|
Actualidade CIG-Comunicación-
Neste caso concreto, pedíase 1 ano e 2 meses de prisión para ambos os dous sindicalistas, así como unha multa duns 3.000 euros, polo feito de teren realizado unha pintada na herba durante as mobilizacións de CESPA na folga que no ano 2002 os xardineiros e xardineiras de Compostela convocaron en demanda da mellora das súas condicións laborais. A concentración convocábase coincidindo coa celebración do xuízo. No decurso do mesmo e alén das contradicións nas que, ao noso xuízo, caeron as testemuñas da Fiscalía e do Concello, quedou patente que, por unha banda, parte da documentación que o Concello achegou neste caso non se correspondía coa realidade, tal e como desde a CIG viñamos denunciando, como pola outra, o excesivo e desproporcionado das penas inicialmente solicitadas para os nosos dous compañeiros. Afirmarmos, desde a CIG, que ambas cuestións quedaron constatadas posto que a avaliación de custos de reparación do céspede inicialmente presentada polo Concello de Compostela quedou en evidencia, non só polas testemuñas presentadas, senón tamén pola proba documental presentada pola propia avogada do Concello que refutaba a avaliación inicialmente presentada por eles mesmos. Cuestión esta que levou, tanto á Fiscalía como á propia avogada do Concello, a modificar as súas peticións iniciais rebaixando a cualificación dos feitos de delito a falta, e obviamente eliminando das súas peticións tanto a pena de prisión como rebaixando moi significativamente á sanción económica. Por parte do representación legal da CIG solicitouse a libre absolución dos encausados. Desde a Confederación Intersindical Galega, agardando pola definitiva sentenza, non podemos deixar de pór de manifesto que a inxusta situación pola que están a pasar os nosos compañeiros Nacho Pavón e Sino Seco é froito da teima do alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, por criminalizar e negarlle o mínimo ámbito de expresión a todos aqueles movementos sociais, sindicais, veciñais, etc, que discrepan dos seus posicionamentos, sendo máis grave esta actuación do alcalde compostelán cando para conseguir os seus fins non dubida en empregar documentos que finalmente se manifestan dun xeito claro como non veraces. Cómpre salientar que, en contra do anunciado polo alcalde de Santiago a pasada semana, o Concello si se presentou como acusación particular neste xuízo, así como manifestar o noso agradecemento a todas as persoas e organizacións que nestas datas se solidarizaron connosco e cos nosos dous compañeiros. |
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 23/12/2004 |