ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 21 de xaneiro de 2005

CCOO e UGT consideran que non se dan condicións para reclamar
A CIG mobilízase en solitario pola reindustrialización de Ourense

Manifestación o venres 21 ás 11:30 desde o Pavillón de Deportes
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
A provincia de Ourense rexistra un nivel de paro que está tres puntos por riba da media estatal e, segundo os últimos datos oficiais da Xunta, ocupa o primeiro posto en canto a número de parados/as da nación. (Fotos: @galizacig.com 29/12/2004).
 
A Dirección Comarcal da CIG de Ourense acordou realizar unha campaña, co apoio nacional da Confederación, en defensa do emprego e pola industrialización da provincia, coa intención de reclamar das institucións políticas locais, nacionais e estatais un plano industrial que vaia acompañado dos investimentos necesarios para a creación de emprego e que este sexa estable e de calidade.

A provincia de Ourense rexistra un nivel de paro que está tres puntos por riba da media estatal e, segundo os últimos datos oficiais da Xunta, ocupa o primeiro posto en canto a número de parados/as da nación.

A situación vese agravada polo recente anuncio de peche definitivo da fábrica de Valeo que ocupa na actualidade a 258 traballadores/as. A este peche hai que sumarlle a perda de 50 postos de traballo da fábrica de Mobles Cordeiro, os peches das empresas da construcción Hermanos López e Construcciones Caride, os expedientes de regulación con extinción de contratos da fábrica de cerámica Galos en Ourense, Cedie no Barco e, anteriormente, o taller de Aixiña afectado pola crise de Valeo, o que ven a supoñer uns 500 postos de traballo menos na provincia nos últimos meses.

Estes casos concretos son unha parte máis do que pode pasar nun futuro próximo coa deslocalización de empresas e liberalización do sector do téxtil.


Posición de CCOO e UGT

Diante desta perspectiva, dende a CIG propuxémoslle a UGT e CCOO a realización desta campaña, sendo a súa resposta que nestes momentos “non se daban as condicións para elo” e poñendo por diante as súas prioridades de unidade de acción en cuestións de ámbito estatal.

A campaña iniciouse o 12 de xaneiro coa presentación en rolda de prensa e o comezo de reparto polas rúas de Ourense de 3.000 panfletos a través dos que denunciamos a situación e nos que facemos as reivindicacións das políticas necesarias para mudala. Así mesmo pretendemos abrir o debate na cidadanía sobre a problemática do emprego en Ourense e a necesidade de mobilizarse contra o paro. Ademais dos panfletos tamén se colocaron cartaces nos centros de traballo e nas rúas das localidades con presencia da CIG.

O final da campaña será unha manifestación de delegados e delegadas da CIG de toda Galiza, que se celebrará o día 21 de xaneiro ás 11:30 horas, co lema “EN DEFENSA DO EMPREGO EN OURENSE – INDUSTRIALIZACION” e nela participará o secretario xeral e membros da Executiva Confederal, o que significa unha clara reposta reivindicativa e solidaria da CIG coas comarcas que sofren as consecuencias negativas do paro, neste caso coa provincia de Ourense.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 21/01/2005
cig.informatica