|
Actualidade CIG-Comunicación-
De seguido reproducimos as intervencións de Suso Seixo, secretario xeral da CIG, e de Carlos Vázquez, membro da Dirección Comarcal da CIG en Ourense, ao remate do acto.
Bos días compañeiros e compañeiras, en nome da dirección da CIG quero agradecervos a todos e a todas os aquí presentes, a vosa participación nesta mobilización convocada pola nosa central sindical. De forma moi especial a aqueles delegados e delegadas que se desprazaron hoxe aquí desde diferentes puntos de Galiza, para solidarizarse cunha comarca que está a padecer graves problemas, a consecuencia da perda de centos de postos de traballo. Unha comarca na que hoxe está afectada de forma moi directa, unha empresa que se chama Valeo, as compañías auxiliares, pero que non é a única, porque tamén en outras moitas empresas que, se cadra non saen tanto nos medios de comunicación, están sufrindo a perda de postos de traballo. Desde a CIG a este tipo de actos de solidariedade dámoslles unha grande importancia. O principio de solidariedade figura nos Estatutos de case todas as organizacións sindicais, pero por desgraza hai moi poucas que o practiquen. Para nós, porén, é un principio fundamental que queremos pór en práctica, mobilizándonos alí onde calquera traballador galego ou galega ten necesidade do noso apoio. Os problemas dos traballadores son os problemas de toda a clase traballadora galega, porque obedecen todos a directrices que parten dun modelo económico e social que non é o que a clase traballadora galega necesita. O exemplo de Valeo e doutras moitas empresas reflicte precisamente iso. Aquí estase a presentar un modelo económico baseado na competitividade, onde o único que interesa son os beneficios do capital pero que nin se preocupan nin se interesa polo factor humano; polos problemas das traballadoras/es que teñen que sufrir as consecuencias da perda deses postos de traballo. Este modelo económico da competetividade que se pretende conseguir, fundamentalmente pola vía da precarización das condicións de traballo, pola vía dos salarios baixos, é un modelo económico que a quen interesa fundamentalmente é ás multinacionais que son as que poden mover os seus investimentos para aquelas partes do mundo onde as condicións de traballo son máis precarias e onde poden obter unha maior marxe de beneficios.
Disto, efectivamente, son responsábeis os donos das empresas, os empresarios que aplican a fórmula da deslocalización. Pero hai tamén responsabilidades políticas dunha Xunta de Galiza que é incapaz de asumir a súa responsabilidade, que é a defensa dos intereses de todos os traballadores e todas as traballadoras galegas. Non se pon diante a hora de reivindicar e defender sectores produtivos galegos nos que si que realmente é posíbel que sexamos competitivos; cando desde Europea se marcan directrices que van en prexuízo precisamente deses sectores produtivos, que limitan a nosa produción e que obrigan a que teñamos que pechar. É o caso dos nosos estaleiros, como está a pasar agora en Ferrol, cunha nova reconversión. Estaleiros que eran, son e poden seguir a ser altamente competitivos ou que están a orixinar que todos os anos no noso agro se pechen miles de explotacións e teña que quedar xente no paro. Esa Xunta de Galiza, que manexa moitos miles de millóns en función de políticas totalmente clientelares e caciquís pero que non pensa nos intereses de Galiza, ten a responsabilidade en todo esto que estamos a denunciar hoxe aquí. Como a mellor maneira de ver as cousas é na práctica, é mellor dicir que este modelo económico que non garante o dereito ao traballo, este modelo económico que posibilita a precarización, os peches de empresas, que posibilita que os nosos sectores produtivos non sexan competitivos non só o defende a Xunta de Galiza. Tamén o defende o goberno español, e tamén se defende na UE. E nós desde aquí queremos denunciar que da Constitución Europea, da que se está facendo tanta campaña nos medios de comunicación, non se explica realmente o que representa para os traballadores e traballadoras, porque avala, defende e xustifica este modelo económico e social, que posibilita o peche de empresas e que non se garanta un dereito tan importante como é o dereito ao traballo. Por iso na CIG dicimos NON e imos dicir NON nese referendo do 20 de febreiro. Remato manifestando aos traballadores e traballadoras de Valeo e a todos e todas os de Ourense que neste momento están a sufrir o posíbel peche da súa empresa e a perda do seu posto de traballo que a CIG está ao voso lado para todo o que necesitedes. A vós correspóndevos nas vosas asembleas decidir as medidas que hai que adoptar para defender o voso posto de traballo e tede a total e absoluta garantía de que a CIG estará ao voso lado.
Compañeiras e compañeiros: En primeiro lugar, dende a Dirección Comarcal da CIG de Ourense querémosvos transmitir o noso agradecemento pola solidariedade demostrada coa vosa presencia nesta manifestación que nos permite trasladar a toda Galiza e a cidadanía de Ourense a nosa preocupación pola situación que atravesa esta provincia no ámbito socio-laboral. Os acontecementos surxidos nos últimos meses co anuncio do peche de VALEO, os peches de MOBLES CORDEIRO, CONSTRUCCIONS CARIDE e CONSTRUCCIONS HNOS. LOPEZ e os expedientes de regulación con extinción de contratos de AIXIÑA, GALOS, e CEDIE son os motivos polos que a nosa central sindical viu a necesidade de dar unha resposta sindical para denunciar esta realidade e reivindicar a industrialización da provincia e, deste xeito, correxir a grave situación na que queda trala destrucción de tantos postos de traballo. A cidadanía debe saber que a CIG se dirixiu ás centrais sindicais UGT e CCOO para dar unha resposta conxunta, ao que non accederon por antepoñer criterios sindicais dirixidos dende Madrid aos problemas da clase traballadora na provincia de Ourense. Esta é a proba da necesidade de ter organizacións propias que defendan os nosos intereses sin ningún tipo de subordinación. Ourense padece unha situación endémica, dende hai moitos anos, en canto á creación de postos de traballo pola falta de industrias. Desta situación responsabilizamos ao PP e ao PSOE como sustentadores dos governos da provincia (Deputación), Galiza (Xunta) e estatal, que teñen a capacidade para facer a política de investimentos necesaria para mudala. No caso da Deputación non hai que esquecer o fracaso do plano estratéxico que morreu nada máis nacer pola falta de coraxe político do PP ourensán para reivindicar os cartos necesarios para a súa posta en marcha. O ano 2004 rematou cun rexistro de 18.300 parados ou paradas no INEM, cifra que se vai a incrementar proximamente cando entren nas estadísticas os traballadores e traballadoras das empresas antes referenciadas e das dependentes delas a través de subcontratas. (Neste senso, facemos un aparte para mostrar a nosa solidariedade coas traballadoras e traballadores da cooperativa XANELA que nestes días están reivindicando unha solución para a súa continuidade unha vez que VALEO deixe de proporcionarlle carga de traballo). O paro non é só un problema económico para quen o sufre. O paro é ademáis un problema social que provoca máis precariedade laboral, despoboamento e emigración. Para combatilo a sociedade ten que mobilizarse e neste senso a CIG expresa a vontade de manter no tempo esta campaña en defensa do emprego e pola industrialización de Ourense, deixando aberta a porta á participación de quenes coincidan coas nosas reivindicacións. Hai que ter en conta, e xa remato, que a deslocalización pode continuar no sector da industria do téxtil, sector moi importante dentro do tecido industrial da provincia e no que xa se teñen destruído moitos postos de traballo polos efectos da globalizadores da economía. Un saúdo a todas e todos e, novamente, gracias pola vosa participación neste acto. |
|||||||||||||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 28/01/2005 |