|
Actualidade CIG-Comunicación-
Mobilizacións convocadas polos propios traballadores, apoiadas por sindicatos non presentes nas negociacións que, ademais, están colaborando na recollida de sinaturas en apoio ás demandas da CIG na Mesa de Negociación e como forma de presionar aos sindicatos maioritarios para que muden a súa postura connivente coa patronal. Aínda que continúan as conversas, a CIG está disposta a impugnar o convenio, se chega a aprobarse, por incumprir o estabelecido no Estatuto dos Traballadores, que consagra como principio básico que a iguais condicións de traballo corresponde igual salario. A Confederación Intersindical Galega (CIG) rexeitaba, na xuntanza celebrada o pasado 25 de novembro, aceptar o convenio de Seguridade Privada asinado polos sindicatos españois UGT, CCOO e USO cos representantes das patronais, por considerar que non recolle os parámetros económicos fixados por todos os sindicatos integrantes da representación sindical. Para explicar a súa posición, os representantes da CIG na mesa de negociación indicaban que “o incremento é menor tanto na nocturnidade como na festividade, renúnciase ao plus de quendas, renúnciase ao plus de radioscopia e increméntase nun ano máis o ámbito de vixencia do convenio. Así mesmo, outros aspectos importantes recollidos como demanda conxunta de todas as centrais sindicais quedan ignorados, tales como a cotización do plus de transporte e vestiario ou a ampliación de cobertura por incapacidade temporal”. A CIG, en todo caso, manifestou nesa xuntanza a súa satisfacción polo recoñecemento do plus de perigosidade pero entende que é claramente insuficiente e discriminatorio entre aqueles vixilantes con antigüidade recoñecida na empresa até o 1 de xaneiro de 1994 e os posteriores á devandita data, poñendo como exemplo que aqueles vixilantes cunha relación laboral que se interrompeu por causas alleas a estes antes do 1 de xaneiro de 1994 así como aqueles que presten servizo con arma tras esa data e que perderon o uso da arma non percibirán o plus de perigosidade na mesma contía que os vixilantes con arma anteriores. “Non se pode mellorar un Convenio só para o 4% do sector, deixando marxinado ao resto”, afirmaban nun comunicado dirixido aos traballadores do sector. Malia considerar que a unidade de acción sindical nunca pode ser a custo de todo, a CIG desmarcouse das outras centrais, pero seguiu presente na Mesa de Negociación achegando ideas, e na rúa mobilizando os traballadores para que reclamen os seus dereitos en igualdade de condicións. O que lle pareceu máis grave á CIG de todo o sucedido no proceso de negociación do Convenio, foi comprobar como CCOO, UGT e USO ignoraban o esforzo realizado por centos e centos de traballadores en todo o sector nas mobilizacións, e a todos aqueles que se manifestaron o 27 de outubro polas rúas das cidades do Estado español en defensa dunha mellora nas súas condicións de vida. A partir dese momento púxose en marcha unha campaña de recollida de sinaturas, non só entre os traballadores da Seguridade Privada galegos, senón tamén entre os moitos do Estado español afiliados aos sindicatos asinantes do convenio, profundamente decepcionados coa actitude mantida polos seus representantes sindicais e entre os afiliados a sindicatos minoritarios, sen representación na mesa de negociación. Unha campaña que está tendo un grande éxito e da que se espera sirva para mudar os contidos dun acordo discriminatorio para os traballadores. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/12/2004 |