|
Actualidade CIG-Comunicación-
Ás 12:00 horas desta mañá, José Guillermo Rouco, José Luís Trigo Cruzado e José Méndez Torres, os tres traballadores sentenciados pola Audiencia Provincial de Lugo por un delito contra os dereitos dos traballadores, por atentado aos axentes da autoridade e por maltrato sen causar lesión, a máis de 13 anos de cárcere, presentaron na Subdelegación do Goberno de Lugo a petición de indulto. Para apoiar a súa solicitude asistiron ao acto representantes do Secretariado Confederal da CIG, entre os que estaba o secretario xeral, Suso Seixo, representantes do BNG, de IU, do SLG, da FPG, do mundo da cultura e de organizacións sociais como Esculca, Movemento polos Dereitos Civís e Xustiza e Sociedade. Os traballadores fixeron entrega da petición de indulto e das sinaturas e adhesións de centos de particulares e de numerosas organizacións sociais e colectivos, acompañados por Suso Seixo e polo secretario comarcal da CIG de Lugo, Xosé Ferreiro.
Na mesma mañá do venres, presentouse unha solicitude no Xulgado do Penal número 2 de Lugo para paralizar o seu ingreso en prisión até que o Goberno decida sobre o indulto. A petición de indulto baséase na propia sentenza, que recoñece que se trata de penas desproporcionadas e anima aos condenados para que recorran aos mecanismos legais previstos para impedir que se efectivice. “Vulnérase o principio de proporcionalidade contemplado expresamente pola Sala Segunda do Tribunal Supremo e polo propio Tribunal Constitucional, que intenta evitar o automatismo da resposta penal até extremos que resulten exaxerados”, sinala Suso Seixo. A CIG xa advertira, cando o PSOE aprobou a reforma do Código Penal, da posibilidade de que se utilizara este mecanismo para reprimir os movementos sociais, un uso que na práctica se comproba que se lle está dando. |
|||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 13/11/2004 |