiu que os nosos sectores productivos (pesca, leite, naval) fosen reconvertidos unha e outra vez ata a súa práctica extinción. A Constitución Europea consagra esta situación; Galiza, os galegos/as non teremos o dereito democrático de elixir libremente o noso futuro, non poderemos estar representados directamente na Unión. Por outra banda a nova reconversión de Izar está relacionada coa deslocalización, coa destrucción do sector público e coa falta de soberanía política de Galiza. Pero tamén con como un grupo de burócratas sentados en Estrasburgo toman decisións sen consultar aos cidadáns. É moito máis doado para os gobernantes evadir responsabilidades ante procesos que xeran malestar social cando as decisión tómanse lonxe das persoas afectadas. A Comisión Europea e os burócratas da Unión implantan políticas económicas e sociais que a cidadanía rexeitaría se tivera a oportunidade. Nos cumios de xefes de Estado tómanse acordos segredos, de xeito opaco, que a Comisión e os burócratas posteriormente aplican. Europa é no mundo sinónimo do progreso económico ligado ao benestar social, de democracia e liberdade, Europa é vista como un espazo laico e progresista. A Constitución Europea senta as bases para unha nova Europa, unha Europa que no económico e no social ten como referente ós Estados Unidos de América. A antítese da Europa que queremos ser.
ÚLTIMA REVISIÓN: 04/11/2004 |