|
Actualidade CIG-Comunicación-
Coa intención de imprimirlle un carácter transversal ás políticas de xénero e que estas sexan asumidas por todas as persoas que forman parte da central sindical e por todas as estruturas da organización, as delegadas asistentes ao Congreso Extraordinario aprobaban por unanimidade a “proposta de Transformación da Secretaría da Muller”. Esta proposta contempla a “desaparición da Secretaría como colectivo, de xeito que forme parte da estrutura de goberno do ámbito confederal, integrando a Secretaría da Muller dentro dos órganos de dirección da Confederación, é dicir, dentro da Executiva Confederal, en cada unha das Executivas, e en cada unha das Federacións, tanto a nivel nacional como comarcal”. Trátase, en síntese, de fomentar a participación das mulleres na toma de decisións, a través da integración nos órganos de dirección, representación e procesos congresuais, acadando así a asunción dos criterios de xénero a través da participación das mulleres en todas as estruturas da organización.
Enténdese que o enfoque de xénero, en todas as accións levadas a cabo desde o sindicato, é imprescindíbel para analizar as cuestións relativas ao desenvolvemento sindical en termos de igualdade, benestar e calidade de vida, evitando excluír ás mulleres e considerando cal será o efecto. Preténdese garantir a transversalidade partindo de que é “unha estratexia global que fundamentalmente se basea na necesidade de introducir e aplicar medidas concretas (Accións Positivas) que contribúan a mellorar a situación actual das mulleres no ámbito sindical”. Nese sentido, aprobáronse como resolucións a necesidade de que exista un compromiso claro por todas as partes; o uso dunha linguaxe non sexista; a realización dun estudo no que se analice a situación das mulleres e homes; promover a formación en materia de Igualdade de Oportunidades; fomentar a coordinación entre seccións e secretarías; aplicar actuacións de sensibilización e elaborar un Plano de Igualdade que rexa as actuacións do sindicato nesta materia.
O relatorio fai especial fincapé na negociación colectiva como instrumento da promoción da igualdade de oportunidades. Considérase que a negociación colectiva supón un instrumento potencial para a eliminación da discriminación da muller no mundo laboral e asalariado, e un medio esencial para promover a igualdade de trato no traballo, oír e atender as preocupacións e intereses das mulleres. “Supón conseguir acadar unha remuneración igual para un traballo de igual valor, é garante da ampliación da protección legal á maternidade e dos dereitos que promovan un maior equilibrio entre o exercicio da maternidade e a paternidade e o traballo e as responsabilidades familiares”. O documento analiza a escasa incorporación dos temas de xénero na negociación colectiva e conclúe que se debe a “unha menor cobertura das mulleres nos procesos de negociación colectiva, a unha sub-representación das mulleres nos segmentos máis precarios e desregulados do mercado laboral, á escasa presenza feminina entre os dirixentes sindicais e nas instancias negociadoras, á pouca capacitación dos traballadores e traballadoras para negociar coas e cos empregadores cláusulas relativas á promoción da igualdade de oportunidades e de trato, e finalmente a unha baixa priorización do tema de xénero nas estratexias sindicais”. O Congreso Extraordinario da Secretaría da Muller da CIG acordou ademais expresar o seu apoio á compañeira Ana Lois Navaza, ante a situación de acoso laboral que está a sufrir dende hai anos e, por extensión, a todas as traballadoras nesta situación.
|
|||||||||||
|
ÚLTIMA REVISIÓN: 08/02/2005 |