ActualidadeVolver a Actualidade


Santiago, 25 de febreiro de 2005

O Consello Escolar de Galiza solicita, por unanimidade, a revisión da medida da CIUG que prohíbe o seu uso nas PAAU
CIG-Ensino demanda o uso das calculadoras nas probas de acceso á Universidade
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
A supresión das calculadoras nas PAAU conlevará inevitabelmente que se deixen de utilizar nas aulas, co que non só non se acadará un dos obxectivos do Bacharelato senón que tamén se renunciará á utilización dun importante recurso didáctico. A calculadora non só serve para facer con rapidez cálculos engorrosos, tamén é un recurso de primeira magnitude para introducir conceptos matemáticos que están no currículo do Bacharelato.
 
O Consello Escolar de Galiza aprobou por unanimidade solicitar ao presidente da CIUG a revisión da decisión de suprimir o uso da calculadora para que o alumnado galego poida usala nas probas de acceso á Universidade. A CIG-Ensino considera que esta medida, coa que está en desacordo unha grande parte do profesorado de Matemáticas, debe ser reconsiderada.

A finais de novembro de 2004 os centros de ensino que imparten Bacharelato recibiron unha comunicación da Comisión Interuniversitaria de Galiza (CIUG) na que se lles notificaba a supresión do uso da calculadora nas Probas de Acceso á Universidade (PAAU) na materia de Matemáticas do Bacharelato Científico e Tecnolóxico. Este cambio débese, segundo a CIUG, entre outras razóns, a que o feito de poder usar calculadoras de distinto tipo “conleva situacións de inxustiza e desigualdade de oportunidades entre os alumnos” e a que “nas pasadas convocatorias vénse observando unha evidente e preocupante diminución da facilidade de cálculo”.

A CIG-Ensino considera que esta medida, coa que está en desacordo unha grande parte do profesorado de Matemáticas, debe ser reconsiderada porque o feito de que o alumnado se vexa obrigado a facer as operacións de cálculo de xeito manual conleva unha grande perda de tempo nun exame deste tipo e a potenciación do uso racional das calculadoras é un dos obxectivos mencionados nos Deseños Curriculares Base de Matemáticas da ESO e do Bacharelato (é preciso incorporar, no currículo de matemáticas, o uso de todos aqueles recursos tecnolóxicos -calculadoras e programas informáticos- que resulten axeitados para o desenvolvemento de determinados procedementos rutineiros) por motivos compartidos por todas as asociacións de profesorado de Matemáticas, tanto galegas como do Estado e internacionais.

A supresión das calculadoras nas PAAU conlevará inevitabelmente que se deixen de utilizar nas aulas, co que non só non se acadará un dos obxectivos do Bacharelato senón que tamén se renunciará á utilización dun importante recurso didáctico. A calculadora non só serve para facer con rapidez cálculos engorrosos, tamén é un recurso de primeira magnitude para introducir conceptos matemáticos que están no currículo do Bacharelato.

Outra razón importante para reconsiderar esta medida é o prexuízo que a mesma vai supoñer para o alumnado galego ao permitir o resto das Comunidades Autónomas do Estado a utilización das calculadoras nas PAAU. Non deixalas usar na Galiza significaría que o alumnado galego está en situación de discriminación respecto ao alumnado doutros territorios para o acceso ao distrito único, posto que se lle están a negar facilidades que teñen outros na realización do exame da Matemáticas o que pode implicar peores cualificacións nas PAAU.

Polas razóns expostas, a CIG-Ensino dirixiuse a semana pasada aos rectores das tres Universidades galegas, ao director xeral de Universidades e ao presidente da CIUG para demandar que se reconsidere esta medida, totalmente desproporcionada para evitar a disfunción que actualmente se produce: a discriminación do alumnado segundo o tipo de calculadora que utilice. Así mesmo, o Consello Escolar de Galiza aprobou por unanimidade solicitar ao presidente da CIUG a revisión desta medida para que o alumnado galego poida usar a calculadora nas probas de acceso á Universidade.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 25/02/2005
cig.informatica