ActualidadeVolver a Actualidade


Vigo, 4 de febreiro de 2005

Por unha Europa dos pobos, solidaria e con xustiza social
Esta Constitución Europea NON
 

CIG-Comunicación-

cig.prensa@galizacig.com


  Clic para aumentar
Por unha Europa dos pobos, solidaria e con xustiza social, vota NON a esta Constitución Europea, pois afortala o libre mercado e a precariedade laboral, nega os dereitos nacionais e está feita á medida dos poderosos.
 
O vindeiro 20 de febreiro realizarase no Estado español o Referendo para aprobar ou non a Constitución Europea. En principio, todo sinala que a participación vai ser moi baixa; non pode ser doutro xeito xa que a preparación deste documento básico se fixo á marxe dos cidadáns e cidadás, ás agochadas, e a esta altura poucos son os que o coñecen.

Os promotores do si, ademais de empregaren o inmenso poder económico, utilizan a fraude cando afirman que un voto afirmativo é igual a estar a prol da integración europea, e mesmo que disto depende sermos ou non europeos. Son mentiras para incautos e o medo de que a xente analice libremente o documento.

Argumentan algúns que unha UE forte, sexa cal sexa, será unha alternativa progresista á abafante hexemonía dos Estados Unidos. Esquecen que a UE vén adoptando medidas semellantes no económico e no social ás norteamericanas, e que apoiou cada unha das intervencións militares (Bosnia, Kosovo, Afganistán, Haití, etc.) e que dá folgos á oposición naqueles países con gobernos antiimperialistas como Cuba e Venezuela. Só en Iraq mantiveron algúns estados da UE matices e diferenzas sobre a agresión e ocupación, ou sexa, de tipo táctico.

Na práctica, dicir non a esta constitución obriga a debater un novo texto, que sería una nova oportunidade para redactar outro con criterios progresistas, e polo tanto favorábeis para a clase obreira galega e os dereitos nacionais de Galiza, para construír unha Europa democrática, plural, participativa, solidaria.

Non se trata de sermos europeos -que xa o somos- senón de que a UE sexa garante de principios progresistas, de solidariedade, de respecto á pluralidade cultural, lingüística e étnica. A Unión debe pular pola igualdade de xénero, unha economía sostíbel, a participación cidadá, a xustiza social, etc., e pola contra este texto serve de base para afortalar un modelo que concentra e centraliza, e que potencia as desigualdades entre territorios e clases. Temos unha proba nos 19 anos de integración e as consecuencias para sectores enteiros da nosa economía: a desfeita do rural, as altas taxas de paro e precariedade, a despoboación e emigración en aumento...


Outros aspectos esta Constitución:

• Non recoñece a pluralidade lingüística, nin a diversidade cultural e identitaria, ignorando as nacións sen estado.

• Non asume un dereito fundamental como o de autodeterminación, e impide que as nacións sen estado propio, como Galiza, acaden a plena soberanía.

• Teima nas políticas de flexibilidade, en lugar de procurar o pleno emprego e eliminar a precariedade laboral.

• Non recoñece o dereito ao traballo, aínda si que a traballar, que é como nada.

• Non se fai mención á igualdade entre mulleres e homes, e non se recoñecen os dereitos sexuais e reprodutivos.

• Supedita o modelo social e ambiental a unha economía de mercado e á competitividade.

• Restrinxe a capacidade do estado para organizar os servizos públicos, abrindo as portas á súa total privatización.

• Sacraliza o modelo neoliberal e as políticas monetaristas.

• Non garante a soberanía alimentaria e o emprego rural, xa que se aposta en exclusiva pola produtividade.

• Outorgáselles ás empresas transnacionais mecanismos especiais de intervención directa sobre o poder político (lobbies).

• Óptase por unha política militarista, supeditada á OTAN.

• Non se asume o fenómeno da inmigración e da emigración desde unha óptica solidaria.

• É unha constitución pechada, blindada e polo tanto practicamente imposíbel de modificar, xa que se necesitaría o acordo de todos os estados membros.


Defende os teus intereses como galega ou galego, traballador ou traballadora, e no referendo vota NON a esta Constitución Europea

 
 
 
pdfDescarga, imprime e difunde.

 
Volver a Actualidade

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 04/02/2005
cig.informatica