|
Actualidade / Entrevista Paula Castro-
Nesta entrevista, Osorio explica os cambios que se teñen producido en Venezuela nos últimos anos e reforza a idea de que o proceso revolucionario e de refundación que vive a República non sería posíbel se non contara co total apoio dos traballadores e do pobo venezolano en xeral. Joaquín Osorio: O Caracazo foi unha verdadeira explosión social. A poboación lanzouse á rúa contra as medidas que dictara Carlos Andrés Pérez, que non eran outra cousa que a aplicación do paquete de medidas neoliberais impostas polo Fondo Monetario Internacional. Supuxo o punto de creba do vello réxime e o inicio do final da institucionalidade. A insurrección popular foi totalmente espontánea e completamente desorganizada e sorprendeu ao goberno, ás forzas armadas, á policía, aos sindicatos, ás organizacións de esquerdas e de dereitas. Houbo centos de vítimas. A cidade de Caracas encheuse de sangue, porque o exército, nun intento desesperado por controlar esa explosión social lanzou á rúa ás forzas armadas. Pero coa súa mala preparación para manexar manifestación provocou un masacre. Hai aínda fosas comúns de venezolanos que foron asasinados polo goberno de Carlos Andrés Pérez. O país dividiuse en dous. Por unha banda un país no que se falaba de democracia representativa e pola outra un país inmensamente pobre cun 80% da poboación en situación de pobreza crítica, con excluídos da seguridade social, de asistencia médica que ademais fora masacrado. Isto deixou un sentimento no pobo que tivo o seu pouso no ano 1992. P. Castro: Efectivamente, o 2 de febreiro de 1992 prodúcese un alzamento militar liderado por Hugo Chávez que fracasa. Non estaba aínda de abondo interiorizada a necesidade dun cambio político no país? J. Osorio: Tras do Caracazo, no interior das forzas armadas, un grupo da oficialidade composto por xoves militares organízase como Movemento Bolivariano 200 e protagoniza un alzamento cívico militar. Nese intre hai unha revolta social en todo o país. Prodúcese o arresto do tenente coronel Hugo Chávez e convócase ás forzas políticas do Congreso Nacional. Rafael Caldera, expresidente da República, como un raposo da política, pronuncia un discurso colocándose á fronte dese movemento social e rexeitando publicamente as políticas que viña aplicando o goberno de Carlos Andrés Pérez. Caldera pasa a gobernar cun programa das mesmas características que o anterior pero engadindo algunhas medidas de tipo social, que non satisfán as expectativas que tiña o pobo. Ao final do mandato deixa en liberdade ao comandante e a partir de aí comeza a xestarse no país todo un movemento político que vai impulsando a candidatura de Hugo Chávez Frías. Convócanse as eleccións e nun intento desesperado por evitar o que era evidente que ocorrería, e que supón unha ruptura co esquema político tradicional, prodúcese unha alianza desesperada que se materializa no reagrupamento das forzas da dereita, que anteriormente estaban divididas: os socialdemócratas, os de Acción Democrática e os democratacristiáns, o COPEI. Eliminan a un dos candidatos, concéntranse nunha soa candidatura e aínda así sofren unha contundente derrota fronte ao comandante Chávez. P. Castro: Comeza aí o que se deu en chamar proceso de refundación do país. J. Osorio: Coa vitoria electoral das forzas populares os grupos económicos, os oligarcas e esa xente dos medios de comunicación artellan un lobby para secuestrar o movemento popular, pero o presidente Chávez non lles dá esa oportunidade. Inmediatamente comeza a pór en práctica as súas promesas electorais, convoca a Asemblea Constituínte e iníciase a elaboración da nova Constitución: a Constitución da república Bolivariana de Venezuela, que non é outra cousa que o proxecto de país que viña propoñendo o movemento bolivariano e que non é máis que a plasmación desa necesidade de refundar o país. P. Castro: Coas forzas da dereita unidas, os primeiros anos de goberno de Chávez son especialmente complicados. Venezuela vive un golpe de estado apoiado polo imperialismo e unha folga petroleira que paraliza ao país. Como se resiste esa presión? J. Osorio: Como dixo alguén, o vello négase a morrer e ao novo cústalle moito xurdir. A pesar desta batalla do vello réxime sostido polo imperialismo, con todas as artimañas ás que están recorrendo, a nova patria que quere xurdir desta crise vai superando as dificultades que aparecen polo camiño. O golpe de estado foi un momento culminante do proceso de revolución no que a dereita, a ultradereita, a patronal e o imperialismo lograron acumular a maior cantidade de forzas. Primeiro impulsaron toda unha serie de mobilizacións a nivel nacional, marchas e contramarchas exixindo a saída do país do Presidente Chávez. Como a rúa non lles deu azos de abondo e o presidente mantivo unha posición de forza, xéstase unha marcha encamiñada á confrontación directa que dá no golpe de estado. P. Castro: O exército tamén xoga un papel importante. J. Osorio: A resposta das forzas armadas foi exemplar. Foi realmente unha alianza dos sectores populares coa oficialidade media e mesmo algunha alta. O factor sorpresa permitiulles aos golpistas ter o control da situación durante as primeiras 25 horas, pero xa desde o momento no que apresan a Chávez comeza a activarse a mobilización en todo o país, nos cuarteis e mesmo dentro da propia Guarda Presidencial, que de contado recupera as instalacións do Palacio de Miraflores, sede do goberno central. Esa é a primeira confirmación de que as forzas armadas cumpriron un papel decisivo. Non podemos esquecer que ás forzas armadas, especialmente ao exército quen acceden son fundamentalmente os fillos dos traballadores, os fillos do pobo, neste momento profundamente influídos polo proceso revolucionario liderado por Hugo Chávez. Este foi o momento de maior crise do goberno e tamén o momento no que a contrarrevolución estivo máis cerca de conseguir o seu obxectivo. Ao tempo tivo a virtude de posibilitar, unha vez superado, dar pasos cara a afondar no propio proceso revolucionario. A este respecto, Chávez lembra a miúdo que ás veces é necesario o látego da contrarrevolución para que a revolución tense as súas forzas e avance. Dese proceso tamén concluíu que, a vista da cantidade de traizóns de persoas involucradas nese golpe, de altísimos personaxes do goberno: ministros, viceministros, xefes de empresa, oficiais das forzas armadas –que seguían reflectindo o vello exército axente do imperialismo e da contrarrevolución- todo o poder debe residir no pobo. Chávez chegou ao convencemento de que só pode haber confianza na forza transformadora e mobilizadora do pobo e dos traballadores. Ben valeu o susto, esas primeiras 10, 12 horas de pánico e de terror que se viviron no país, para que posteriormente puideramos asistir ao proceso de avance que o seguiu. P. Castro: Porén a pesar do fracaso do golpe, coa folga petroleira a dereita demostrou que non estaba disposta a abandonar a súa loita contrarrevolucionaria. J. Osorio: Este foi o segundo intento contrarrevolucionario de relevancia. Aínda que se fala de folga petroleira a verdadeira definición é que se tratou dun lock-out, un paro patronal. Os xerentes da petroleira PDVSA xa estiveran, na súa maioría, comprometidos co golpe, aínda que nese momento non recorreron á paralización da industria. Esta foi unha carta que xogaron seis meses despois, a partir do 10 de decembro de 2003. Desde o seu inicio houbo sabotaxes, danáronse válvulas, tubarías, equipos electrónicos, o equipo informático. Mesmo elementos que non estaban directamente en mans de PDVSA senón subcontratados a unha empresa de capital norteamericano cuxos propietarios, por certo, eran vellos coñecidos axentes e directores da CIA. Ao paralizárense as refinarías automaticamente fóronse paralizando todos os procesos de extracción e transporte. Os tanques estaban cheos de cru sen a posibilidade de refinalo. Toda a flota petroleira, todos os barcos de PDVSA foron paralizados, na súa maioría fora de porto para dificultar tamén a súa recuperación. Cando se recuperaron, que foi un proceso moi lento, comprobouse que mesmo puxeran trampas electrónicas para que no momento de poñelos en marcha puideran provocar unha explosión do buque. Un dos buques foi atracado no canal de navegación do lago Marcaibo e de ter estoupado tería afectado a toda a cidade de Maracaibo, a segunda máis poboada do país. P. Castro: Como se conseguiu aguantar a folga? J. Osorio: Foron 60 días que superamos porque o pobo, unha vez máis, deu proba da súa capacidade de resistencia. O goberno foi garantindo uns mínimos e poñendo en marcha mecanismos para, a modiño, ir reactivando as empresas de refinación. Tamén recibimos unha importante axuda do goberno brasileiro, que enviou buques xigantescos cargados de gasolina que serviron para ir abastecendo as necesidades máis básicas. Obviamente paralizouse a circulación de vehículos e reservouse o combustíbel do que se dispuña para ambulancias, coches de policía, vehículos do exército e transportes de mercadorías, para evitar o efecto dominó que perseguían os xerentes de PDVSA, que festexaban todos os días, nos que chamamos partes de guerra, a paralización ou destrucción das refinerías. Conseguiuse que unha das refinerías do oriente do país en ningún momento se paralizara, gracias á oposición do sindicato petroleiro que controla esa zona. P. Castro: Como se manifestou o apoio do pobo durante estes 60 días de folga? J. Osorio: A clave do éxito estivo na paciencia revolucionaria do pobo venezolano, que tivo que recorrer mesmo a cociñar con leña e a sobrevivir como mellor puido durante ese tempo. A súa reacción foi inmediata, saíndo á rúa e tomando as entradas das refinerías. Producíronse feitos insólitos, que nos lembran a capacidade creadora do pobo cando está comprometido cun proceso revolucionario como o que vivimos e pon a súa vida en función de transformar a realidade: vellos xubilados que se presentaron nas portas das empresas para colaborar, traballadores de outras empresas, por exemplo de plantas de produción eléctrica, con coñecementos de funcionamento de maquinaria parecida á das refinerías que se presentaban voluntarios para intentar reactivar os procesos produtivos. Chegouse a aplicar tecnoloxía terceiromundista de enchido por desnivel, en substitución das bombas que estaban apagadas. A clave foi , xa que logo, a disposición dun pobo disposto a aturar o que fose necesario para defender a revolución. P. Castro: A CTV aliouse coa patronal durante a folga. Que repercusións tivo esta alianza para o movemento sindical? J. Osorio: A derrota da folga petroleira e non só petroleira, porque ao fin tamén se incorporaran sectores do comercio e sectores de outras áreas, produciu un desgaste enorme da oposición, xa que arrastraran á creba a moitos pequenos empresarios que, guiados pola patronal, se incorporaran á folga. As perdas derivadas desa adhesión foron enormes. Non puideron resistir economicamente os custes, non puideron pagar os salarios aos traballadores e así agudizouse a crítica situación do emprego no país. O importante é que aínda que se sumara a CTV, os traballadores tiñan claro que non se trataba dunha folga con obxectivos reivindicativos. Alí non se estaban reclamando melloras salariais, nin redución de xornada, senón que se trataba de derrocar ao goberno democraticamente elixido polos venezolanos. A nivel sindical, a credibilidade da CTV, que apostou por sumarse aos intereses da patronal, como dúas fachadas do mesmo, quedou minguada. Poren, esta situación non era nova, porque as organizacións sindicais estaban xa nun proceso de desprestixio tremendo. A vella mafia sindical –CTV- lograra a punta de pistola, de prácticas terroristas, de represión e mesmo de asasinatos de dirixentes sindicais facer chegar ao poder a líderes que defendían exclusivamente os seus propios intereses. A xerencia deixara, había tempo, de representar aos traballadores defendendo os intereses da oligarquía, actuando como casta que se apropiou das conquistas dos traballadores. Tal foi así que mesmo nos medios de comunicación, na televisión, en cámaras compartidas, metade o presidente de Fedecámaras, metade o presidente da CTV, declaraban ao unísono e coordinaban as estratexias contra o goberno de Chávez. Ambos representaron os valores do vello réxime e non está de máis lembrar que todos eles foron militantes políticos de Acción Democrática e da democracia cristiana agrupada no COPEI. Do punto de vista das organizacións patronais, a vella Fedecámaras tamén entrou nun proceso de desprestixio tremendo. O fracaso do golpe e da folga petroleira foi un golpe mortal. Comezaron a xurdir novas organizacións empresariais, sectores emerxentes alternativos á vella Fedecámaras que agora intentan reagruparse tras das derrotas que sofriron nos últimos anos. P. Castro: Vostede representa á Unión Nacional de Traballadores (UNT). Como se está organizando o movemento social xurdido deste proceso? J. Osorio: O proceso de reorganización e de concienciación social é xeral. Hoxe en día, todo venezolano carga cunha Constitución na súa carteira, entre os seus libros, e todo o que sae a loitar polos seus dereitos parte de recitar algún artigo da Constitución no que fundamenta o seu reclamo. Ese movemento vai repotenciarse aínda máis logo das derrotas da ultradereita, porque vai permitir que ataquemos os vicios e as prácticas clientelares e politiqueiras que sobreviven no país e que nun primeiro momento estiveron relegados a un segundo plano, xa que o prioritario era acabar coas intentonas da ultradereita de derrocar a revolución. A nosa viaxe a Galiza ten moito que ver con ese proceso de reorganización. Temos que retomar dunha maneira máis estruturada e organizada as relacións con organizacións internacionais de traballadores, coñecer outras experiencias, estatutos, principios do movemento sindical de outros países. Coido que agora ábrese unha etapa de organización e consolidación do proceso, atacando, co Presidente da República á fronte os vicios e prácticas da cuarta república que aínda persisten con moita forza. P. Castro: O Referendo revogatorio supuxo tamén un parón nese proceso de organización? J. Osorio: Cunha posición completamente minguada tras dos anteriores fracasos, ás forzas da oposición non lles quedou máis que apostar polo camiño democrático que establecía a propia Constitución e deciden comezar coa recollida das sinaturas necesarias para convocar un referendo e revocar o mandato do presidente. Unha vez conseguidas celébrase e o pobo maioritariamente decide que Chávez manteña o seu cargo de Presidente. As forzas da oposición só estaban dispostas a concorrer se o proceso estaba validado polo Centro Cárter. O Centro Cárter así o fixo e outros moitos observadores internacionais tamén. De modo que aquí houbo unhas eleccións perdías outra vez cun resultado que a dereita non quixo asumir. Enredáronse dicindo uns que había fraude, outros que non... O que pasou foi que os sectores máis empobrecidos, máis excluídos do país concorreron masivamente para ratificar ao comandante. Débese ter en conta que malia as dificultades provocadas polo acoso constante da contrarrevolución, o Presidente desenvolvera unha política con planos de emerxencia para tratar de paliar a terrible situación socioeconómica na que se atopaba a maioría do país. O obxectivo era diminuír o analfabetismo até reducilo ao 3%, co apoio de algúns educadores cubanos, que a educación a nivel de bacharelato se masificara, facilitar o acceso á universidade... Na área de saúde, para pór en marcha o programa “Barrio adentro” tivemos que recorrer ao apoio do pobo cubano, ao que lle estaremos profundamente agradecidos o resto das nosas vidas. É moi triste para unha nación ter que recorrer a médicos doutra para garantirlle o dereito á saúde e á vida aos noso connacionais. P. Castro: Se cadra, a falta de implicación no programa “Barrio adentro” denota que podía acceder á educación superior en Venezuela. Está obtendo os resultados esperados a chamada Misión Sucre? J. Osorio: Ese é dun principais cuestionamentos que nos estamos facendo, tendo en conta, sobre todo, que os que deberían ser a vangarda no proceso revolucionario –os universitarios- foron, pola contra bastión do proceso golpista, aliándose coa dereita e a ultradereita. Houbo unha época no país, sobre todo na época do boom petroleiro, onde as universidades se abriron. Os fillos dos traballadores, mesmo os dos peor pagados, tiñan acceso á universidade. Ese proceso, coa crise económica, co desmantelamento do país produto da política do imperialismo, de irnos convertendo en meros provedores de materias primas, foron provocando a involución e que hoxe en día máis do 60% dos estudantes desas universidades públicas proveñan das escolas privadas. O modelo educativo aínda vixente é un modelo excluínte segundo o que hai unha andamiaxe que fai que os estudantes se vaian descolgando da educación media e que accedan só uns poucos á educación superior. A misión Sucre comeza a desenvolverse masivamente xusto para permitir que se podan destinar recursos, sobre todo procedentes do petróleo, a facilitar o acceso á educación superior. P. Castro: O papel dos medios de comunicación tamén foi favorábel as posicións da ultradereita. Coa Lei Resorte (Lei de Responsabilidade Social en radio e Televisión) solucionarase o problema de manipulación informativa que padece Venezuela? J. Osorio: Os medios de comunicación puxéronse desde o principio do lado da ultradereita, pero diante da estrepitosa derrota que sufriu agora están vivindo un proceso de revisión. Hai cinco canles de televisión e o estado só ten un. O que está ocorrendo é que a medida que se ía desenvolvendo o goberno popular íanse creando tamén medios alternativos. Xurdiu unha nova televisión: Vive TV. Os movementos populares e estudiantís montaron radios que emiten en FM e que difunden noticias máis achegadas á realidade. De feito, cando o golpe, os medios de comunicación das comunidades foron os que lograron que os barrios saísen á rúa, porque non escoitaban os medios de comunicación de sempre, senón os alternativos. esta situación está provocando que algúns traballadores dos mesmos medios comezaron a reflexionar diante de tanta mentira que teñen que dicirlle ao seu país. Só un xornal mantivo a obxectividade, non posicionándose nin cara un lado nin cara o outro, “Últimas noticias”, que é neste momento o que máis se vende. O país está dando un claro sinal de que xa non soporta tanto dogmatismo e demanda outro tipo de información. Coido que os medios de comunicación alternativos irán fortalecéndose. A causa desa revisión ven dada precisamente polo debate sobre a Lei Resorte, que eles chaman lei mordaz. Trátase dunha lei que vai regularizar todos estes medios e vai impedir directamente que se minta, porque obriga a que se dea información veraz.
|
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/11/2004 |