|
Actualidade / Opinión
Santiago, 7 de xaneiro de 2005
DESDE
O VENTRE
DA BALEA
Referendo da Constitución Europea:
Non, eu digo non, digamos non
Votar a prol da actual Constitución Europea
é un SI á Europa que esfarela canto resto vai quedando dos servizos públicos, que camiña
cara á súa privatización total, en congruencia cos seus designios neoliberais, e que aniquila
como dereito o dereito ao traballo -e outros-.
| |
 |
| SI á Europa que renuncia a un patrimonio
tal como a lingua en que se escribiron as ‘cantigas de amigo’ hai uns setecentos anos, o idioma que ecoou nos ouvidos
de millares e millares de xentes de toda condición e nación que seguiron o Camiño de Santiago
e chegaron a Compostela, cerna dunha nación sempre nacente. Así, sen remorso ningún, nin dor
de corazón, nin vergoña, nin timidez, nin complexos, nin farrapos de gaita, eu, a esta Europa antipática,
construída á imaxe e semellanza do imperio dos imperios, dígolle que NON. |
| |
A decisión está tomada. As elites do
Estado español xa decidiron hai ben tempo dar o seu decidido SI ao Tratado constitucional europeo, que someterán
a referendo ‘gañador’ dentro dunhas semanas. Xentes maiormente desinformadas, cidadáns e cidadás
tratados como súbditos, que repetirán o SI como consigna, non porque realmente saiban o que está
en discusión. O que está en xogo.
SI á Europa máis depredadora. Á
dos poderosos. Á do capital transnacional. Á da tríade imperialista, con Estados Unidos e
Xapón, como nos lembra acotío un marxista convicto chamado Samir Amin -e outros-.
SI á Europa guerreirista, ‘otánica’,
que abenzoa guerras e conquistas, que perdoa ou comparte que o sionismo de Israel practique o exterminio dun pobo
sen dereitos e xa apenas sen terra -o palestino- e que é cómplice da desfeita de Iraq, ese Vietnam
que estoura un e outro día.
SI á Europa consumista e dos mercadores
e as mercadorías, onde a vida dun magrebí, dun subsahariano, dun latinoamericano, non vale ou case
nada que non é o mesmo pero é igual.
SI á Europa que esfarela canto resto vai
quedando dos servizos públicos, que camiña cara á súa privatización total, en
congruencia cos seus designios neoliberais, e que aniquila como dereito o dereito ao traballo -e outros-.
SI á Europa que nos nega, que nos marxina,
que fai de Galiza un decorado de cartón-pedra, só real para que a queira imaxinar mais invisíbel
para o resto, para o resto do Estado español (que nos amarra máis) e para o resto desta súa
Europa feita só de Estados.
SI á Europa que renuncia a un patrimonio
tal como a lingua en que se escribiron as ‘cantigas de amigo’ hai uns setecentos anos, o idioma que ecoou nos ouvidos
de millares e millares de xentes de toda condición e nación que seguiron o Camiño de Santiago
e chegaron a Compostela, cerna dunha nación sempre nacente.
Así, sen remorso ningún, nin dor
de corazón, nin vergoña, nin timidez, nin complexos, nin farrapos de gaita, eu, a esta Europa antipática,
construída á imaxe e semellanza do imperio dos imperios, dígolle que NON.
Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2005.
Rafa Villar é escritor e responsábel
do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.
|