ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 16 de novembro de 2004

50.000 persoas tomaron as rúas de Compostela o 13-N
Nunca Máis mantén prendida a chama da dignidade

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para descargar o vídeo
A Praza da Quintana quedou pequena para acoller á masa humana que, coa súa presencia, quixo deixar constancia de que non esquece a incompetencia demostrada no seu momento polos executivos de Galiza e de España, nin a evidenciada agora, nas partidas orzamentarias presentadas polos mesmos gobernos, aínda que o central cambiara a súa cor. Descarga o vídeo. (Formato do vídeo: Windows Media Video [wmv], duración: 3'55'', espacio en disco: 10.347.180 bytes [9,86 Mb]).
 
Organizacións sociais, políticas e sindicais e moreas de galegos e galegas anónimos acudiron á chamada de Nunca Máis o 13-N, Día da Dignidade, convertindo Compostela, unha vez máis, nun fervideiro de xente. De nada serviu a propaganda, nin os intentos de neutralizar a información desde os gobernos central e galego nin desde os medios de comunicación que lles son afíns.

A Praza da Quintana quedou pequena para acoller á masa humana que, coa súa presencia, quixo deixar constancia de que non esquece a incompetencia demostrada no seu momento polos executivos de Galiza e de España, nin a evidenciada agora, nas partidas orzamentarias presentadas polos mesmos gobernos, aínda que o central cambiara a súa cor.

A CIG fai unha valoración “altamente positiva” da manifestación celebrada o pasado sábado día 13 de novembro en Compostela. “O nivel de participación é moi significativo e denota o alto grao de sensibilidade que a catástrofe do Prestige provocou en amplos sectores da sociedade galega e, sobre todo, a grande credibilidade que ten a Plataforma Nunca Máis”, sinala Suso Seixo, secretario xeral da CIG. “Cómpre esperar que por parte de quen corresponde, maiormente da Administración central, dadas as súas competencias, se escoiten as reclamacións feitas desde Galiza e poñan en marcha medidas de carácter preventivo para evitar que se produzan novas catástrofes como a do Prestige ou que de se produciren, contemos cos medios necesarios para combatilas”, engade.


  Clic para aumentar
A manifestación partiu ás 18 horas da Alameda e despois de percorrer varias rúas da cidade rematou na praza da Quíntana onde interviron o presidente das Confraría de Marisqueo a Pe de Pontevedra, Miguel Anxo Pazos, unha rapaza (Celtia) e Xurxo Souto. Todos fixeron referencia a que os efectos da traxedia seguen presentes, provocando perda de capturas en varias especies, e que non se puxeron en practica medidas para evitar algo semellante no futuro.
Clic para aumentar
Clic para aumentar
Clic para aumentar
A convocatoria da mobilización coincide co segundo aniversario do afundimento do Prestige que, xunto coa inoperancia da Xunta de Galiza e falta de medidas do Goberno central, causou a desfeita dunha gran parte da costa galega e colocou ao borde da morte o sector pesqueiro, transformador sectorial, e turístico do país. (Fotos: ©galizacig.com, 13/11/2004).
 
Seguimos a exixir solucións e xustiza

A manifestación partiu da Alameda de Santiago ás seis da tarde, baixo o lema “Seguimos a exixir solucións e xustiza” e rematou na Praza da Quintana cun cheo absoluto. Centos de persoas non puideron sequer acceder á praza e escoitar os manifestos lidos por Miguel Anxo Pazos, presidente da Confraría de Marisqueo a Pé de Pontevedra, Celtia, unha rapaza de Muxía e Xurxo Souto. Todos coincidiron na demanda de medidas para previr novas catástrofes como esta e para paliar as perdas provocadas polo afundimento do Prestige.

Aínda queda pendente que as administracións central e autonómica consigan que se designe a zona marítima galega como “área especial”; o alongamento da Disposición de Separación do Tráfico Marítimo de Fisterra, con cobertura vía satélite, medios operativos permanentes e unidades de vixilancia marítima (navais e aéreos) e aumento da cantidade e calidade das inspeccións dos buques que atracan nas nosas costas. Un operativo público de salvamento marítimo coa dotación de remolcadores de máis de 150 toneladas de potencia de tiro e a construción de buques anti-contaminación con capacidade de almacenaxe de 3.000 m3 e con base en Galiza.

O descenso das capturas en case un 25% obriga a adoptar medidas compensatorias reais de apoio e recuperación económica aos sectores afectados. É necesario que se desenvolva un Plano de recuperación e repoboación de especies de valor comercial, en proporción o nivel da catástrofe experimentada. Nin nos orzamentos do 2004, nin nos do 2005 aparecen consignadas partidas en capítulos tan significativos como a recuperación ambiental ou a seguridade marítima. Por iso, segue tan vixente como hai dous anos o berro de Nunca Máis.


Manifestos lidos na Praza da Quintana por Miguel Anxo Pazos, Celtia e Xurxo Souto


Boas tardes.

Son mariscador. Mariscador galego. E estou orgulloso do meu traballo, como o están os milleiros de homes e mulleres que na Galiza viven do mar. Mariñeiros, percebeiros, mariscadoras, bateeiros, redeiras, mergulladores. Xentes de ben, traballadoras e traballadores, que aspiran a vivir do seu traballo en paz e con dignidade.

Hoxe é 13 de Novembro de 2004. Cúmprense dous anos do inicio da catástrofe do “Prestige” sobre este litoral galego, un dos máis ricos e produtivos de todo o mundo, e tamén un dos máis agredidos. Hai exactamente dous anos estivemos sós. Foi triste, e ao tempo clarificador, decatármonos de que Galiza padecía unha situación de desamparo e indefensión do litoral que non ten mudado dous anos despois. Agora xa aprendimos para sempre, e somos plenamente conscientes, de que desde Madrid o mar fica moi lonxe. E que este mar galego é noso, e temos que ser nós quen o regule e organice. É o noso dereito porque é a nosa vida.

Temos experiencia dabondo. Pois tiveron que ser daquela, precisamente, mariñeiros e bateeiros quen defendesen o país e sacasen o chapapote do mar, sen máis meios que as súas propias mans. E mariscadoras as que elaborasen barreiras artesanais para protexer as rías. E percebeiros os que retirasen fuel dos coidos. E mergulladores os que o fixeron dos fundos mariños.

Que non nos enganen. Os que defendimos Galiza fomos nós! Nin Xunta, nin Goberno español, nin Unión Europea semellaban existir.

Pasaron xa dous anos, e estase a evidenciar un impacto moi severo sobre o sector pesqueiro e marisqueiro, con importantes perdas produtivas e económicas en todo o litoral. Xa se constata afección sobre o ciclo reprodutivo de moitas especies. O marisqueo a pé nas rías de Vigo, Pontevedra e Arousa enfróntase a unha escaseza de ameixa babosa que non ten precedentes. Mortandade de navalla na Lanzada, de camarón en Aldán, de coquina en Lira, O Pindo e Corcubión, de ameixa en Ribeira, ausencia de mexilla en amplas áreas da Costa da Morte, ou falta de percebe na Mariña, prática desaparición do lumbrigante en todo o litoral, e baixa nas capturas de faneca ou de polbo, son só algúns exemplos que ilustran unha situación que é insostíbel.

A Consellaría de Pesca nega esta realidade de xeito obcecado e suicida. Mesmo camufla e manipula os dados de produción e capturas que logo publican os xornais, sumando peixe e marisco procedente da frota de altura, ou mesmo de importacións, que logo se consumen no mercado galego como se fosen produtos galegos, ainda procedendo de fóra. Segundo o pintoresco criterio de Fraga, a do “Prestige” debe ser a primeira maré negra da historia da humanidade que non provocou efectos a longo prazo sobre o peixe e o marisco. Nin o sector pesqueiro nin a sociedade galega se merecen este engano.

O que si merece Galiza é outro trato ben diferente, máis digno, comezando polos orzamentos que se van aprobar en Madrid. E aquí entramos nós.

Señores do Goberno español e da Xunta. Escoiten atentamente. Tomen nota do que teñen que facer:

  • Van comezar por pedirnos perdón por todo o que nos fixeron e por todo o que sufrimos. Polas súas mentiras e pola súa soberbia.

  • En segundo lugar, van rexenerar, descontaminar e recuperar os fundos mariños, os bancos marisqueiros, e os caladoiros.

  • A continuación, os galegos e galegas queremos exercer o dereito a coñecer a verdade.

  • Despois, van impulsar melloras dirixidas ao sector, na extracción, repoboación, e comercialización. Para combater a emigración, e evitar que haxa mariñeiros que teñan que coller as maletas para dirixírense a Fuerteventura, Lanzarote, Andorra, Madrid ou Cataluña, a traballar como camareiros ou albañís, porque na súa terra non teñen dereito a un posto de traballo digno.

  • Tamén, e con urxencia, van pór en marcha medidas de seguranza marítima. Pasaron dous anos, e ainda non hai un só buque anticontaminación no litoral galego. Queremos iso, e cobertura radar, remolcadores e unidades de intervención rápida. Para que tampouco Nunca Máis teñamos que lamentar perdas irreparábeis de vidas humanas, como a dos dez mariñeiros do pesqueiro “O Bahía”.

Que lles quede ben claro. Que nos escoiten ben na Xunta de Galiza e no Goberno español: Os mariñeiros galegos temos dignidade, e non nos vendemos por catro euros! Queremos defender o noso país, facelo próspero e libre, e manter postos de traballo dignos no mar.

É falso -e nós demostrámolo- ese tópico que nos define aos galegos como resignados. Moi ao contrario: somos un pobo vivo e orgulloso, unha nación que pode e quere decidir libremente o seu destino, e construir o seu futuro sen submisións nin dependencias.

Por iso estou hoxe aquí. Por iso estamos todos nós. Porque son mariscador e quero seguir séndoo. Porque Galiza é un pobo mariñeiro. Non queremos privilexios. Queremos vivir do noso traballo! Por iso, dous anos despois, no Día da Dignidade de Galiza, seguimos a berrar:

NUNCA MÁIS!!



Hai dous anos pasou algo perto de Muxía que ía cambiar moitas cousas.

A partir do 13 de novembro comezamos a escoitar na televisión que un Barco chamado PRESTIGE naufragara fronte ás nosas costas. Na Costa da Morte sabemos ben destas catástrofes, mais esta vez era distinto. A partir dese día a mar mudou a súa cor, pasou do azul a unha cor negra intensa, e o seu cheiro a algas e peixe desapareceu, e só podíamos cheirar gasolina moi forte.

Ollábamos o mar con pena e sorpresa, mentras escoitábamos desde a Xunta e desde Madrid que non era nada grave, que non había risco de maré negra e que estivésemos tranquilos. A Muxía xa chegara o chapapote, incluso ás veces choveu chapapote, como podían dicir iso?

As cousas comezaron a cambiar. Empezou a haber protestas, e moitas ousas pasaron. Algunhas moi boas, como a unión que logramos en toda Galiza, con todas as manifestacións, os traballos que facíamos na escola, os voluntarios que chegaban... Naquel momento moita xente nos apoiaba, e ainda que nalgúns periódicos e televisións seguían a contar mentiras, noutros tiveron que empezar a falar de maré negra, e sairon aquelas imaxes tan tristes de paxaros petroleados, golfiños morrendo na area e peixes e mariscos mortos.Ainda así, a mín parecíame que non sabían que facer co Prestige, ate que o barco, canso de que o paseasen arriba e abaixo decidíu afundirse e descansar así en paz.

Houbo xente do goberno que decía que así rematara todo, pero o chapapote seguía chegando, e aínda hoxe, dous anos despois, temos chapapote nas praias e rochas, e os mariñeiros din que tamén nos fondos mariños, e que por iso hai menos peixe, pero agora hai menos xente limpando, e xa ninguén ven axudar.

Se hoxe estamos de novo todos xuntos en Santiago e porque queremos que na Xunta e en Madrid tomen medidas de verdade para que isto non volte suceder, pero que tamén amañen o problema do PRESTIGE, que aínda non está resolto.

E se seguimos aquí, despois de tampo tempo, merecemos cando menos iso, e non nos conformaremos con menos.

Hai dous anos tamén falei dende o Obradoiro, e uns días despois escribía xunto con Jairo unha carta ao congreso dos deputados na que pedíamos cousas que aínda non nos deron. Eu quero que de novo volten a Muxía os paxaros que se salvaron, e que non teñan medo do chapapote, tamén quero ver golfiños a salvo, eles teñen dereito a vivir nun mar limpo, e nós temos a obriga de que nós defendamos o mar, a súa casa, e por iso a Xunta ten que traballar xa.

No nome dos peixes e mariscos quero pedir hoxe plans que nos protexan de máis naufraxios, por exemplo, e como diría Jairo, que hoxe non pode estar aquí, pedimos barcos anticontaminación, pero sobre todo, pedimos sentidiño, que o goberno non deixe que pasen tan perto das nosas costas barcos tan perigosos, que xa sabemos o que pode volver pasar. Tamén quero pedir no meu nome, e no nome de todos os nenos e nenas fillos de mariñeiros, máis seguridade no mar para os nosos pais. Queremos vida no noso mar porque iso será futuro para nós. Por iso, hoxe aquí, trece de novembro do 2004 berramos todos xuntos: PRESTIGE NUNCA MAIS!



SAÚDE E OCÉANO!

Benvidos galegos e galegas, benvidos xentes de todas as ribeiras. As ondas do Atlántico asolagan a praza da Quintana para celebrar o trunfo da cidadanía, para celebrar con orgullo este DÍA DA DIGNIDADE.

O DÍA DA DIGNIDADE en honra dun país, duns cidadáns que -diante da incompetencia da administración-, decidimos asinar para sempre, coas mans enfouzadas en chapapote, un pacto sagrado coa natureza.
Velaí o noso compromiso -persoal, intransferible, sen intermediarios-: Salvar o mar.
Velaí a nosa sinatura: Nunca Máis!

O 13 de Novembro do ano 2002 escoitamos por primeira vez un nome: Prestige. Outra chamada de auxilio dun barco cargado de perigo. Un elo máis na cadea de indefensión que esgana a nosa costa.

Pero esta vez a prepotencia dos gobernos de Madrid e da Xunta, a xordeira dunha administración que nunca escoitou a voz do Atlántico, transformou a petición de auxilio nunha das maiores catástrofes ecolóxicas que ten sufrido o planeta Terra. Na escenificación verdadeira da morte do mar.

Diante da soberbia do poder, o océano atopou o seu valedor en nós, na xente do común. Na humildade infinita de miles de galegos e galegas que arrincaron coas súas mans chapapote na ribeira, de miles de cidadáns que saíron á rúa para berrar: Nunca Máis!!

Un traballo colectivo que superou a cancela da mentira e mostrou ao mundo a verdadeira dimensión da traxedia.

Á nosa chamada acudiu, dende todas as latitudes, a aperta solidaria dos voluntarios. E Galiza -ese pobo coñecido ata entón polo caciquismo e o minifundio- converteuse, aos ollos do continente, no lugar que mellor representa a dignidade do mar.
Toda Europa aprendeu galego para dicir ecoloxía e berrou tamén Nunca Máis!

Pero este DÍA DA DIGNIDADE, desgraciadamente, ten que ser tamén unha xornada de reivindicación.

Dous anos despois do comezo da catástrofe segue a haber chapapote nas costas. Ninguén da administración nos informa do que acontece non fondos mariños, nin das perdas do sector pesqueiro.

Non hai remolcadores, non chegaron os buques anti-contaminación. Dende a data escura do Prestige, 26 barcos tiveron problemas no litoral galego e seguimos vivindo no mesmo estado de indefensión.

As nosas demandas son como mar, claras, diáfanas, constantes, profundas. A voz administración segue a ser turba, enleada, cargada de promesas, cifras revoltas e orzamentos que non son.

Na Xunta, a ninguén se lle solidificou a cara de vergonza e velaí seguen aferrados á súa poltrona. Chegou outro goberno a Madrid pero, ben axiña, observamos como están a reproducir as mesmas perguizas que antes criticaban.

Temos asinado un pacto co océano e non imos arriar nese compromiso.

No DíA DA DIGNIDADE seguimos a esixir medidas urxentes e elementais de seguranza marítima. Seguimos a reclamar un verdadeiro plano de rexeneración do medio mariño e litoral que garanta o seu futuro. E apoio decidido aos sectores productivos máis directamente golpeados pola maré negra.

Dous anos despois do comezo da traxedia seguimos a demandar investimentos reais para Galiza. Un esforzo excepcional nos presupostos do Estado para tentar superar a crise excepcional á que a propia incompetencia da administración nos levou.

O falar non ten cancelas. Moitos pareceres che hai neste mundo, moitos debates, moita regueifa, moitas perspectivas...

Pero na madrugada, cando acougan os ruídos do home, só un son se mantén na ribeira.

É a grande voz do Océano a nos lembrar que a nosa esencia, que ata os propios alicerces deste mundo están feitos de auga.

É a voz do Océano -na Lanzada, en Candieira, en Ortegal, nas Cies, en Monte Louro, no Orzán- a repetir teimuda sempre o mesmo retrouso: Vida!!!

En cada baga, en cada, tombo, en cada onda: Vida!!!

Sigamos pois o seu mandato, e onde hai ruído, fagamos que trunfe de vez a voz do mar:

Vida para A Mariña... Vida!!!
Vida para o mar de Ortegal a Prior... Vida!!!
Vida para o mar Bezoucos, Trasancos e Ferrol... Vida!!!
Vida para o mar da Marola, vida para As Mariñas... Vida!!!
Vida para a Costa da Morte... Vida!!!
Vida de Fisterra a Monte Louro... Vida!!!
Vida para o mar de Muros, e para o mar de Noia... Vida!!!
Vida para a Barbanza... Vida!!!
Vida para o Mar de Arousa... Vida!!!
Vida para Sálvora e o Salnés... Vida!!!
Vida para o mar de Pontevedra... Vida!!!
Vida para o Morrazo... Vida!!!
Vida para o Mar de Vigo... Vida!!!
Vida dende Baiona á Guarda... Vida!!!
Vida para o mar de Galiza... Vida!!!
Vida para todos os océanos do Mundo... Vida!!!

Nas grandes causas cómpre tomar partido.

Hai dous anos, coas mans enfouzadas en chapapote, este pobo decantouse claramente, e decidiu ser para sempre do PARTIDO DO MAR.

Saúde e océano!

Nunca Máis!

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/11/2004
cig.informatica