|
Actualidade CIG-Comunicación-
Desde hai máis dun ano víñase fraguando o proceso de unificación das Federacións de ‘Alimentación e Textil’, ‘Mar’ e ‘Transporte e Telecomunicacións’. Un período de debate en comisións e asembleas que concluíu o pasado sábado día 11, con Congresos parciais de cada unha das Federacións durante a mañá e un Congreso de ratificación da unificación pola tarde. Na súa intervención na clausura do Congreso, Xesús Seixo, secretario xeral da CIG, apuntaba as razóns polas que se chegou á confluencia destas tres federacións nunha soa. “Do mesmo xeito que o poder económico cada vez acumula e concentra o poder en poucas mans, nós tamén temos que ir, cada vez máis, cara estruturas máis poderosas, áxiles e eficaces, onde esteamos máis unidos, onde haxa máis solidariedade”. Seixo advertía que non se trata de tender cara unha política sindical de cúpulas, “senón de contar cunha organización sindical que nos permita chegar con máis axilidade a todos os centros de traballo”. Para o secretario xeral da CIG a unificación é fundamental para conseguir os obxectivos que se ten fixado a Confederación. “Nós aspiramos a ser unha organización sindical liberadora para a clase traballadora e liberadora para a nosa nación e non unha forza sindical que se someta aos intereses do capital”.
A Federación do Mar xa aprobara a unificación no seu anterior Congreso e “durante as asembleas, tanto de elección de delegados como no Congreso parcial houbo unanimidade total canto á necesidade da unificación”, explica Xabier Aboi, o até o de agora secretario nacional da Federación de Mar e membro da nova Executiva da FGAMT. Fundamentalmente, o que se deu foi un debate sobre as relacións con outras forzas sindicais e sobre como mellorar o funcionamento, sobre todo, nos subsectores, pero xa dentro da nova Federación. A Federación de Alimentación e Textil celebrou un Congreso que se desenvolveu de forma semellante, aprobando a unificación con absoluta normalidade. No seu caso, o debate xa viña precedido da aprobación, tamén no anterior Congreso, da unificación. “En todo este ano de negociacións das diferentes comisións das tres federacións fomos plasmando na dirección nacional os avances da negociación. Existiu unha comunicación fluída que rematou, como era desexábel, con unanimidade e sen ningunha sorpresa”, explica Xosé Fernández Piñeiro, antes secretario nacional da Federación de Alimentación e Textil e, desde o sábado secretario nacional da FGAMT. O Congreso de Transporte e Telecomunicacións desenvolveuse tamén sen sorpresas, aínda que non con total unanimidade. Xesús Pastoriza Santamarina, o seu secretario nacional e na actualidade membro da Executiva da FGAMT sinala que “xa eran coñecidas algunhas posturas contrarias á unificación. Opinións que, en todo caso, foron minoritarias pero que deben ser respectadas coa lexitimidade da pluralidade que debe ter un sindicato das características do noso”. Nese sentido, deuse o debate correspondente tras do que tivo lugar a votación, na que a unificación foi aprobada por unha porcentaxe “ampla dabondo, como para falar de case unanimidade”, matiza Pastoriza.
O Congreso de unificación, celebrado na tarde do sábado, foi expresión da suma dos tres congresos parciais celebrados pola mañá. Non houbo total unanimidade, pero si unha maioría abrumadora que deu o seu voto a favor da unificación definitiva. Piñeiro, o novo secretario nacional, destaca como tema central o debate dos Estatutos dos que se dotou a FGAMT. Alén diso, debatéronse cuestións prácticas e houbo, en xeral unha reafirmación xeralizada da necesidade de proceder á unificación. A nova Executiva da FGAMT quedou composta por Xosé Fernández Piñeiro, Ricardo Posada Argibai, Salustiano Guerra García, Xesús Pastoriza Santamarina, Antón González Delgado, Xosé A. Alvarez Piñeiro, Rosa Abuín Rodríguez, Teresa Vidal Pose, Luciano Villar González, Xosé Monroi Fernández, Salvador Ribadomar Padín, Xabier Aboi Pérez e Suso García Couso.
O secretario xeral da CIG, Suso Seixo, felicita na intervención que de seguido reproducimos, ás Federacións de ‘Mar’, ‘Alimentación e Textil’ e ‘Transporte e Telecomunicacións’, pola súa decisión de unificarse nunha soa e incide na necesidade de que se sigan dando pasos en outras federacións para “ir creando pouco a pouco estruturas sindicais máis eficaces para o noso traballo sindical”. O secretario xeral da CIG analiza tamén a situación laboral actual e repasa os acontecementos máis relevantes que a nivel sindical se están a producir tanto en Galiza como no Estado español.
Quixera comezar felicitando aos compañeiros e compañeiras que leváchedes a cabo a unificación porque teño a convicción de que este proceso vai ser moi beneficioso, tanto para a nova federación como para o conxunto da Confederación Intersindical Galega. Aproveito para saudar tamén ás delegacións convidadas da CGTP, ELA-STV e LAB. Entendemos que non está pechada esta etapa. Que se teñen que dar novos pasos en outras federacións para ir creando pouco a pouco unhas estruturas máis eficaces para o noso traballo sindical. Un traballo sindical que alguén pode pensar que será máis doado para a clase traballadora porque houbo un cambio de goberno no estado.
Foi o PSOE quen iniciou o proceso de reconversión industrial no noso país con consecuencias realmente nefastas, serva de exemplo o caso do sector naval. Foi o PSOE quen puxo en marcha todas estas políticas neoliberais que se están dando de flexibilización do mercado laboral, de precarización das condicións de traballo, de redución de salarios. Políticas que se están impoñendo globalmente e que non son patrimonio exclusivamente do PP, senón consecuencia das directrices que veñen definidas a nivel internacional polo capital. Unha trampa na que xa no seu momento caeu o PSOE, facendo uso desas políticas neoliberais. Por iso, entendemos que aí non vai a haber grandes cambios. Máis aínda se temos en conta declaracións recentes do presidente da CEOE, onde claramente fala de recortes salariais, de flexibilizar máis o mercado laboral, mesmo co apoio manifestado polo propio Presidente da Xunta e polo Conselleiro de Economía, en aras, parece ser, de facer máis competitivas as empresas. Nós evidentemente entendemos que as empresas teñen que ser competitivas e que teñen que xerar emprego. Pero entendemos que tal como enfoca a competitividade o capital, o poder, é unha trampa, porque sempre se pretende incrementar a competitividade a costa de precarizar as nosas condicións laborais. E a esa precarización das condicións laborais, quen lle pon límite? Porque se nós precarizamos as nosas condicións de traballo para facer máis competitivas as nosas empresas fronte as portuguesas ou vascas, por pór un exemplo, a patronal nos seus respectivos países pretenderá outro tanto. Polo tanto iso vólvenos situar pouco a pouco en condición laborais do século XIX. Entón evidentemente, esa non pode ser a nosa política e esa é a política que pretende a CEOE e é a política que se está preparando a nivel da propia Unión Europea. Unha política á que lle vai dar cobertura a Constitución Europea, que se presenta como algo marabilloso e que o único que pretende é consolidar e darlle cobertura a nivel político e institucional ás políticas neoliberais que viñan facendo até o de agora.
Se nos fixamos en cal é a actitude das centrais sindicais CCOO e UGT, nós estamos convencidos de que teñen un pacto co PSOE para facerse favores mutuos. Pretenden favorecer os proxectos en materia económica, social e laboral que quere levar a cabo o goberno e a cambio este vailles facilitar que eles sexan hexemónicos sindicalmente e, sobre todo, vailles facilitar recursos económicos por diferentes vías. Estamos agora debatindo o tema de formación contínua, unha materia na que nós viñamos investindo moitos recursos. Temos realmente unha infraestrutura importante para impartir formación, a mellor infraestrutura das centrais sindicais en Galiza. Pois pretenden precisamente deixarnos fora a nós do que é formación contínua. Polo menos de todo o que ten que ver coa formación sectorial. Evidentemente, a pesar de que hai sentenza xa do Tribunal Constitucional que din que os recursos para a formación continua teñen que ser transferidos ás comunidades autónomas están evitando por todos os medios que iso sexa así. Eso obedece fundamentalmente, a presións de CCOO e UGT por pactos co PSOE. Neste momentos, CCOO e UGT van mover un volume de máis de 25.000 millóns de pesetas en formación cada unha delas. A ninguén se lle escapa o poder que eso supón. Por iso hai presións enormes. Poderíamos pór outros moitos exemplos de discriminación que se está facendo cos sindicatos nacionalistas no estado español. Sen ir máis lonxe, é curioso que un partido como o PSOE que pretende presentarse diante da sociedade española coa etiqueta de partido enormemente dialogante actúe como o fai. Cando tomou posesión o Ministro de Traballo, nós diríximonos a el, mesmo por razóns de cortesía -hai un novo ministro de traballo entón parecíanos o lóxico, na condición que temos de central sindical máis representativa que nos recibira, que se presentara e falara con nós dos problemas que ten a sociedade e a clase traballadora- pero non se dignou nin a contestarnos. Contestounos unha secretaria, unha xefa de gabinete... Outro exemplo é o caso das conversas que se iniciaron entre CCOO, UGT e a patronal. Nós non temos excesivo interese en estar presentes, por unha razón moi clara: porque sabemos máis ou menos o que pretenden sacar de aí e non vai ser nada beneficioso para a clase traballadora. Pero entendemos que, como central sindical máis representativa, tiñan a obriga de chamarnos e de informarnos sobre o que se está debatendo aí, que materias se están a tratar... Logo nós dirémoslles si ou non, esa xa é unha cuestión nosa, pero temos un dereito. Pois tampouco fomos convocados. Ou sexa, que hai unha clara discriminación cara todo o que non sexa o modelo sindical que representan CCOO e UGT: un modelo sindical pactista, totalmente entregado ao poder, que traizoa sistematicamente os intereses da clase traballadora en función dos intereses das súas estruturas e do poder das súas cúpulas sindicais. E iso é así e así está pactado co partido socialista. Polo tanto, temos ante nós un panorama que require que traballemos no sentido de fortalecer moito máis o noso movemento sindical. Dese xeito, a medida que o poder económico acumula e concentra cada vez máis o poder en poucas mans, nós tamén temos que ir cada vez máis cara estruturas sindicais máis poderosas e ao mesmo tempo, máis áxiles e eficaces. Estruturas nas esteamos máis unidos, onde haxa máis solidariedade o cal non quere dicir que vaia acompañado dunha política sindical de cúpulas, senón contar cunha organización sindical que nos permita chegar con máis axilidade a todos os centros de traballo. Nós queremos facer un sindicato de traballadores e traballadoras. Queremos ter un sindicato altamente participativo. Optamos por ese modelo sindical hai moitos anos. Somos plenamente conscientes de que para nós sería máis cómodo ter un modelo sindical das características de CCOO e UGT, pero para que nos valería ese modelo sindical? Aspiramos a ser unha organización sindical liberadora para a clase traballadora e liberadora para a nosa nación e non unha forza sindical que se somete aos intereses do poder. Con esas características podería ser moi beneficioso economicamente para os seus dirixentes sindicais pero para a clase a que nós servir, que é a clase traballadora, desde logo non tería interese ningún. Neste sentido apostamos por un proxecto sindical diferente, un proxecto sindical que exixe moito máis sacrificio individual e colectivo pero estamos convencidos de que apostamos por un proxecto sindical que vale a pena. Parece que é importante que nós mesmos sexamos conscientes de que temos un proxecto sindical cunha implantación moi importante en todo o país e en todos os sectores. Efectivamente sabemos que é unha implantación desigual, porque hai comarcas do país, fundamentalmente do interior que están máis debilitadas. Temos que corrixir eses desequilibrios internos e temos que ir cara unha organizacións sindical cunha enorme capacidade de influír nas relacións laborais en toda Galiza e estamos convencidos de que podemos acadalo. Hoxe existe unha grande unanimidade dentro da CIG a respecto do modelo sindical. Existen evidentemente discrepancias en moitos aspectos, algo completamente lóxico nunha organización plural como a nosa. Pero contamos cunha grande unanimidade canto ao modelo de central sindical e nese sentido temos que seguir a traballar e temos que dar pasos importantes, porque sinceramente creo que dependen de nós. Efectivamente a circunstancias laborais e políticas nas que nos movemos, para un modelo sindical como o noso non son doadas. Pero hai moitas cousas que podemos corrixir e mellorar en moitos aspectos se melloramos os nosos métodos de traballo e conseguimos unha maior participación dos traballadores e traballadoras e iso si depende exclusivamente de nós. Nese sentido, compañeiros e compañeiras temos un traballo moi importante que facer. Remato referíndome a dúas campañas que temos por diante. En realidade temos moitas campañas en marcha, pero as máis importantes son a campaña polo indulto, á que xa se fixo referencia aquí, ante esta sentenza tan abusiva e esta inxustiza que se está a cometer con tres compañeiros da CIG de Lugo. Xa no seu momento fixemos unha campaña denunciando o que significaba. Ao final, por parte da Audiencia Provincial de Lugo confirmouse de novo a sentenza aínda que no propio texto desta recoñecen que é abusiva e desproporcionada, ao igual que o recoñeceu o fiscal xefe. Todos recoñecen que é unha barbaridade pero os compañeiros poden ir á cadea. O cal demostra tamén que estamos nun estado de dereito pero que a lei non é igual para todos. Se se aplicaran os criterios que se aplicaron aos compañeiros de Lugo -supostamente por atentar contra o dereito ao traballo e por atentar contra un policía ao que lle tiraron dun brazo- e por iso lles impoñen penas de seis anos de cárcere e máis, imaxinade o que lle terían que facer aos empresarios que todos os días atentan contra os dereitos da clase traballadora. Os cárceres cheos. Nós estamos empeñados en parar esta agresión contra estes compañeiros, polo que significa para os tres, porque non podemos permitir que vaian á cadea, pero ademais porque somos conscientes de que non podemos permitir que o poder agreda deste xeito á clase traballadora e se saia coa súa. Nese sentido é unha campaña moi importante á que lle imos dar continuidade co convencemento de que imos conseguir que estes tres compañeiros non vaian á cadea. Tamén está a campaña da Constitución Europea á que tamén se fixo referencia. Eu quero facer unha chamada de atención no seguinte sentido: agora vai vir unha campaña enorme intentándonos convencer de que a única maneira de ser europeos é votando a esta Constitución. Temos que ser conscientes de que nada é neutral. Esa constitución europea estase facendo con presupostos do capital transnacional europeo, con presupostos do grandes estados europeos e en función dos seus intereses, non en función dos intereses nin das clases traballadoras, nin das nacións sen estado de Europa e isto exixe unha resposta clara e activa pola nosa parte. Non podemos quedar na casa o día da votación do referendo pensando que iso non vai con nós. Si vai con nós. Aí vai ter o capital unha arma moi importante para atacar as nosas reivindicacións e nos temos que irlle dicir que non. Evidentemente, aínda que nós digamos que non, a Constitución vaise aprobar o mesmo, pero non é igual que se aprobe cun importante apoio a que se aprobe sabendo que hai unha contestación social de rexeitamento ao que ese texto implica. Por iso hai que participar, coas ideas moi claras. Dicirlle non a Constitución non significa que deixemos de ser europeos, porque nacimos onde nacimos, e non nacimos en África, o que pasa é que hai moitas formas de concibir Europa e a que nós queremos non ten nada que ver coa que recolle esa Constitución. Estamos a piques de rematar a campaña de precariedade, no sentido de que estamos a piques de rematar o ano que lle adicamos especificamente ao tema. Pero é evidente que coa precariedade non rematamos. Segue sendo unha lacra fundamental e vai seguir presente diariamente na nosa actividade sindical. Estas son campañas para as que eu chamo á vosa participación e apoio porque nos vai moito en todas elas. Pola miña banda, só reiterar a miña felicitación aos compañeiros e compañeiras que leváchedes a cabo a unificación porque teño o firme convencemento de que vai ser enormemente beneficioso para a federación nova que creades pero tamén para a CIG no seu conxunto. Moitas gracias. |
|||||||||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/12/2004 |