Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 28 de xaneiro de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
Iraq unha vez máis

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Máis alá da contraditoria avaliación -hoxe máis que superada- do que supuña o Iraq do partido Baas e de Saddam, o que resulta innegábel é hoxe por hoxe o pobo iraquí na súa gran maioría condena, cando non combate, a guerra e a ocupación do seu país. Cóntanse por millares os homes e mulleres que forman parte xa dese “exército nas sombras” que loita contra o invasor, mesmo até a inmolación persoal.



  Clic para aumentar
En escasos días terá lugar en Iraq a farsa electoral argallada polo imperialismo norteamericano e os seus lacaios. Entre mentres, a resistencia iraquí segue a gañar en capacidade militar, en efectivos e en extensión.
 
En escasos días terá lugar en Iraq a farsa electoral argallada polo imperialismo norteamericano e os seus lacaios. Entre mentres, a resistencia iraquí segue a gañar en capacidade militar, en efectivos e en extensión. Unha resistencia que, malia a enfrontarse á que é se cadra a maquinaria guerreira con maior capacidade de matar da historia da humanidade, está a dar toda unha lección de dignidade, dobregando as forzas invasoras día si, día tamén.

A súa é tamén unha lección para o resto dos pobos e nacións do mundo, que contemplan como o poderío norteamericando sucumbe ante a exemplar resposta do pobo de Iraq. A resistencia iraquí non é senón os restos que emerxen dun país arrasado e espoliado, país que aos ollos do imperio significaba unha illa insubmisa aos interes do capital e dos seus gardiáns.

Así, resulta patético ver como boa parte da prensa occidental (ao servizo dos intereses do capital e do imperio) se esforza en cualificar de ‘terroristas’ o que son simples actos de resistencia á ocupación.

E resulta aínda máis patético cando todo isto coincide coa conmemoración do 60 aniversario da liberación polas tropas do Exército Vermello do campo de exterminio de Auschwitz, onde o xermolo de imperio nazi gaseou e aniquilou a millares e millares de persoas.

Algún día a Historia, máis cedo que tarde, deberíanos dar o gusto de poder ver como son xulgados como ‘criminais de guerra’ individuos como o presidente dos Estados Unidos, George Bush. Ese día a humanidade podería durmir coa consciencia un pouco máis tranquila.


Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 28/01/2005