ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 31 de decembro de 2004

A multinacional pretende trasladar a factoría a un país con man de obra máis barata
Ourense perderá arredor de mil cincocentos postos de traballo se pecha Valeo

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Clic para aumentar
O desmantelamento da planta de Valeo en Ourense ven fraguándose case desde que a multinacional adquire, no ano 2000, a fábrica de cableado que pertencía a Labauto (integrada no grupo Citroën). Daquela, a empresa contaba con máis de 700 traballadores dos que máis de 400 eran eventuais. No ano 2003 comezaron a rescindirse todos os contratos eventuais até quedar só cos 258 indefinidos. (Fotos: ©galizacig.com, Ourense 29/12/2004).
Clic para aumentar
 
Os traballadores de Valeo manifestáronse polas rúas de Compostela, o mércores 29 de decembro, para presionar á Xunta para que busque solucións ao peche da planta desta multinacional en Ourense, o que provocará a perda de máis de mil cincocetos postos de traballo.

O anuncio do peche da planta de Ourense da multinacional é a crónica dunha morte anunciada. Cando no ano 2003 comezaron a non renovar os contratos aos traballadores eventuais, a CIG advertiu que estaban levando a fábrica cara ao desmantelamento. A UGT, maioritaria no Comité de Empresa, considerou esta advertencia como “alarma infundada”, malia reducirse o cadro de persoal de máis de 700 traballadores a tan só 258 no prazo de pouco máis dun ano. Agora xa se presentou expediente de regulación de emprego para todo o cadro de persoal restante.

O desmantelamento da planta de Valeo en Ourense ven fraguándose case desde que a multinacional adquire, no ano 2000, a fábrica de cableado que pertencía a Labauto (integrada no grupo Citroën). Daquela, a empresa contaba con máis de 700 traballadores dos que máis de 400 eran eventuais. No ano 2003 comezaron a rescindirse todos os contratos eventuais até quedar só cos 258 indefinidos.

Carlos Vázquez, representante da CIG, lembra que “xa daquela denunciaramos que se estaba camiñando cara o peche da fábrica de Ourense. A UGT, maioritaria no Comité de Empresa, desoíu as advertencias afirmando que se trataba dunha alarma infundada. A denuncia tomou máis forza cando se puxeron á venda terreos das instalacións da fábrica, a pesar do que a UGT seguiu mantendo a mesma posición”.

A constatación de que estas rescisións de contratos se axustaban a un plan de desmantelamento perfectamente estruturado chegou co despedimento do director da fábrica. No proceso xudicial apareceron documentos onde figuraban prazos e formas de execución tanto da redución progresiva do cadro de persoal como da redución da produción até chegar ao peche definitivo.


Peche inxustificado

A CIG oponse frontalmente ao peche da empresa “porque está demostrado que é viábel”, sinala Carlos Vázquez, quen especifica que “dentro do plan de peche elaborado pola empresa a redución de persoal dirixiuse a reducir a produción e así provocar perdas que finalmente levaran ao peche por falta de viabilidade”.

Aínda así, a empresa segue sen presentar perdas malia a dirección ter presentado un estudo de produtividade que reflicte posíbeis perdas nos próximos anos, argumento co que xustifican o peche xa.


Alternativas

Neste momento, a historia de Valeo Ourense está xa na súa fase final. A alternativa que se lle ofreceu aos traballadores foi a de acollerse a plans de xubilación anticipada ou o cobro de indemnizacións. Solución que non foi aceptada porque non garante alternativas laborais para aqueles que non queiran acollerse a eses plans sociais.

Os traballadores intentan presionar as administracións públicas, nomeadamente a Xunta de Galiza para que se garantan alternativas laborais para aqueles que non queiran acollerse a eses plans sociais.

Emilio Varela, representante da sección sindical da CIG en Valeo sinala que “a empresa prantexou a xubilación anticipada para os maiores de 55 anos. Algúns, os máis vellos, vimos de Citroën e superamos os 50. O resto é xente máis nova, que é a que máis nos preocupa. Pensamos que se lles debe garantir un posto de traballo, porque en Ourense, coa escasa industrialización que hai, é moi difícil atopar traballo”.

A Xunta de Galiza limitouse a desmobilizar, anunciando supostas negociacións con diferentes empresas que poderían facerse cargo da fábrica e manter os postos de traballo, pero negándose en todo momento a dar nomes deses posíbeis compradores “para non frustrar as negociacións”.

O certo é que, polo momento non hai ningunha empresa que recoloque aos traballadores e que ademais dos 258 postos de traballo directos que se perden, máis os xa perdidos, están en xogo os das empresas auxiliares. “Nas empresas auxiliares hai entre 600 e 700 postos de traballo que están en xogo, se a estes engadimos os 700 que chegou a haber en Valeo, pérdense arredor de 1500 postos de traballo, unha barbaridade para unha provincia como Ourense, que ten un escasísimo tecido industrial” afirma Varela. Algunhas desas auxiliares xa presentaron expedientes de regulación de emprego, porque a multinacional retirou parte dos seus pedidos.

Desde a CIG responsabilízase tamén desta desmobilización á propia UGT, por ser a central sindical que conta coa maioría do Comité de Empresa e polo tanto, quen debería ter a responsabilidade para articular as medidas a levar adiante.

De fondo está o problema, cada vez máis grave, da deslocalización de empresas. Unha práctica que comeza a ser xeneralizada no modelo económico neoliberal, que promove e pon en práctica o traslado das plantas das multinacionais a países con man de obra máis barata para reducir custos e incrementar beneficios.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 31/12/2004
cig.informatica