ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 16 de decembro de 2004

Dous compañeiros enfróntanse a un ano e dous meses de cadea e máis de 3.000 euros de multa
A CIG denuncia a campaña de persecución sindical que leva a cabo o alcalde de Santiago

Convócase unha concentración para o próximo 21 de decembro, ás 13:00 horas diante dos xulgados de Fontiñas
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
En rolda de prensa, o secretario comarcal da CIG en Santiago, Anxo Noceda, indicaba que “nós non pensamos que isto [denuncias contra Nacho Pavón e Sino Seco, condena a Paulo Rubido...] sexa froito dunha actuación illada que supoña unha novidade senón que tristemente é un paso máis desa represión calculada e intencionada sobre sectores descontentos e que lle resultan especialmente incómodos ao “sherif” Bugallo”. (Fotos: Rolda de prensa, ©galizacig.com 14/12/2004).
Clic para aumentar
Nacho Pavón explicou como o alcade de Santiago “ordenou que a empresa de limpeza do Concello adecentara polas noites os xardíns, negando así o dereito á folga dos traballadores e traballadoras de CESPA, que consiste, entre outras cousas, no dereito legal a que se perciba a falta do seu traballo”.
 
A CIG da comarca de Santiago denuncia a presión que, desde o Concello de Santiago, nomeadamente desde o PSOE, se está a exercer sobre a CIG, através da denuncia presentada polo propio alcalde, Xosé Sánchez Bugallo contra compañeiros do sindicato por realizar unha pintada na herba durante as mobilizacións de CESPA.

Os dous sindicalistas, Nacho Pavón e Sino Seco, enfróntanse cada un a un ano e dous meses de prisión e ao pagamento de máis de 3.000 euros de multa.

O presunto delicto destes compañeiros foi o de pintar na herba, con pintura plástica o lema “CESPA EN FOLGA”. Posteriormente, para a limpeza houbo que empregar só auga. Na súa comparecencia, Nacho Pavón e o secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, que estaban acompañados por outros representantes sindicais, sinalaban que “nos atrevemos a afirmar que o alcalde de Compostela se excede na súa denuncia, que resulta máis propia dunha broma, pesada, eso si”.

Estes feitos producíronse durante a folga que no ano 2002 os xardineiros e xardineiras de Compostela convocaron en demanda da mellora das súas condicións laborais. O Concello, por orde expresa do seu alcalde, non se quixo implicar, aínda sendo o propietario dos xardíns e CESPA só unha concesionaria.

Tras solicitarlle a mediación para saír dun conflicto que duraba xa demasiado, o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, negouse publicamente afirmando que se trataba só dun problema entre empresa privada e traballadores. “Mais isto só é o que di publicamente porque a súa actuación foi algo máis escura”, explica Nacho Pavón. “Ordenou que a empresa de limpeza do Concello adecentara polas noites os xardíns, negando así o dereito á folga dos traballadores e traballadoras de CESPA, que consiste, entre outras cousas, no dereito legal a que se perciba a falta do seu traballo”, engade.


  Clic para aumentar
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, dirixiu o acoso ás concentracións pacíficas que realizaban os traballadores mesmo cunha carga policial que rematou con tres persoas no hospital. A desinformación e a manipulación foi outra das actuacións públicas de Bugallo neste conflicto, transformando nas súas intervencións públicas aos traballadores en vándalos. (Foto: Cartaz campaña CIG, ©galizacig.com 14/12/2004).
 
Manipulación e desinformación

Alén diso, o alcalde de Santiago dirixiu o acoso ás concentracións pacíficas que realizaban os traballadores mesmo cunha carga policial que rematou con tres persoas no hospital. A desinformación e a manipulación foi outra das actuacións públicas de Bugallo neste conflicto, transformando nas súas intervencións públicas aos traballadores en vándalos. “Pois é neste clima”, explica Anxo Noceda, “cando tras máis de 30 días sen salario e logo de que a xustiza declarara ilegais os servizos mínimos decretados pola empresa, cando os traballadores deciden pintar en varios parques de Compostela o lema “CESPA EN FOLGA”, para que os veciños e veciñas coñeceran unha realidade que algúns se empeñaban en ocultar”.

Finalmente o conflicto resolveuse, tras 37 días de folga, coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais e é agora, tras máis de dous anos, “cando nos atopamos que por unha denuncia municipal podemos rematar con dous compañeiros en prisión por un máis que dubidoso delicto”, afirma o secretario comarcal da CIG.

Os representantes da CIG na rolda de prensa lanzaron a pregunta de “se Bugallo consideraba que o Concello non se debería meter, por que o fai cando o conflicto xa está resolto para denunciar a varios compañeiros da CIG?”. Noceda lembraba ademais que recentemente outro compañeiro, Paulo Rubido, foi condenado a 6 días de prisión e multa económica por denunciar a actitude antisindical do Concello no mesmo conflicto.

O propio secretario comarcal indicaba tamén que “nós non pensamos que isto sexa froito dunha actuación illada que supoña unha novidade senón que tristemente é un paso máis desa represión calculada e intencionada sobre sectores descontentos e que lle resultan especialmente incómodos ao “sherif” Bugallo”.

Nos últimos anos vense impoñendo un modelo represivo que tende a xudicializar e criminalizar os conflictos sociais e laborais. Situacións que en calquera sociedade son asumidas con total normalidade, entendidas no marco do propio conflicto, aquí están a xenerar o paso polos xulgados e a prisión de persoas involucradas no traballo sindical, de denuncia social, veciñal, xuvenil... Forma parte da nova política de control social que se ven consolidando a nível mundial, coa vixianza e amedrentamento da poboación tentando coartar a denuncia social e a loita dos traballadores e traballadoras polos seus dereitos laborais.

No noso país temos o caso dos tres sindicalistas de Lugo, os veciños do Eixo, movementos sociais como Nunca Máis ou a plataforma pola Defensa da Ría de Arousa... Toda esta política nega, na práctica, a vía pacífica para a resolución de conflictos e deriva á xustiza asuntos que se deberan resolver pola negociación entre as partes.

Neste camiño, “van atopar de fronte aos traballadores e traballadoras organizados na CIG, que non imos renunciar a defender os nosos postos de traballo e o noso dereito á libre expresión”.

A CIG da comarca de Compostela vai pór en marcha unha campaña de reparto de carteis por toda a cidade coa imaxe de Bugallo e con información relativa ao caso e convoca a todos os traballadores e traballadoras á concentración que terá lugar o próximo día 21 de decembro, ás 13:00 horas, diante do xulgado de Fontiñas. Ademais, non se descarta a posibilidade de empreder accións legais contra o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, por este tipo de prácticas.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2004
cig.informatica