|
Actualidade CIG-Comunicación-
No ano 1974 nace a UTEG, a Unión de Traballadores do Ensino de Galiza, nun contexto político adverso, de clandestinidade, no que non só había que facer fronte ás dificultades propias desa situación, senón que mesmo había que forxar e fornecer de análises e alternativas válidas para Galiza “desde unha perspectiva anticolonial e antiimperialista”, tanto no terreo laboral como no educativo. Moi pronto a UTEG elabora o seu primeiro programa e fixa as súas reivindicacións básicas: sindicato único galego de traballadores do ensino, corpo único de ensinantes, defensa dun ensino nacional científico e popular, que se verá ampliado no 76 coa defensa do ensino estatal, xestión democrática dos centros, ensino laico e coeducativo, ensino en galego, mellores salarios e ensino estatal obrigatorio e gratuíto até os 18 anos. Sen lugar a dúbidas, teñen mudado moitas cousas desde aquela, pero a vixencia destas reivindicacións está aínda hoxe de actualidade.
Desde a fundación da UTEG (1974), pasando polo nacemento do SGEI (1985) -emerxido do esgazamento do sindicalismo nacionalista- e pola constitución da Converxencia Sindical Galega (1990) até a unificación definitiva do sindicalismo nacionalista na Confederación Intersindical Galega (CIG), no ano 1994, houbo numerosos avances: non só se incrementou a presenza do sindicalismo nacionalista no ensino, senón que ampliou enormemente a súa afiliación, converténdose en referente, cada día máis, para un maior número de ensinantes, que acredita no sindicalismo transformador, reivindicativo, participativo e non claudicante representado pola CIG-Ensino.
Con motivo desta conmemoración editouse, ademais, un libro que recolle a historia do sindicalismo nacionalista, a cronoloxía dos feitos máis relevantes, así como colaboracións que plasman as vivencias e lembranzas de distintas persoas que, dalguna maneira, tiveron ou teñen relevancia no nacemento e consolidación deste proxecto sindical, xurdido no ano 1974 cunhas reivindicacións que, na súa inmensa maioría, seguen aínda vixentes.
Boa tarde a todos e a todas.
Permitídeme en primeiro lugar amosar o noso máis inmenso recoñecemento a todos e a todas aqueles e aquelas compañeiro/as que ao longo destes 30 anos contribuíron de maneira especial coa súa lucidez, traballo, vontade e entrega a criar, agrandar e afianzar este proxecto sindical, sen esquecérmonos desde o primeiro ao último afiliado, xa que todos e todas somos necesarios para avanzar. Moitas grazas. Foron diferentes os motivos que nos moveron para conmemorar estes 30 anos de historia, entre outros, recuperar dalgunha maneira a memoria do que foron e supuxeron estes anos de traballo sindical como alternativa sindical propia, integrada no movemento nacionalista.
É compracente ollar o pasado con esperanza no futuro. Malia os ataques do sistema fomos capaces de participar na sustentación, medre e consolidación do sindicalismo nacionalista, representado hoxe pola CIG. Arredámonos desde o inicio de posíbeis proxectos e posicións corporativistas, conscientes e convencidos de que a emancipación social e nacional teñen no noso País un percorrido común. Este proxecto que temos hoxe, como toda forza viva, non estivo exento de controversias. Vencemos no seu día posicións supostamente independentistas e esquerdistas que pretendían situarnos á marxe da construción dunha central sindical nacionalista, capaz de afrontar a problemática laboral e social e con capacidade suficiente para contrarrestar o sindicalismo reformista español. Nada aportou a división do sindicalismo nacionalista ás alturas do 85. Hoxe podemos afirmar que non houbo razóns suficientes para esgazar en dous o sindicalismo nacionalista, mais este paso atrás foi sabiamente enmendado coa aposta pola unificación, conscientes de que todos e todas tiñamos cabida no proxecto que naceu coa Converxencia e se consolidou coa Confederación Intersindical Galega. Hoxe formamos parte dunha central sindical de máis de 50.000 afiliados e afiliadas, dos cales máis de 5.000 corresponden á CIG-Ensino. A afiliación é peza clave e imprescindíbel para afianzar o noso proxecto sindical que, xunto á mobilización social, a concienciación e a representación sindical, capacítannos para condicionar, menos do desexábel, a política educativa da Consellaría de Educación e sitúannos como a central sindical con maior poder de mobilización. Por iso precisamos acrecentar aínda máis a afiliación, afianzar a estrutura de representantes da CIG nos centros e superar a nosa representación sindical, tanto no ámbito do ensino público, onde somos maioritarios, como no ensino privado, onde a nosa representación, temos que recoñecelo, é demasiado cativa. A maioría das reivindicacións que sustentaron o sindicalismo nacionalista continúan a ter plena vixencia e vigor, xa que a transición política asentouse en reformas e pactos políticos e sindicais que nos negan como nación; nunha política social e económica guiada polos principios do neoliberalismo e nun modelo sindical domesticado e cómplice, que se comporta, na maioría dos casos, non só como un apéndice da Administración, senón como forza activa na defensa das estruturas españolistas e de medidas regresivas para os traballadores. A actitude e visión de CCOO e UGT é tan adversa a calquer proposta ou avance que signifique maior autogoberno que se alinean en posicións máis centralistas que a propia Administración, sexa esta do PP ou do PSOE. Este modelo de bisindicalismo sectario, que se corresponde co bipartidismo do PP e PSOE, empecínase en querer excluir e marxinar ao sindicalismo nacionalista, a través de pactos e acordos que, mesmamente, subverten a representación que temos acadada. Vimos de vivir un momento de involución política, de persecución a toda discrepancia e de linchamento e demonización do nacionalismo. A maioría absoluta sustentada polo PP, esencia pura da dereita máis reaccionaria, tanto na Galiza como no Estado, procurou aínda unha escola máis españolizada, usurpando até algunhas das cativas competencias coas que contamos. Non dubidou en plasmar mediante a LOCE e LOU o seu ideario educativo ultraneoliberal e reaccionario; ampliando a privatización; programando un sistema educativo máis recentralizado e confesional; configurando unha escola máis elitista e selectiva e desvalorizando o traballo docente. Mais este período negro non supón acreditarmos na política educativa do PSOE. Non só porque o actual sistema educativo é debedor, en grande medida, do modelo educativo plasmado polo PSOE, fundamentalmente, na LODE, LOPEG e LOXSE, senón tamén porque os modelos de escola do bipartidismo teñen moitos elementos en común: a negación do Estado plurinacional (un único Estado, unha única nación e un único sistema educativo); a consolidación definitiva da dobre rede educativa (unha pública e outra privada concertada) pagadas co erario público; a aplicación de modelos de xestión antidemocráticos nos centros, propios da empresa privada; a desacreditación do noso traballo con máis burocratización e xerarquización; a negación de dereitos laborais e sindicais máis elementais, etc. Todas estas características aparecen expresadas no documento Unha educación de calidade para todos e entre todos proposto polo MEC que, supostamente, pretende modificar a LOCE. Xa Castelao en 1937, no Sempre en Galiza, afirmaba: “Escola unificada para lograr que todos os españois conquiran un mínimo de coñecementos para loitaren na vida e para trocárense en elementos útiles á colectividade, está perfeitamente ben; pero escola única como sistema de política asimilista, para lograr unha cultura uniformada, matando as variedades culturais –que é riqueza de todos-, iso é un xeito feixista. Iso nunca. Escola que non garantice a cultura de creación, escola que non utilice o idioma materno dos nenos, como xeito pedagóxico indiscutíbel, escola para Galiza igual que para Castela, iso nunca... Os galegos debemos opornos a un sistema de educación que empobrece o espíritu do noso pobo e que tende á súa exterminación como elemento de cultura”. Como podemos reparar, as aseveracións de Castelao, despois de 67 anos, seguen tendo total vixencia. Necesitamos poder ordenar o noso sistema educativo de principio a fin. Precisamos elaborar os nosos propios currículos e insertar o ensino na nosa realidade para non continuar educando xeracións de alienados e colonizados. En definitiva, un ensino que reforce a nosa identidade ¡tan necesaria! valore o noso pasado, asuma a nosa historia, observe criticamente o mundo en que vivimos, contribúa á defensa do ensino público, á galeguización, a transformación social, á equidade e á igualdade. Outro ensino é posíbel. Outro mundo e outra Galiza tamén. Se algo nos identificou, nos identifica e nos ten que seguir identificando, pois non pode ser doutra maneira, é a práctica coherente en defensa da normalización lingüística. Mais temos que admitir que baixamos a garda e a pasividade apoderouse de nós en moitos casos. A nosa militancia ten que suplir a total ausencia de vontade normalizadora da Xunta de Galiza. Na loita polo idioma non pode haber tregua nen descanso. Se ollamos o camiño por andar, intuímos que haberá que salvar moitos obstáculos e necesitaremos savia nova disposta a asumir máis responsabilidades para prosperar na conquista de mellores condicións laborais e para acadar un ensino público de calidade. Sigamos batallando por ampliar o noso círculo. Sumemos esforzos para conquerir un ensino galego, nun País de noso. Este edificio común a todos e todas nós ten os alicerces ben asentados e inamobíbeis. Só o temos que ir agrandando e facéndoo máis funcional e eficaz para o profesorado e para a Nación, pero sempre cun modelo sindical galego, participativo, reivindicativo, transformador e de clase. Moitas grazas. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2004 |