ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 29 de decembro de 2004

Concentración ás 12 da mañá na rúa Juan Flórez de A Coruña, diante da empresa Atento
30 de decembro: A Folga polo Convenio de Telemárketing continúa

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Levamos un ano de negociacións para mellorar o Convenio de Telemárketing. Levamos un ano cos salarios conxelados. Un ano de tensións, paros, folgas, protestas... e o convenio continúa sen saír adiante. Pese a todo. Pese aos esforzos d@s traballador@s e dos sindicatos, que actuaron nunha exemplar unidade sindical durante todo este tempo. (Foto: Manifestación en A Coruña durante a xornada de Folga do día 9 de xuño, ©Fernando Pol, A Coruña 09/06/2004).
 
A CIG continuará coa folga en Telemárketing prevista para o día 30, a pesares da desconvocatoria feita por CCOO e UGT. A folga estaba convocada polos 4 sindicatos con presencia na Mesa de Negociación do Convenio Estatal, e motivada pola postura intransixente da patronal fronte ás reivindicacións sindicais.

Non houbo cambios significativos que motiven a desconvocatoria, e tanto as delegadas sindicais da CIG como a afiliación do sector decidiron continuar con esta xornada de folga reivindicando un Convenio Digno, e denunciando as manobras destes dous sindicatos estatais que racharon a unidade de acción mantida ata este momento, pretendendo vender aos traballadores e traballadoras a cambio de beneficios ocultos outorgados pola patronal.

Vista a situación, despois da xornada do día 30, na que se realizará unha concentración ás 12 da mañá na rúa Juan Flórez nº 80 de A Coruña (diante da empresa Atento), a CIG buscará nas asembleas de traballadoras e traballadores novas fórmulas para acadar unha solución ao conflito.

A continuación reproducimos o texto do comunicado que a Sección Sindical da CIG repartirá na empresa Atento.


30 de decembro: A FOLGA CONTINÚA!!

Levamos un ano de negociacións para mellorar o Convenio de Telemárketing. Levamos un ano cos salarios conxelados. Un ano de tensións, paros, folgas, protestas... e o convenio continúa sen saír adiante. Pese a todo. Pese aos esforzos d@s traballador@s e dos sindicatos, que actuaron nunha exemplar unidade sindical durante todo este tempo.

Hai máis de un mes, os 4 sindicatos con representación na mesa de negociación do convenio (CIG, CGT, CCOO e UGT) chegamos á conclusión de que non podiamos permitir que a patronal continuase prolongando no tempo a nosa desesperación pola sinatura do convenio. As nosas condicións laborais son precarias, pero os nosos salarios... Tod@s necesitamos unha suba salarial. Tod@s estamos esperando coma auga de maio o cobro dos atrasos. E con iso xoga a patronal. Coa nosa precariedade. Saben que canto máis se tarde en asinar o acordo máis precaria será a nosa situación, e aí a chantaxe. Por todo iso, os 4 sindicatos (CIG, CGT, UGT e CCOO) valoramos e decidimos facer 3 xornadas de folga para o mes de decembro (os días 7, 23 e 30), como medio de presión sobre a patronal, que, dado que a única linguaxe que entenden é a dos cartos, si tería a necesidade de sentarse a negociar para desbloquear o conflito.

O día 22, ás 10 da mañá, a CIG recibe unha convocatoria para unha mediación da mesa do convenio (sindicatos e patronal) ás 16:30 horas. A esa mesma hora, 10 da mañá, en moitos call-centers, CCOO e UGT están repartindo comunicados desconvocando a folga do 23 (con menos de 24 horas de antelación!!) indicándolle ao persoal que se firmara un acordo coa patronal. Esta información foi utilizada por moitas empresas, notificándoselles a moit@s traballador@s que o convenio estaba asinado. Descoñecemos os INTERESES que puideron levar a CCOO e UGT a difundir esta MENTIRA. Ás 16:30 tivo lugar a xuntanza na sede do SIMA, en Madrid e despois de 3 horas de “cociña” entre CCOO, UGT e a patronal, remata sen acordo. Nese momento, os representantes deses sindicatos declaran reconvocada a folga do día seguinte. Unha vez máis, estes dous sindicatos DECIDIRON, sen contar tan sequera cos/coas seus/súas delegad@s nin afiliad@s, TIRARSE Á PISCINA SEN SABER SE HABÍA AUGA.

O día 22, e o 23, xornada de folga, CCOO só fai acto de presenza nas concentracións, despregando unha pancarta propia, e convocando concentracións paralelas tentando así desmarcarse da acción sindical conxunta. O día 23, (durante a propia xornada de folga) a escasas 24 horas do FRACASO ESTREPITOSO dos seus manexos do día anterior, CCOO e UGT publican nas súas webs a desconvocatoria da folga do día 30. A CAMBIO DE QUE??

Tivemos acceso ao texto do preacordo que se estaba a barallar, e sorpréndenos comprobar que hai unha cláusula que concede 8 liberacións para CCOO e 6 liberacións para UGT.

CCOO e UGT argumentan para desconvocar que van comezar con un conflito “de longa duración”. É que aínda non se decataron de que levamos 1 ANO DE CONFLITO??? É que non saben que para @s traballador@s isto xa é LONGO dabondo? Nótase ben que en ningún deses sindicatos toman as decisións @s afiliad@s. Que as “grandes decisións” as toman “sindicalistas profesionais” que non saben, ou non lembran, o que é malvivir co noso salario e nas nosas condicións. Que non atenden as chamadas. Que se pode esperar deles? Un ano máis de “negociación”? Un ano máis de traizóns? Un ano máis de espera?


@s traballadores non queremos un conflito,
queremos unha solución ao conflito

Despois do éxito da xornada de folga do xoves 23, sabendo que as empresas sufriron as consecuencias da mesma, e que perderon chamadas arreo polo seu inmobilismo... A CAMBIO DE QUE UNHA DESCONVOCATORIA?? Quen gaña con iso?? DESCONVOCAR A FOLGA SÓ FAVORECE Á PATRONAL!!!

Estannos vendendo a tod@s!! Para que paramos o día 7 e o 23?? Para que agora decidan facer un conflito de longa duración??

Dende a CIG cremos que esta situación vén poñer de manifesto que a negociación colectiva de ámbito estatal, dende a perspectiva dos traballador@s galeg@s non é práctica nin resolutiva e evidencia que o camiño é unha negociación na que os verdadeiros protagonistas sexamos os traballador@s galeg@s.

A CIG NON SE VENDE
MANTEMOS AS NOSAS REIVINDICACIÓNS
O CONFLITO ESTÁ AÍ

O Xoves 30 de decembro concentración ás 12:00 da mañá diante de Atento (Juan Flórez, 80-82, A Coruña).

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 29/12/2004
cig.informatica