|
Actualidade CIG-Comunicación-
Un total de 149 traballadores de Ence votaron a favor da revocación do actual Comité de Empresa, frente a 78 que votaron en contra, o martes 15 de febreiro. A pesar deste resultado, a Federación de Químicas e Enerxía continuará defendendo que a solución ao problema de Ence en Pontevedra pasa por unha negociación respectando a legalidade vixente. O secretario nacional da Federación de Químicas e Enerxía da CIG cualifica de “golpismo” sindical a decisión de CCOO -co apoio da dirección de Ence- de facer unha convocatoria para revocar o Comité de Empresa, no que a CIG era, até o de agora, maioría. Ademais, considera que a actitude da Xunta de Galiza é de “golpismo” institucional por intentar supramunicipalizar a toma de decisión a respecto da concesión a Ence de ubicar en Lourizán a fábrica de papel tisú. Paz Lamigueiro advirte que pode chegarse tamén ao “golpismo” político, intentado pasar a competencia de Lourizán de Costas a Portos, para satisfacer os desexos da empresa. Fermín Paz resume o proceso de Ence en tres fases. A primeira fase é na que se presenta a solicitude de licencia para a ampliación da actual planta de pasta e para construír a fábrica de Tisú, co apoio de Caixa Galicia e Georgia Pacific (que ten o 60%). Nese momento, e diante do proxecto presentado, o Concello expresa as súas reservas en base a legalidade vixente. Na segunda fase, logo de manifestar o goberno municipal o rexeitamento da instalación da fábrica de papel en Lourizán, a Xunta de Galiza pasa a tomar parte no conflicto. O secretario da Federación de Químicas e Enerxía da CIG define este cambio de actitude como de “golpismo” institucional en canto que a supramunicipalidade é un intento de darlle cobertura legal por parte do goberno galego. A Xunta, alegando o carácter supramunicipal do proxecto de Ence intenta pasar por riba do Concello de Pontevedra para outorgar a licencia á empresa. “Nese momento a CIG xa falaba da necesidade de que se iniciara un proceso de negociación, sempre atendendo á lexislación en vigor”, lembra Paz Lamigueiro. É o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) quen nega -previa presentación dun recurso contra a Administración autonómica- á propia Xunta, a capacidade de intervención supramunicipal neste asunto e limita a súa capacidade de decisión a dar autorización a Ence de rematar as obras da planta de tratamento biolóxico de efluentes, ou sexa, a primeira parte do proxecto sectorial supramunicipal aprobado pola Xunta de Galiza. Polo tanto, para poder continuar co proxecto, se o TSXG non resolve outra cousa, a empresa precisa licencia municipal. Na terceira fase, a actual, á que Paz Lamigueiro define como de “golpismo” sindical, CCOO convoca unha asemblea para tratar de revocar o Comité de Empresa co apoio de Ence. O perigo está en que agora se inicie a fase do “golpismo” político, dando pé, como xa insinuaron algúns portavoces do PSOE, entre outros Cristina Narbona, a que se pase a competencia sobre Lourizán de Costas a Portos. Unha argucia ilegal para xustificar que Ence teña autorización para o seu proxecto de consolidación en Lourizán. Fermín Paz chama a atención tamén sobre o chamamento ao diálogo de Emilio Pérez Touriño. “Foi a CIG quen defendeu a negociación, antes mesmo de que a Touriño se lle ocorrera esa posibilidade. A diferencia entre ambos está en que a CIG sempre insitíu na necesidade de levar a cabo esa negociación tendo en conta a legalidade vixente”. Ademais, o secretario nacional da Federación de Químicas e Enerxía insiste en que a CIG non vai calar ante esta ofensiva e afirma que “desde a responsabilidade sindical sempre miraremos con lupa a compatibilización da necesaria industrialización coa legalidade e cos intereses da cidadanía”. O pasado día 7 de febreiro grabábase na Televisión de Galiza o programa “A Chave”, ao que a CIG estaba convidada para debater precisamente sobre este tema. Desde aquela e por razóns pouco convincentes o debate non se emitiu e foi substituído mesmo por unha película de vaqueiros. Para Fermín Paz Lamigueiro, un dos participantes na grabación do debate, esta misteriosa desaparición do programa no que se trataba a polémica de Ence ven reforzar a teoría do “golpismo” institucional. Nun comunicado, a sección sindical da CIG de Caixa Galicia quere amosa a súa solidariedade cos compañeiros da CIG do Comité de Empresa de Ence, pola presión á que estiveron sometidos nestes últimos meses. Desde a sección sindical da CIG de Caixa Galicia lamentan que se tomara a decisión de revocar o Comité de Empresa, a pesar do bo traballo que realizou na defensa dos dereitos dos traballadores. |
|||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 16/02/2005 |