ActualidadeVolver a Actualidade


Ourense, 22 de xaneiro de 2005

A multinacional planificou o peche e provocou un escenario de futuras perdas para xustificalo
Valeo pecha a planta en Ourense para producir en países que garantan máis beneficios empresariais

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


Menores custos, lexislacións menos estritas,
máis flexibilidade laboral = deslocalización

  Clic para aumentar
Clic para aumentar
Para garantir o incremento constante de beneficios, Valeo pecha agora a planta de Ourense, como fixo antes con outras do Estado español. A dinámica dos últimos anos non agoira un futuro mellor para a planta de O Porriño. (Fotos da manifestación En defensa do emprego e pola industrialización de Ourense”, @galizacig.com 21/01/2005).
 
Para garantir o incremento constante de beneficios, as multinacionais trasladan os seus centros de traballo a países que garantan menores custos económicos, con lexislacións menos estritas e condicións de traballo máis flexíbeis, que permitan menos gastos en seguridade e maior xornada laboral. Por iso, Valeo pecha agora a planta de Ourense, como fixo antes con outras do Estado español. A dinámica dos últimos anos non agoira un futuro mellor para a planta de O Porriño.

No ano 2003 Valeo gabábase de ter incrementado os seus beneficios un 50% grazas á racionalidade das súas políticas empresariais, que a levaran a pechar 142 das súas plantas en xuño de 2002 e 130 un ano despois. No Estado español Valeo xa ten pechado os centros de Abrera e Sant Esteve, en Barcelona e o de Alcalá de Henares e presentou Expedientes de Regulación de Emprego en Olessa, tamén en Barcelona e Villaverde, en Madrid.

O peche da planta de Ourense é un obstáculo menos para seguir na liña planificada de progresiva deslocalización. Os lugares aos que está trasladando a súa produción, iso si, sen perder os mercados locais conseguidos previamente, son Polonia, Marrocos e Túnez. Para unha multinacional destas características o de menos son os custos sociais que poida ter a súa política empresarial. O único importante son os beneficios que xerará a explotación da man de obra conseguida nos países nos que instala as súas novas plantas. É a globalización neoliberal, é a globalización da miseria.



O documento suxire que UGT e CCOO pactaron o peche en plantas como a de Abrera
A multinacional Valeo planificou o peche e provocou un escenario de futuras perdas para xustificalo

  Clic para aumentar
Clic para aumentar
Con data de 20 de novembro de 2003 presentábase unha proposta á dirección da multinacional francesa, na que se planificaba o peche da planta de Valeo en Ourense. (...) O máis escandaloso de todo o procedemento é o recoñecemento de pagamentos aos sindicalistas. (...) Mesmo sinala unha relación especial con UGT, lembrando o proceso de peche da planta de Valeo en Abrera (Barcelona). (...) Para Valeo, a CIG merece unicamente o apelativo de “sindicato rexionalista máis extremista”. (Fotos da manifestación En defensa do emprego e pola industrialización de Ourense”, @galizacig.com 21/01/2005).
 
Con data de 20 de novembro de 2003 presentábase unha proposta á dirección da multinacional francesa, na que se planificaba o peche da planta de Valeo en Ourense. O informe prevé tres posíbeis escenarios para ir recortando o cadro de persoal, reducir a produtividade para xustificar o cese da actividade, os trámites sociais e políticos, o trato cos medios de comunicación locais e mesmo o pagamento de “cheques” aos sindicatos máis susceptíbeis de aceptar este método persuasivo para asinar un acordo en “off”.

Valeo barallaba tres posíbeis escenarios para aplicar o seu “Plan Social”. Todos levan ao mesmo punto, o peche definitivo das instalacións da multinacional en Ourense e a progresiva diminución de traballadores en Porriño. Unha previsión que fai supor o perigo que corre esta planta pontevedresa a curto prazo.


Guión 1

No primeiro guión, fase 1, ano 2003, Valeo prevé seguir coa diminución de man de obra directa en Ourense coa “meta” de eliminar 30 traballadores entre xullo e decembro de 2003. Ademais, inclúe a diminución de efectivos de man de obra indirecta tanto en Ourense como en O Porriño, reducindo no mesmo período un total de 21 traballadores.

Na fase 2, a comezar en xaneiro de 2004, proponse que un número inferior a 30 persoas de man de obra directa -para evitar ter que presentar oficialmente un plan social- se acollan ao traslado incentivado de Ourense a O Porriño.

Na fase 3, xa se recolle o “inicio do procedemento do plan social” cuxa “meta” é o reagrupamento de ambas as instalacións de O Porriño. Para aplicar ese plan social hai tres medidas propostas: unha sería o traslado de Ourense a O Porriño de 20 persoas de man de obra directa, que representaría para Valeo, entre esta e as fases anteriores un “excedente de 45 contratos de duración indeterminada de man de obra directa en O Porriño, é dicir, 147 en total”; a segunda consistiría en aplicar “ceses por despedimentos colectivos para man de obra directa en Ourense en dúas etapas, 50 persoas en outubro de 2004 e outras 50 en decembro do mesmo ano”; a terceira implicaría a presentación de propostas de ceses voluntarios incentivados para man de obra directa en O Porriño.


Guión 2

O guión 2, elaborado polo departamento de Recursos Humanos de Valeo, propón un escenario no que se considera que a diminución por pequenas partes “é unha boa idea e debe ocupar un lugar preponderante”.

Este plan ten en conta as repercusións sociais e a visibilidade externa que tería para a multinacional e recolle textualmente que “o recente historial da instalación implicará obrigatoriamente que sindicatos e asalariados queiran saber até onde queremos chegar. Ocorrerá o mesmo coas institucións locais e a prensa local que seguirán esta dirección”.

O departamento de Recursos Humanos fai esta previsión tendo en conta que o efectivo global de ambas instalacións -Ourense e O Porriño- diminuíu en 582 persoas (-48%) dun total de 1.119 en 2,5 anos (xullo 2001 - decembro 2003). “Isto queda moi claro”, di o documento, “sobre todo para Ourense que pasa de 627 persoas a 243 (-60%)”.

A multinacional resta importancia á situación de O Porriño, porque “a diminución de efectivos foi xustificada polas fluctuacións do mercado, sen provocar maiores preocupacións”. Porén, en Ourense xa albiscan un panorama máis complicado porque “a sucesión de acontecementos amplificou e segue amplificando os rumores de peche das instalacións”.

Así lembran que entre o ano 2001 e o 2002 xa suprimiron a 300 traballadores con contratos de duración determinada “mediante o traslado da actividade de fabricación a Marrocos e da actividade de montaxe aos subcontratistas”.

Nesta fase do plan industrial -ou sexa, do plan de peche- a previsión de traslado de traballadores de Ourense a O Porriño prevén facela sen ter que falar por iso de plan social. En todo caso, teñen en conta que “isto ten poucas posibilidades de resistir fronte a sindicatos ou á administración laboral que pensará que lle ocultamos algo, aínda cando nunca se cuestiona a validez xurídica dun plan se se discute previamente todo con ambos interlocutores”.

Valeo analiza este posíbel panorama como un contratempo, xa que de verse obrigada a reconverter esta proposta nun plan social para efectuar os traslados previstos “obrigaríanos a descubrirnos nun momento no que non estamos preparados para iso”.


Guión 3

Prevé, entre xullo de 2003 e marzo de 2004, continuar coa diminución de efectivos de man de obra directa en Ourense e de man de obra indirecta tanto en Ourense como en O Porriño, respectando os límites legais, é dicir, reducir 30 persoas por períodos de 3 meses.

Entre marzo e xullo de 2004, este guión propón o anuncio do reagrupamento das plantas de Ourense e O Porriño, co traslado de 30 traballadores directos con contrato de duración indeterminada de Ourense a O Porriño, despedimentos por causas económicas de 112 traballadores con contrato de duración indeterminada da planta ourensá e o finiquito por despedimento por causas económicas de man de obra indirecta.

Para O Porriño, a previsión era, tamén para ese período, reducir o número de contratos de duración determinada de O Porriño ao realizarse as altas e proposta de ceses incentivados para os traballadores indirectos con contrato de duración indeterminada con funcións repetidas coas persoas seleccionadas en Ourense para facerse cargo do conxunto.


Planificación para aplicación dos posíbeis guións de peche

A multinacional coida até os últimos detalles para aplicar os seus plan de peche da pranta de Ourense. Establece seis fases diferentes que inclúen desde a preparación da documentación legal, até a negociación en “off” cos sindicatos e as autoridades “locais” e as fórmulas de neutralización tanto destes como da prensa.

A primeira fase sería a da preparación da documentación legal. A segunda, moito máis rechamante inclúe a negociación do plan ao 100% en “off” cos sindicatos “a nivel rexional” tendo en conta quen controla os comités de empresa e que “os intereses dos sindicatos e dos asalariados de ambas instalacións son moi diferentes”.

De chegar a un acordo cos sindicatos, Valeo non prevé problema algún coa Administración laboral. Caso contrario, ten en conta que esta desenvolverá unha función de “mediador”, algo que non lle interesa en absoluto á multinacional, porque implicará “negociar 2 contra 1”.

O máis importante para a empresa é que “todo se xoga en off, antes de levar a cabo o procedemento legal. Este off realizarase ao mesmo tempo coa Administración laboral rexional -que convenceremos mediante a presentación de medidas en beneficio do reemprego local- e cos sindicatos”.

O máis escandaloso de todo o procedemento é o recoñecemento de pagamentos aos sindicalistas. “O noso avogado sinálanos que se adoita entregar unha bonificación aos principais sindicalistas polo feito de que grazas as súas intervencións evitan que teñamos que pagar avogados durante anos por denuncia xudicial do plan”.

Esta parte do documento remata exculpando á empresa, porque di que un asunto destas características tería que ser tratado ao máis alto nivel, porque “esta medida non se adapta ao código ético do Grupo”. Sen embargo, nos cadros de planificación global si aparece recollido o custe que suporían os “cheques” para os sindicatos. Mesmo sinala unha relación especial con UGT, lembrando o proceso de peche da planta de Valeo en Abrera (Barcelona). Tanto durante este proceso de peche como no da planta de Valeo de Sant Esteve de Sesrovires, a CGT denunciou trato de favor e escuras negociacións con estas organizacións sindicais. Para Valeo, a CIG merece unicamente o apelativo de “sindicato rexionalista máis extremista”.


Conclusións do informe realizado por CIG-Metal sobre a situación económico-financieira de Valeo

  Clic para aumentar
A empresa Valeo ten unha situación financeira moi boa, non se prevén nin a medio nin a longo prazo problemas de pagos, suspensión de pagos ou creba. (...) Tan só no exercicio 2003 repartíronse máis de 13 millóns en dividendos, cando por outra banda, xa se estaba preparando o peche da empresa. (Foto da manifestación En defensa do emprego e pola industrialización de Ourense”, @galizacig.com 21/01/2005).
 
A Federación do Metal da CIG, logo de realizar un estudo exhaustivo da situación económica da empresa Valeo, conclúe que esta non xustifica en absoluto a presentación de ningún expediente de regulación de emprego.

1. É unha empresa con beneficios, que até o ano 2003 presentaba unha rendibilidade moi alta, moi por riba da media, que se deteriorou moito no ano 2003. Este deterioro dos resultados tan só é xerado pola actividade da empresa nunha parte moi cativa, xa que a maior parte dos resultados negativos son extraordinarios.

Sen estes resultados extraordinarios, a empresa estaría cuns beneficios moi similares aos acadados no exercicio anterior, polo que as rendibilidades aínda serían maiores que en 2002.

Os resultados extraordinarios non se deben ter en conta para a xustificación dun Expediente de Regulación de Emprego (ERE), xa que como a propia palabra di, son extraordinarios, só se producen unha vez e non afectan á actividade da empresa. O caso extremo sería que estes gastos foron xerados por expedientes de regulación anteriores, co que nos atopariamos que as indemnizacións a uns compañeiros xustificarían un novo expediente.

2. Todo indica que o intento de peche desta empresa é premeditado, xa que a pesar da alta rendibilidade que tiña non fixo ningún investindo nos últimos anos. Tal e como se desprende do balance, os bens están altamente amortizados, o cal significa que hai moitos anos que non se renova o equipo, polo tanto hai un claro desinvestimento, cando ao mesmo tempo a empresa está repartindo dividendos.

Tan só no exercicio 2003 repartíronse máis de 13 millóns en dividendos, cando por outra banda, xa se estaba preparando o peche da empresa.

3. A empresa ten unha situación financeira moi boa, non se prevén nin a medio nin a longo prazo problemas de pagos, suspensión de pagos ou creba.

4. As fortes relacións que existen entre o grupo de empresas tamén poden agochar a situación real da empresa. No último ano descende todo o circulante da empresa, agás o que son as relacións entre empresas do grupo que nalgún caso mesmo se incrementan, o que pode agochar unha situación mellor.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 22/01/2005
cig.informatica