Actualidade / ArtigoVolver


A Coruña, 10 de novembro de 2004

O Consello de Galicia e a relación co Galeuzca
 

Xosé Estévez-

Actualidade GalizaCIG


  Onde estaban os meios
Derradeira foto de Castelao quitada por Eduardo Blanco Amor no Centro Ourensán de Buenos Aires.
 
O Consello de Galiza foi un organismo político establecido o día 15 de novembro de 1944 en Montevideo por catro diputados galeguistas no exilio, Castelao, Suárez Picallo, Alonso Ríos e Elpidio Villaverde.

Creouse oficialmente en Montevideo (Uruguay), porque as condicións políticas, que nese intre acontecían na Arxentina, non eran as axeitadas. Mais, en realidade, constituise en Bos Aires, na casa do galeguista D. Manuel Puente, como relata polo miúdo, un galeguista presente no acto, Xosé Bieito Abraira (Actas Congreso Castelao, tomo I, 1989, p. 157):

"Manuel Puente puxo tamém a sua casa a disposiçom de Castelao, para que nela tivesse a sua sede o Conselho. Nessa casa, da avenida Rivadavia, número 3760, constitui-se o Conselho e nela funcionou até a sua disoluçom. A acta fundacional subscreveu-se o dia 15 de novembro de 1944. Nesse documento figura que se assinou na cidade de Montevideo. Nom é certo. A constituiçom do Conselho realizou-se num acto celebrado em Buenos Aires, na casa de Dom Manuel Puente. Fixo-se constar formalmente que o acto tivera lugar em Montevideu porque a situaçom política na Argentina era inestável, mentras que o Uruguai gozava de liberdades arraigadas, a tal ponto que se lhe chamava a Suiça de América".

O contexto da súa creación encádrase na última fase da II Guerra Mundial, na que aparece nidia a hexemonía aliada. O 6 de xuño de 1944 desembarcaron en Normandía os aliados. Dende este intre os alemáns tiveron que defenderse en dous grandes frentes, un no Lestre, contra ós soviéticos e outro en Francia, contra ós aliados. Estes e os rusos foron avanzando, cadanseu pola súa banda. A finais do 1944, cando se funda o Consello, a meirande parte de Franza atopábase liberada. Albíscabase, pois, no horizonte a victoria dos aliados, que se produciría en maio de 1945 en Europa e en setembro do mesmo ano no Pacífico. O derrubamento do réximes fascistas conlevaba tamén, con toda probabilidade, a caída de franquismo e a reinstauración da III República(-o que, por certo, non aconteceu-). Polo tanto, era preciso que as nacións periféricas do Estado español elaborasen unha estratexia axeitada para a nova coxuntura que se presentaba. O goberno vasco reconstituírase en1942 en EE. UU., dirixido por José Antonio Aguirre, e en Londres creárase xa en 1940 o Consell Nacional Catalá, rexentado por Carles Pi Sunyer, aínda que era contestado por alguns sectores do nacionalismo catalán.

Nesta coxuntura José Antonio Aguirre escribiulle unha carta a Castelao o 2 de marzo de1944, na que o aguilloaba para constituir unha Institución poltíca de Galiza no exilio, que representase a vontade do pobo galego e que podería nomearse Consello de Galiza. Nesa epístola, entre outras suxerencias, decíalle (Estévez, X.:"Antología del galeuzca en el exilio"; 1992, pp. 133-134):

"Una vez puesto en marcha el Consejo Catalán. Resta hablar de Galicia. Yo creo que ha llegado el momento en que constituyáis un Consejo gallego que asuma la representación de Galicia en el exilio y ante el interior". Roboraba máis adiante:"Creo que es necesario que constituyas el Consejo nacional de Galicia con ese nombre o simplemente Consejo de Galicia a modo de gobierno provisional o como encargado de sus intereses o como mejor te parezca". O vasco non se esquencía, ademais, de vencellar a creación do Consello co Galeuzca, que deste xeito "será una fuerza decisiva, tan decisiva, que su sola aparición organizada, con proclamaciones valientes y sensatas, con una acción sin titubeos y bien dirigida, constituirá por sí un hecho político, el más fuerte en siglos quizá en la vida peninsular, cuyos efectos en la política democrática española del exilio y del interior en su caso se sentirá de forma definitiva".

Castelao contaba xa en abril de 1944 co apoio do vascos e catalás para constiuir o Consello e inmediatamente asinar os tres Goberno o pacto Galeuzca, como amosa nidiamente unha carta do rianxeiro a Ramón Suárez Picallo, que daquela residía en Chile (Castelao:"Obras. Correspondencia. Tomo 6"; 2000, p. 420):

"Chegou, por fin, a nosa hora e sería unha cobardía recuar ante a misión que o destiñoa nos sinala. Galeuzca vai a reorganizarse axiña sobor de compromisos inquebrantabeis, con programa de aición que nos dará categoría internacional. O pacto será, non de partidos, senon de Gobernos. Para eso é indispensable que, sen perda de tempo, formemos nós o “Consello de Galiza”. O noso Consello será recoñecido pol-os Gobernos de Cataluña i Euzkadi e será coñecido nos Centros chamados a rexiren a proisima sorte do mundo".

Castelao xa matinaba na idea de crear algo semellante, pero a suxerencia do lehendakari disolveo as dúbidas, como lle indica nun carta remesada o 12 de xuño de 1944 (Castelao;"Obras. Correspondencia. Tomo 6"; pp. 431-432):

"Nosotros ya andábamos sobre esa idea y apuntábamos al mismo abjeto, pero tu carta disipó nuestras últimas dudas. El Consejo gallego, pues, será creado oportunamente".

Castelao, polo tanto, acolleu con entusiasmo a recomendación de Aguirre, recabando "decontado o asesoramento xurídico de Luis Tobío, co obxeto de artellar o órgao representativo que, dalgunha maneira, poidera equiparase as que, legalmente, tiñan bascos e cataláns. Foi así como xurdiu a idea do chamado “Consello de Galiza” (Fernández del Riego, F. "O río do tempo"; 1990, p. 151).

Castelao, efectivamente, trasladouse en maio de 1944 a Montevideo, donde residía Luis Tobío, home experto en dereito e diplomacia, para consultar con él o artellamento xurídico máis pertinente (Tobío, Luis: "As décadas de T.L.", Sada-A Coruña, 1994, p. 535):

"En maio de 1944 ver a Montevideo porque quería falar conmigo verbo do proxecto, ao que andaba a lle dar voltas, da creación do Consello de Galiza. Falamos encol do tema, da sua comenencia e posibilidades e o xeito de lle dar unha forma legal. Quedamos en que eu lle mandaría por escrito os meus puntos de vista e el habia de mo recordar máis tarde nunha carta".

Este suministroulle unha fórmula moi sutil de dereito privado, pero aplicable ó político: o fideicomiso.

Deste xeito, ficaba constituido o Consello de Galiza, un corpo de dirección política, integrado por catro diputados galeguistas para defender como fideicomisarios a vontade política de Galiza, expresada nas últimas elecicións republicanas e no plebiscito do Estatuto galego, celebrado o 29 de xuño de 1936. Esta institución sería a salvagarda da vontade democrática, republicán e autonomista do Pobo galego. O Consello equiparaba políticamente ós galegos cos vascos e cataláns para asinar a nivel de tres Gobernos o pacto de Galeuzca e así o recoñece Castelao en carta ó Partido Galeguista do interior(Castelao:"Obras. Correspondencia. Tomo 6"; 2000, p. 472):

"A creación do Consello de Galiza era obrigada para equivocarnos aos vascos e cataláns, políticamente e para poder firmar o novo pacto Galeuzca, que xa non é un convenio de partidos senon de Gobernos".

No mesmo manifesto fundacional maniféstase o compromiso de actuar en conxunción cos gobernos vasco e catalán no pacto tripartito de Galeuzca, despois de nomear como Presidente a Castelao:

"Que fica autorizado dende este intre para levar as negociacións de alianza cos presidentes de Euzkadi e Catalunya, a fin de que Galiza entre, con propia persoalidade e triple forza, nunha concordia xeral hespañola, capaz de derrubar o réxime franquista e restablecer a liberdade en Hespaña".

O Consello sufragaría os gastos da revista Galeuzca entre 1945 e 1946, como manifesta o libro de Contas, na actualidade ubicado na Biblioteca e Arquivo do Parlamento Galego, cuxa copia foime proporcioada polo ex-presidente, Victorino Núñez.

En resume, o Consello creouse para que Galiza tivese, a semellanza de vascos e cataláns, un Goberno co obxetivo de asinar o pacto Galeuzca e desta maneira artellar un bloque unitario tripartito para conquerir unha República confederal, no caso probable de o derrubamento do réxime franquista polos aliados.


Xosé Estévez.

 
 

 
Bibliografía:

ACTAS DO CONGRESO CASTELAO, Tomo I, Universidade de Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, Fundación Castelao, Santiago de Compostela, 1989.

ALONSO FERNÁNDEZ, B.: "Antón Alonso Ríos. Crónica dunha fidelidade"; Laiovento, Santiago de Compostela, 1994.

ANASAGASTI, I.: "Castelao y los vascos"; Idatz Ekintza, Bilbao, 1985.

BERAMENDI, J.G., NUÑEZ SEIXAS, X.M.: "O Nacionalismo galego"; A Nosa Terra, Vigo, 1995.

CASTELAO: "Obras. Tomo 6: Epistolario"; Galaxia, Vigo, 2000.

CASTRO, X.(ed.): "Castelao e os galeguistas do interior. Cartas e documentos 1943-1954"; Galaxia, Vigo, 2000.

CORES TRASMONTE, B.: "La devolución de Galicia. El Estatuto: ayer y hoy"; Libro Minerva, antiago, 1977.

CORES TRASMONTE, B.: "Ramón Suárez Picallo. Socialismo, galleguismo y acción de masas en Galicia"; Ediciós do castro, Sada-A Coruña, 1983.

CUPEIRO VÁZQUEZ, B.: "A Galiza de Alén Mar"; Ediciós do Castro, Sada-A Coruña, 1989.

ESTÉVEZ, X (comp.): "Antología del Galeuzca en el exilio. 1939-1960"; J.A. Ascunce ed., San Sebastián, 1992.

ESTÉVEZ, X.: "Castelao e o Galeuzca"; Laiovento, Santiago de Compostela, 2002.

FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F.: "O río do tempo. Unha historia vivida"; Ediciós do Castro, Sada-A Coruña, 1990.

GALEUZCA, revista mensual (1945-46), de Buenos Aires; Leopoldo Zugaza ed., Durango, 1977.

PAZ ANDRADE, V.: "Castelao na luz e na sombra"; Ediciós do Castro, Sada-A Coruña, 1982.

PÉREZ LEIRA, L.: "Un ano trascendental na historia do galeguismo no exilio. 1944-2004: 60 aniversario do Consello de Galiza e da edición de Sempre en Galiza"; GalizaCig/Actualidade, Vigo, 8-xuño-2004.

TOBÍO, L.: "As décadas de T.L."; Ediciós do Castro, Sada-A Coruña, 1994.
 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 10/11/2004
cig.informatica