Actualidade / Opinión Volver


Santiago, 11 de febreiro de 2005

DESDE O VENTRE DA BALEA
A lingua galega no Congreso do Estado pola boca pequena

 

Rafa Villar-

CIG-Normalización Lingüística


Desde o españolismo imperante sempre se louvou o bilingüismo, as súas virtudes, etcétera, mais sempre se pediu que o practicasen os outros. Así, sempre nos reservaron as excelencias de sermos bilingües a outros (aos galegos, vascos e cataláns), mentres que eles ficaron no seu contumaz monolingüismo.



  Clic para aumentar
En proxecto está facer do Senado un lugar reservado ao plurilingüismo do Estado, dando visibilidade á existencia doutras linguas diferentes do español, que por mor de razóns histórico-políticas son linguas dese mesmo Estado, aínda que non linguas españolas. Porque esa é outra falacia que cómpre combater. É un absurdo carente de todo rigor científico e filolóxico considerar o galego, o vasco e o catalán linguas españolas, só polo feito de que as nacións que as teñen como linguas propias estean integradas (a esta altura da Historia, a cal é sempre reversíbel ou modificábel) no Estado español.
 
O galego, como lingua propia dunha nación sen Estado (deixemos á parte esa póla histórica denominada ‘portugués’), padece unha minoración evidente, que tamén se manifesta nas estruturas do Estado español. Como é ben sabido, nas dúas cámaras de representación política do Estado, o Congreso e o Senado, a lingua galega é pouco menos que unha lingua proscrita, como o son o catalán ou o eusquera, fronte ao español, autoconstituído no idioma por excelencia de ambas as dúas institucións estatais.

De cando en cando (unha vez ao ano), vén sendo norma que no Senado se poida escoitar algunha intervención niso que algúns españolistas teimudos denominan ‘linguas vernáculas’, como para dar satisfacción ao que agora chaman o “nacionalismo insaciábel” (en palabras recentes aínda da presidente do PP de Euscadi). E en proxecto está, nesta mesma cámara, facer do Senado un lugar reservado ao plurilingüismo do Estado, dando visibilidade á existencia doutras linguas diferentes do español, que por mor de razóns histórico-políticas son linguas dese mesmo Estado, aínda que non linguas españolas. Porque esa é outra falacia que cómpre combater. É un absurdo carente de todo rigor científico e filolóxico considerar o galego, o vasco e o catalán linguas españolas, só polo feito de que as nacións que as teñen como linguas propias estean integradas (a esta altura da Historia, a cal é sempre reversíbel ou modificábel) no Estado español.

Pero vou por onde ía, que a cousa ten o seu aquel. Esta mesma semana o presidente do Congreso dos Deputados viuse na obriga de facer unha pequena concesión ante o empurre e a teimosía dos diferentes grupos e deputados nacionalistas presentes nesta cámara. A ‘graciosa’ concesión vai consistir en que se permita o uso do galego, catalán e eusquera no Congreso español, sempre e cando se faga de xeito “escueto” (sic) e coa conseguinte tradución inmediata ao castelán. Algo así como o famoso ‘bilingüismo harmónico’ pero tamén instantáneo.

Por certo, que nisto do bilingüismo hai outra cousa que resulta simpática. Desde o españolismo imperante sempre se louvou o bilingüismo, as súas virtudes, etcétera, mais sempre se pediu que o practicasen os outros. Así, sempre nos reservaron as excelencias de sermos bilingües a outros (aos galegos, vascos e cataláns), mentres que eles ficaron no seu contumaz monolingüismo, polo que só caben dúas conclusións: ou eles son realmente dos bos e xenerosos e se nos fan bilingües é polo noso único ben, o noso progreso e o noso benestar; ou é que realmente iso de ter que ser bilingües á forza é unha condena que non queren para eles pero si vale para lles receitar aos outros.

En fin, que se cadra os galegos e galegas teremos que nos aledar por podermos ouvir o idioma de noso no Congreso dos Deputados (de forma telegráfica, non vaia ser o demo), na voz dos nosos representantes nas Cortes españolas. Claro que non hai que ser moi espelido para pensar que isto acontecerá só no caso dos dous deputados nacionalistas.


Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2005.

Rafa Villar é escritor e responsábel do Departamento de Normalización Lingüística da CIG.

 
Volver

Volver ao princípio


Ir á páxina de inicio
Confederación Intersindical Galega
www.galizacig.com

ÚLTIMA REVISIÓN: 11/02/2005