|
Actualidade / Opinión
Santiago, 14 de xaneiro de 2005
DESDE
O VENTRE
DA BALEA
Euscadi: o problema non era a violencia
O “Estatuto Político da Comunidade de Euscadi”,
máis coñecido como “Plan Ibarretxe”, non é senón unha proposta (polo tanto, aberta
á discusión) dunha nova relación de Euscadi co Estado, baseada no que se pode denominar a
‘soberanía compartida’. E, hoxe por hoxe, conta coa lexitimidade do propio Parlamento vasco, isto é,
da maioría parlamentaria dunha cámara lexislativa que -que se saiba- conta con todos os avais da
democracia representativa en que vivimos.
| |
 |
| É un bo momento para lle facer a proba
do algodón á democracia do Estado español, non vaia ser que os autotitulados democrátas
-por obra e graza dunha Constitución con demasiadas sombras-, se revelen agora no seu espírito máis
autoritario e anti-democrático. Porque senón, a conto de que vén que a última das reunións
do chamado “Pacto Anti-terrorista” (como se sabe, un acordo acoutado só a PSOE e PP, que persegue uns estraños
obxectivos máis alá da resposta institucional á violencia terrorista) estivese centrada na
análise do “Plan Ibarretxe”? |
| |
A decisión da maioría do Parlamento
vasco de dotar dun novo Estatuto a Euscadi, na procura dun ámbito propio de decisión, é un
exercicio de soberanía, que acaba de facer abanear os alicerces da actual configuración do Estado
español.
Ou iso parece, dadas as múltiples reaccións
que desde as propias estruturas do Estado se veñen producindo nos últimos días, comezando
polos partidos de ámbito estatal (nomeadamente, PSOE e PP), seguindo por exemplo pola Conferencia Episcopal
ou continuando, como era de esperar, pola case totalidade dos medios de comunicación. Reaccións todas,
máis alá da súa intensidade, marcadas pola intolerancia, cando non polo fanatismo españolista.
O “Estatuto Político da Comunidade de Euscadi”,
máis coñecido como “Plan Ibarretxe”, non é senón unha proposta (polo tanto, aberta
á discusión) dunha nova relación de Euscadi co Estado, baseada no que se pode denominar a
‘soberanía compartida’. E, hoxe por hoxe, conta coa lexitimidade do propio Parlamento vasco, isto é,
da maioría parlamentaria dunha cámara lexislativa que -que se saiba- conta con todos os avais da
democracia representativa en que vivimos.
Por se esta lexitimidade non fose suficiente,
é intención desa maioría do Parlamento vasco de someter o novo Estatuto ao escrutinio dos
cidadáns e cidadás, a través dunha consulta ou referendo, algo que en democracia se debe agradecer
e que paradoxalmente non resulta nada habitual.
En consonancia co dito, penso que este é
un bo momento para lle facer a proba do algodón á democracia do Estado español, non vaia ser
que os autotitulados democrátas -por obra e graza dunha Constitución con demasiadas sombras-, se
revelen agora no seu espírito máis autoritario e anti-democrático. Porque senón, a
conto de que vén que a última das reunións do chamado “Pacto Anti-terrorista” (como se sabe,
un acordo acoutado só a PSOE e PP, que persegue uns estraños obxectivos máis alá da
resposta institucional á violencia terrorista) estivese centrada na análise do “Plan Ibarretxe”?
A resposta a esta pregunta, máis retórica
que outra cousa, dá en que por fin a realidade das cousas emerxe con clareza no referido ao ‘contencioso’
vasco. Agora que parece que se fai diáfana a posibilidade dun adeus ás armas en Euscadi, o que se
deixa transparentar é o que se viña repetindo desde os poderes do Estado, de que o problema era a
violencia, en realidade era unha falacia, algo que por certo xa quedara patente cando se asinara o “Pacto de Lizarra”
entre as forzas políticas e sociais representativas da maioría social vasca.
As continuas invocacións das forzas españolistas
ao artigo 155 da Constitución española, ou sexa, a suspensión da autonomía vasca, non
son máis que o reflexo da ideoloxía máis centralista e reaccionaria que aínda está
vixente no Estado español. E mentres a profundación na democracia vai por un lado (consulta popular
para o novo Estatuto vasco), eles van polo contrario (negación dos dereitos políticos da nación
e do pobo vasco).
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2005.
Rafa Villar é escritor e responsábel
do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
|