ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 9 de novembro de 2004

I Encontro Nacional de Prevencionistas da CIG
O 70% das PEMES galegas non teñen organizada a prevención de riscos laborais

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
O I Encontro Nacional de Prevencionistas da CIG celebrouse os pasados días 5 e 6 de novembro en Santiago de Compostela. Nesta xuntanza, na que participaron os membros do Departamento de Saúde Laboral da CIG e as persoas que entre o 2002 e o 2004 estiveron sendo formadas na materia, tratáronse dous aspectos básicos: auditorías e técnicas de comunicación. (Foto: ©GalizaCIG, 11/2004).
 
As enquisas realizadas polo Gabinete de Saúde Laboral da CIG dentro do programa de “Asesoramento técnico para a mellora das condicións da seguridade dos traballadores/as da pequena empresa de Galiza” conclúen que a situación da prevención nas pequenas empresas galegas é desoladora. O 69,14% non ten organizada a prevención e só un 15,59% dos traballadores son consultados polo empresario en materia de Prevención de Riscos Laborais. O empresario ten a obriga de informar ao traballador sobre os riscos do seu posto, pero o 75,39% dos traballadores non teñen ningunha.

Durante o exercicio 2003 o Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG levou a cabo un programa de “Asesoramento técnico para a mellora das condicións de seguridade dos traballadores/as da pequena empresa de Galiza”. Os resultados dese programa foron o produto de 900 enquisas que se acadaron tras chegar a outros tantos delegados/as de prevención das PEMES galegas. As conclusións que no seu día se sacaron sobre a situación da prevención nas pequenas empresas galegas “foi desolador”, segundo explican os responsábeis deste departamento. No ano 2004 volvéronse avaliar algúns dos parámetros, debuxando un preocupante panorama de desorganización xeralizada en materia preventiva nas empresas galegas.

Os resultados máis relevantes dese estudo recóllense nos seguintes cadros:

Organización da prevención
  SI NON NS/NC
A empresa ten aceptablemente organizada a prevención 23,21% 69,14% 7,65%
Desenvólvense regularmente accións preventivas 37,11% 59,43% 3,47%
Existe compromiso empresarial en materia preventiva 24,21% 69,14% 6,65%

Dase un acusado distanciamento entre o coñecemento da obriga en materia de PRL e a súa aplicación práctica mediante a implantaciónde Sistemas de Xestión Integrados na Organización. A Prevención segue a considerarse polo empresario como un novo imposto. Esta mentalidade dificulta a calidade das accións que se podan desenvolver, e polo tanto, complica a implicación de todos os membros da empresa.

Información, consulta e participación
  SI NON NS/NC
Recibes a información necesaria por parte do empresario 21,91% 75,39% 2,70%
Eres consultado polo empresario en materia de PRL 15,59% 79,25% 5,16%
Permite a empresa e existe a participación activa por parte dos traballadores/as 44,34% 49,22% 6,44%

Se dispón de escasa INFORMACIÓN no relativo á Normativa de Aplicación nos diferentes sectores, e existe escasa vontade política no que respecta ás actuacións das Administracións Públicas Competentes.

Respecto o dereito básico dos traballadores/as de ser consultados, é sistemáticamente violado. Por outra banda, a crecente externalización da xestión preventiva dificulta que os canles de comunicación sexan efectivos.

O feito de que figuras fundamentais como os DELEGADOS/AS de PREVENCIÓN teñan pouca presencia nas organizacións e que os incumprimentos na obriga empresarial de CONSULTA e PARTICIPACIÓN dos traballadores/as sexan xeneralizados, provoca un escaso compromiso, implicación e colaboración de membros fundamentais.

Formación
  SI NON NS/NC
A empresa facilita a formación na materia 31,44% 67,85% 0,71%
Para os que afirman ter recibido formación esta é:
   Xeral 88,11%    
   Específica 11,89%    

Grandes deficiencias no que respecta á FORMACIÓN. Os delegados, e os traballadores en xeral, teñen dificultades e carencias para desenvolver as súas funcións preventivas. Moitos vense obrigados a recurir a entidades fóra da súa empresa para intentar paliar as súas carencias a nivel formativo. Casi nula formación específica.

Vixiláncia da saúde
  SI NON NS/NC
A empresa leva a cabo unha correcta vixiláncia da saúde 19,22% 71,54% 9,24%
Estas revisións son específicas en función das características e riscos asociados aos postos de traballo 13,31% 83,08% 3,61%

A periodicidade das revisións, e en especial a súa idoneidade para detectar patolóxias específicas do posto de traballo están a anos luz de ser as adecuadas.

A CIG centrou a súa actuación na pequena empresa galega porque é o ámbito no que se concentran os problemas máis acuciantes de precariedade laboral, temporalidade e rotación de postos. As últimas sentenzas, que culpabilizan aos traballadores lesionados dos danos que padeceron en accidente de traballo obrigaron ao sindicato a elaborar un programa de actividades de cara a potenciar os recursos sindicais propios “para que se acheguen moito máis ao delegado e delegada de prevención, reforzando a capacidade formativa dos sindicalistas en materia de condicións de traballo e saúde laboral”.

Para iso, a CIG puxo en marcha un programa de formación do que saíron preto de cen técnicos intermedios e máis de 25 superiores (coas tres especialidades) en materia de prevención de riscos laborais. “Vímonos na obriga de suplir os incumprimentos sistemáticos da lei dotando aos nosos delegados dunha formación que en principio non terían que ter, porque á vez que temos que orientar e formar aos nosos delegados de prevención temos que estar forzando á administración, aos empresarios e á inspección de traballo para que a apliquen e a fagan cumprir”, explica Alfonso Tellado, Director do Gabinete Técnico de Saúde Laboral da CIG.


I Encontro de Prevencionistas

Este programa de formación culminou no I Encontro Nacional de Prevencionistas da CIG celebrado, os pasados días 5 e 6 de novembro, en Santiago de Compostela. Nesta xuntanza, na que participaron os membros do Departamento de Saúde Laboral da CIG e as persoas que entre o 2002 e o 2004 estiveron sendo formadas na materia, tratáronse dous aspectos básicos: auditorías e técnicas de comunicación.

“Auditorías, para que podamos exixir realmente nos centros de traballo inspeccións dos técnicos para que estes a súa vez asesoren aos delegados sindicais nos propios centros de traballo e técnicas de comunicación para que sexan quen de transmitir, coa maior eficacia posíbel, esa formación ao resto da estrutura da CIG”, sinala Carme Antas, Secretaria de Saúde Laboral na Executiva Confederal.

Un primeiro obxectivo será axudar á paralización dos traballos que non reúnen as condicións mínimas de seguridade, e tratar de paliar no posíbel esta nova agresión, que “estamos seguros de que non é casual, e que pertence a unha ofensiva política, dada a presión que se exerce sobre o estado español desde a Unión Europea polos incumprimentos reiterados da Lei de Prevención de Riscos Laborais, á vista dos índices de sinistralidade que superan o tolerábel e as medidas que os estados membros pretenden conseguir”, indican desde o Gabinete de Saúde Laboral.

Para Tellado, o máis preocupante é a falta de interese da administración en materia de prevención. “Sen ir máis lonxe, nos orzamentos de 2005 a Consellaría de Sanidade destina 0 euros a facer seguimento das enfermidades profisionais”. O responsábel do departamento de Saúde Laboral considera que se a lei se cumprira “veríamos como a fiscalía tería que estar actuando de oficio nun cento de casos á vez”.

Segundo a lexislación vixente o empresario é o responsábel de vixiar a saúde e é quen debe organizar o traballo. O problema, segundo Tellado, é que ademais, “debe organizalo ben”, algo que non se adoita facer, porque non se ten en conta a repercusión sobre a saúde que teñen moitos postos a longo prazo. As empresas deben ter fichas nas que se indiquen todos os postos de traballo polos que pasou un traballador, “pero na práctica comprobamos que case non hai ningunha empresa que as teña”. Isto provoca que se estean tratando como enfermidades comúns doenzas que en realidade derivan das condicións de traballo durante a vida laboral, cando de existir ese seguimento obrigatorio sería facilmente demostrábel.

O Departamento de Saúde Laboral porá en marcha un plano de traballo para desenvolver en cada comarca e en cada federación. Ademais, xa ten asinado un convenio de formación coa consellaría de Asuntos Sociais para imprtir máis de 40 cursos nesta materia.

A máxima da CIG nesta materia é que a saúde nin se vende nin se delega, ou o que é o mesmo, non se pode permitir que un traballador arrisque a súa saúde ou mesmo a súa vida a cambio dun plus de perigosidade. O que se debe exixir é un cambio das condicións de traballo para que este non supoña un risco para o traballador.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 09/11/2004
cig.informatica