|
Actualidade / Opinión Rafa Villar-
No pouco tempo de existencia do Foro, e malia iso, xa se converteu en referencia inescusábel de moitas das organizacións, movementos, colectivos e persoas que, a nivel planetario, loitan e traballan pola transformación social, aínda que ben é certo que desde postulados e visións ben diferentes. De feito, un dos debates que se dá no Foro repetidamente, e que xera máis controversia, é o da(s) alternativa(s) á globalización neoliberal. Por suposto, as coincidencias son xa maiores ao facer avaliación do actual estado de cousas en que vivimos, no medio dun abafante capitalismo, sistema que uns pretenden reformar e outros superar, sempre no camiño dunha sociedade máis xusta e máis igualitaria. E aí entre a reforma e a revolución -como case sempre na historia dos movementos emancipatorios- o Foro Social Mundial amosa as caras e as cruces dos que aspiramos a cambiar o mundo; tamén o nacionalismo galego, que leva participando desde a primeira convocatoria deste encontro, oferecendo a súa experiencia política e de traballo social e coñecendo de primeira man outras moitas que en toda parte se dan. O Foro Social Mundial, ademais, ten a virtude de situar as respostas á actual fase do desenvolvemento capitalista e ao imperialismo (chamado ‘neoimperialismo’ por algúns) como respostas globais e asemade locais, reorientando como valor transformador a solidariedade entre pobos pero incidindo na importancia das loitas máis localizadas ou sectoriais. Algo que en certos momentos históricos non sempre se acabou de entender como principal, aínda que hoxe en día case ninguén pon xa en cuestión. Sería ben, e digo isto como un desexo, que o Foro Social Mundial seguise aprofundando nas necesarias respostas á dominación imperial, máis agudizada aínda nestes últimos tempos de barbarie capitalista. Porque do que non se pode dubidar é da necesidade de erguer un poderoso polo anti-imperialista a escala mundial, conformado xa non só por organizacións, movementos, colectivos ou persoas, senón tamén por gobernos populares (Cuba, Venezuela, Brasil, Arxentina, Uruguai... e outros). Polo tanto, urxe un proceso de acumulación de forzas (de forzas que representen os intereses dos pobos e as clases populares) que poida frear a actual deriva da globalización neoliberal e encarreire o futuro da humanidade cara a outros lugares, onde a xustiza social, a solidariedade ou a paz sexan os valores dominantes. Para esa construción, alternativa ao capitalismo imperante e ás súas expresións, espazos como o Foro Social Mundial de Porto Alegre poden chegar a xogar un papel determinante, sempre e cando orienten obxectivos con maior amplitude e radicalidade, xa que as exixencias que temos diante non son menores. Sen ir máis lonxe, no noso contexto, a creación dunha superestrutura chamada Unión Europea, que agora se dota dunha Constitución propia, e a tímida resposta dada ao que significa iso -cun percorrido inamovíbel de varias décadas-, é un exemplo claro de que aínda nos falta moito camiño por andar. Sobre todo, cando ademais desde certa ‘esquerda’ non se chegou a unha clarificación sobre o significado real do que supón a Unión Europea. Non son estes bos tempos para a humanidade. Sabémolo. Pero non se pode esquecer que somos moitos e moitas os que no mundo, neste mundo, estamos a reclamar outro mundo. Porque é necesario e porque é posíbel, e haberá que o facer viábel.
|
|||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 21/01/2005
|