|
Actualidade / Artigo CCOOmPPlices Clodomiro Montero Martínez-
Hai Congresos e Congresos, mais o que vén de celebrar CCOO-Correos na capital da Galiza foi sen dúbida o máis clarificador dos últimos tempos. Quedou plasmado o que moitos sabiamos, CCOO e PP comparten unha mesma visión económica e social a nivel de Estado e polo tanto a nivel galego. Sen dúbida a foto de Fraga e Fidalgo compartindo tribuna serve de resumo do que alí aconteceu, mais non foi a única xa que por este Congreso sindical pasaron tamén o vicepresidente da Xunta, Núñez Feijoo, e altos directivos da empresa. CCOO-Correos aprobou no seu Congreso solicitar do goberno un esforzo inversor para adecuar correos ao libre mercado antes da súa privatización, seica o investimento solicitado podería chegar aos 1.000 millóns de euros; polo de pronto, xa existiría un compromiso de investimentos para este ano por valor de 300 millóns de euros. Con que frialdade se pide que paguemos todos e todas con diñeiro dos nosos impostos para beneficio dos futuros compradores de Correos. Pero sen dúbida o discurso máis clarificador foi o de Núñez Feijoo, que subliñou que CCOO e o PP comparten a defensa duns Servizos Públicos con xestión empresarial, é dicir, a privatización pura e dura do estado do benestar (nestes caso falamos de correos, pero o mesmo vale para o ensino, a sanidade ou as pensións). Quedo coa foto de Fraga e Fidalgo, todo un símbolo dos “novos” aires que se respiran en CCOO.
ÚLTIMA REVISIÓN: 25/02/2005 |