ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 24 de febreiro de 2005

10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega
Na defensa dos dereitos sociolaborais

 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega. En defensa das liberdades sociolaborais! Cartaz da campaña. (©galizacig.com).
 
As protestas dos operarios da Bazán, exixindo un convenio de factoría en oposición ao que había de ámbito estatal, foron o xermolo do conflito que o Goberno quixo rematar cun peche patronal e á represión policial que deixou dous mortos, Daniel e Amador, e ducias de feridos o 10 de marzo de 1972 en Ferrol.

Das folgas que paralizaron Ferrol e Vigo e outras cidades e vilas galegas ese ano, a clase obreira galega pode facer moitas reflexións e tirar algunhas ensinanzas importantes. Como esquecer a represión da ditadura franquista; a colaboración do sindicalismo vertical co poder; a negación dos máis elementais dereitos, como de folga ou expresión política, das reclamacións laborais, da cultura e lingua propia. Foron aqueles intres de tensión, e as inquedanzas e ilusións mantidas por unha minoría as que progresivamente inzaron nos corazóns da maioría do pobo, até converterse nun berro masivo polo cambio.

A final de 1972, despois da dura represión en Ferrol e Vigo, das ducias de detidos, das multas gobernativas e procesos diante dos Tribunais da Orde Pública (TOP), dos centos e centos de despedidos, moitos pensaron que o movemento obreiro galego, vértice da oposición democrática e nacional, estaba liquidado. Os acontecementos políticos dos dous anos próximos pareceron confirmar esa tendencia. Mais en 1975 e 1976 comezaron de novo as reivindicacións, as protestas, as mobilizacións. E para todos os que se sumaron a este novo pulo da loita social, os acontecementos de 1972 foron a meta que se quixo repetir e superar no referente ao heroísmo e solidariedade amosado en momentos tan dramáticos polos traballadores e traballadoras galegos.

Hoxe, trinta e tres anos despois, asistimos a un retroceso continuo dos dereitos sociolaborais. En breve: os convenios non se cumpren en moitas empresas; a xornada laboral excede a legal; non se pagan as horas extras; endurécense os requisitos para acceder ás pensións e aos seguros de desemprego; privatízanse servizos públicos; etc.

As taxas de desemprego andan por volta do 13% e vinte mil galegos e galegas emigran cada ano; a temporalidade atinxe ao 35% de todos os contratos existentes... A inspección non actúa sempre e como debera; as Mutuas, en moitos casos, son meros representantes das empresas; etc.

Hai medre da economía, malia que só as grandes transnacionais e sectores moi limitados das clases medias se benefician. A maioría social ten que traballar máis para gañar o mesmo ou menos, e a precariedade atinxe xa ao 50% da clase obreira.

O aumento da estratificación social, da precariedade e perda de dereitos laborais, o carácter regresivo da fiscalidade, e o trato desigual entre territorios (que foron convertendo en pobre un país con tanta riqueza potencial como Galiza) foi posíbel porque agora, como en 1972, unha parte importante do sindicalismo acompaña pasivamente estas medidas, e mesmo nalgún caso apoiounas abertamente (tampouco non podemos esquecer a postura neoliberal da socialdemocracia). E ademais, porque se foron recortando e cuestionando dereitos democráticos que custou moito gañar, como o de folga e os piquetes informativos. As sentenzas de Lugo a 3 afiliados da CIG son un exemplo, ou a acusación a catro cadros sindicais da nosa central por mor da folga de Transportes La Unión.

Son estes compañeiros e compañeiras, así como todos aqueles que se manifestan contra o peche de empresas, os incumprimentos de convenios, os despedimentos inxustos, a persecución por motivos sindicais ou calquera tipo de discriminación os que están loitando para que melloren as condicións laborais e sociais tanto nas súas empresas como no conxunto de Galiza. Deste acumular de forzas e das novas experiencias xurdirá (como en 1972) a xustiza social, a democracia participativa, unha maior identificación como pobo e a construción da soberanía nacional.


Celébraranse manifestacións en:

Pontevedra.
Ás 11:30 horas diante do Pazo da Cultura.

Ferrol.
Ás 19:30 horas no Monumento ao 10 de Marzo.


Na defensa dos dereitos sociolaborais!
 
 
 
pdfDescarga, imprime e difunde.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 24/02/2005
cig.informatica