|
Actualidade CIG-Comunicación-
Por primeira vez na historia dos FSMs houbo unha consulta previa aberta para establecer os eixes temáticos de discusión. Como consecuencia, este ano haberá 10 eixes temáticos no canto dos 5 ou 6 que eran habituais en anteriores edicións. O consello deberá decidir se continua con este método para sucesivas celebracións. Aumentan constantemente as voces que reclaman unha maior separación temporal entre os Foros. Un gran número de organizacións son partidarias de que os foros Mundiais se alternen cos continentais de tal modo que medie un espacio de dous anos entre foros homónimos. A decisión deberá ser aceptada pola totalidade dos implicados ou do contrario sería inaplicábel. Non é soamente un problema económico (viaxes, estancias, infraestructuras, loxística...) senón tamén a necesidade de concederse un prazo temporal que permita consolidar redes, iniciativas e traballos. Hai unha discusión de fondo: a voráxine actual pode levar a converter os Foros Sociais en espectáculos moi lonxe do seu cometido. É necesario máis traballo e reflexión e menos espectáculo. Lula definiu o FSM como a “feira das ideoloxías” referíndose ao seu cometido e amplitude; moitos concordan con esta expresión, pero na acepción negativa da palabra “feira”.
E no 2008? Aquí é onde está a grande e acalorada discusión entre partidarios e detractores de volver a Porto Alegre. A favor, os que consideran que o Foro debe quedar á marxe de conxunturas políticas locais. En contra, os que pensan que a cidade e o estado deron as costas ao Foro elixindo respectivamente para alcalde e gobernador, a candidatos que non son do PT. Porto Alegre e Río Grande do Sul eran o principal escaparate da xestión do Partido do Traballo; a dupla derrota é cualificada por moitos militantes como unha traizón que non debe ser pasada por alto. Pero sobre as verdadeiras causas de ambas as dúas derrotas non parece haber moita intención de reflectir criticamente. Tanto o alcalde de Porto Alegre como o gobernador do Estado de Río Grande do Sul están invitados a presentar as súas opinións na reunión do Consello. E os dous, contrariamente ao expresado en algún momento, apoian a continuidade en Porto Alegre. O montante do gasto que farán os asistentes ao Foro, cifrado en 40 millóns de euros, puxeron en pé de guerra aos sectores máis beneficiados (comercio, hostalería, ocio, transporte) logrando que alcalde e gobernador dean marcha atrás nas súas intencións. Nada hai decidido: nin sequera está totalmente garantido o bienio africano. Mañá haberá declaración oficial pero xa hai quen di que algunhas decisións van ser adiadas. |
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 26/01/2005 |